Nunha entrada anterior falabamos da observación como estratexia fundamental para poder avaliar os procesos de aprendizaxe que se dan nas nosas escolas. Para que esta observación sexa enriquecedora é necesario empregar ferramentas que nos axuden a recompilar os datos do xeito máis obxectivo posible.
A documentación fotográfica debe ser unha oportunidade de narración, as imaxes tomadas pódennos contar, revelar, encontrar, capturar, contaxiar ideas, pensamentos, accións, supón conservar a memoria do vivido, sentido, experimentado,…
A cámara de fotos constitúe unha grande retina capaz de captar imaxes e retelas, facilitando a súa visualización unha e outra vez por diferentes persoas que achegan significados e opinións con diferentes puntos de vista que nos axudan a describir a realidade.
- A imaxe amósanos unhas nenas e nenos competentes, capaces e seguros, dentro dun contexto que estimula e potencia a súa creatividade.
- A actividade desenvólvese ao aire libre, o grupo de nenas e nenos atópanse con material variado para desenvolver a súa imaxinación,
- Son libres para explorar, experimentar e crear, ante a presenza do adulto, que exerce un rol de guía, nun segundo plano observando cada situación de aprendizaxe.
- As crianzas son capaces de concentrarse no que están a facer, interésalles, gozan, estano a vivir, prodúcese unha aprendizaxe significativa. Significativa por desenvolverse nun contexto de socialización, de liberdade de movemento, de posibilidades de acción.
Con esta proposta a escola ten en conta varios aspectos recollidos no currículo;
- Os nenos e nenas constrúen as súas aprendizaxes en interacción co medio. Dependendo da calidade da interacción que establezan co medio, así será a calidade da súa construción.
- A organización dos espazos debe garantir a súa flexibilidade, é dicir, debe posibilitar que non todas as nenas e nenos fagan o mesmo ao mesmo tempo, e tamén debe permitir unha variedade de usos dos diferentes espazos ao longo da xornada e mesmo ao longo do curso.
- Os espazos exteriores deberán ser obxecto do mesmo coidado e planificación que os interiores, explorando as diversas posibilidades de aprendizaxe e interacción que ofertan, sobre todo nuns momentos en que a actividade se desenvolve maioritariamente entre iguais, libre da carga dirixista do adulto.
- Deberán propoñerse situacións educativas que ofrezan múltiples posibilidades de percibir, actuar, experimentar e descubrir, aproveitando, deste xeito, a capacidade das nenas e nenos de aprender a través dos sentidos, actuando, manipulando e experimentando con obxectos e materiais diversos.
A documentación sistematizada das propostas e actividades que os nenos e nenas realizan na escola infantil constitúe unha parte importante do noso traballo educativo. As experiencias recollidas en imaxes posibilitan unha análise e avaliación continuas de cada un, da calidade das propostas e da posición da educadora, á vez que permiten poder compartir o noso traballo, con inmediatez e axilidade, coas nosas compañeiras, familias e outros profesionais.
Equipo de traballo da Escola Infantil Haurtzaro.
Comentarios recentes