Arquivo da categoría: Sen categorizar

Un tempo de descanso

 

Antes de iniciar as vacacións do mes de agosto queremos darvos as grazas a todas as persoas que participastedes neste blog e canal de youtube para acompañar ás nenas e nenos e ás súas familias, e tamén para acompañarnos entre profesionais e seguidores de cara a compartir distintas experiencias educativas.

Parécenos que debemos enfocar o traballo que nos toca vivir como un reto e posibilidades para seguir medrando como profesionais e continuar ofrecendo a mellor calidade educativa aos nenos e nenas e as súas familias. Esas posibilidades seguen indo cara a propostas educativas que camiñan cara unha idea de infancia activa e capaz. Entre todas e todos fomos falando, debatendo e creando formas de facer para que a nosa labor profesional se axuste ao contexto actual e siga a intentar xerar os mellores ambientes educativos para os pequenos e pequenas

Sabemos que houbo que dar un esforzo importante e, sobre todo descoñecido, nestes meses. Este esforzo e adicación especial vai continuar para o inicio do vindeiro curso 2020-21. Por iso queremos facer unha aposta comprometida onde a incertidume sexa un motor moi potente para estar máis atentas e atentos de cara a poder responder, o mellor que poidamos, ás necesidades de familias e cativos e cativas. Esta resposta será diferente e axustada porque está planificada dende un ambiente coidado, pensado, diverso e organizado nos detalles

Desexamosvos un tempo de descanso que vos axude a recuperar folgos e enerxías para iniciar un curso, seguro moi interesante e intenso, con novas ideas, intereses e ilusións, coa necesidade de seguir:

… traballando dende as emocións

… experimentando sensacións

… fomentando a autonomía.

… traballando as competencias para interactuar co ambiente…

… ofrecendo posibilidades….

… pensando e facendo que as metas son e sexan alcanzables.

… dando prioridade desde a escola ao establecemento de vínculos cos demais.

Entre todas e todos compartimos unha gran aventura educativa que supón traballar con persoas únicas que merecen o mellor de todos nós. Por iso sigamos traballando para que os nosos esforzos axuden a cambiar a maneira de ver e tratar á infancia.

Unha aperta a todas e todos e moi boas vacacións. Achegamos unha reflexión que se denomina E houbo tempo para…,onde podemos ver como queda preparada unha escola de cara a recibir aos nenos e nenas e ás súas familias no mes de setembro. Vémonos á volta!!!.

Equipo de Atención Educativa da Rede de Escolas Infantís

 

Selos naturais

Proposta plástica que nos achega a Escola Infantil de Muros

Nome: selos con elementos naturais

Idade: 1 a 2 anos.
Obxectivos:
Manipular diferentes texturas.
Experimentar con diferentes materiais.
Desenvolver a capacidade creativa.

Materiais:
Plastilina ou masa de fariña.
Cunchiñas, sementes, piñas, paus,…
Mantel individual de silicona ou táboa de cortar.


Descrición:
Durante todo o proceso faremos partícipes ás nenas e nenos. Se é posible, recolleremos con elas e eles os distintos elementos da natureza que queiramos para despois selar. Aproveitaremos o momento para xogar, experimentar con eles, clasificalos,…
E pasamos a preparar o noso selado!
Coa plastilina, abrandamos e formamos unha bóla, que a continuación, coa axuda do rolo, estiramos sobre o mantel individual ou a táboa de cortar.
E só queda comezar a xogar co selado, experimentar coas diferentes texturas dos materiais, as pegadas, formas, debuxos,… que deixan.
Podemos facer as composicións que queiramos e ao voso gusto, poñemos a voar a imaxinación!

 

 

 

 

 

Selos con follas: Outro xeito moi sinxelo para a experimentación de cos selos naturais, son as follas.
Idade: 1 a 3 anos
Materiais:
Papel.
Follas naturais de diferentes tamaños.
Esponxas e pinceis.
Témperas de cores.
Descrición:
Colocamos a pintura nun recipiente e coa axuda da esponxa ou do pincel, pintamos a folla como máis nos guste. Logo nun papel branco poñemos a folla enriba, presionando para que nos quede marcada e, a divertirnos de novo!

Un poema redondo

Nome: Un poema redondo

Idade: Todas as idades

Obxectivos:

Fomentar o interese e gozo pola literatura, en concreto pola poesía.

Potenciar os vínculos familiares a través da lectura.

Favorecer habilidades manipulativas.

Materiais precisos:

Cartolinas, tesoiras, pegamento, papel adhesivo, dou botóns, debuxos ou imaxes impresas.

Descrición:

                                              UN POEMA REDONDO

... la poesía ni se impone ni se enseña. La poesía, se filtra desde la emoción, desde la naturalidad, desde la palabra dicha en voz alta, desde el cariño y el afecto. Solo así se podrá poner el hecho poético en el lugar que le corresponde. Solo así se pondrá en valor el uso preciso y precioso de la palabra literaria.
(Antonio García Teijeiro)


A poesía é un xénero que aporta amplas posibilidades na educación infantil. Ademais de fomentar o interese pola lectura ten unhas características propias que lle confiren unha grande importancia nestas idades, tanto na forma como no fondo. Os versos breves, rítmicos, con sonoridade e musicalidade,… resultan atractivos para as crianzas e permiten estimular a atención, concentración e memoria. Ademais evocan imaxes de gran beleza e sensibilidade potenciando a transmisión das emocións e sentimentos e desenvolve o sentimento estético, a creatividade, a imaxinación,…
Desde o nacemento as nenos e nenas están en contacto co mundo das rimas, poemas, nanas,… que lles recitamos moitas veces para que se tranquilicen e relaxen ou para afianzar os vínculos familiares. Sería oportuno que a medida que vaian medrando sigamos potenciando o uso da poesía adaptándonos ós novos intereses e características das nenas e nenos.
Nesta proposta imos a achegar a poesía dun xeito diferente. Faremos unha poesía redonda, que permita que os nenos podan xogar coa a poesía, tocala e interpretala tamén a través de imaxes.
Deste xeito poderemos utilizala xa cos bebés recitando e amosando as imaxes do poema e aos máis grandes daralles a posibilidade de axudar a recitala, pois irán pasando as imaxes e pronunciando os nomes dos diferentes obxectos. Por último, dado as característica deste recurso poderán utilizalo de xeito autónomo, manipulándoo libremente e deixando que traballe a súa imaxinación.
Escolleremos unha poesía. Neste caso trátase dunha poesía do sol e da lúa do poeta Antonio García Teijeiro. Nela aparecen elementos que os nenos e as nenas recoñecen desde moi pequenos, o que facilitará o seu significado. Ademais tanto o extensión dos versos como do poema en si fanno apropiado, por non falar da fermosura e dozura que transmite.

O sol e a lúa
son moi bos amigos
se vos non o credes,
pechade os olliños.

Escriben poemas
que deixan nas rúas
con moito agarimo
o sol e a lúa.

O sol e a lúa
e certas estrelas
aledan con elas
ós nenos e as nenas.

Poema de Antonio García Teijeiro. Poemas do sol e da lúa,
en Trazos, trozos e retrincos (Xunta de Galicia, 1992).


Podemos debuxar ou buscar imaxes das palabras clave do texto, que aportarán un apoio visual.
Faremos dous círculos nunha cartolina. Dividiremos un no número de imaxes que queremos debuxar. No outro recortamos unha desas porcións. Colocamos as imaxes no primeiro círculo. No segundo podemos colocar o texto para que nos axude na lectura.


Colocamos unhas pestanas para que as pequenas e pequenos podan ir xirando e cambiando a imaxe. Forraremos con plástico adhesivo os círculos, o que permitirá que non se deteriore. Logo poñeremos un sobre outro e fixarémolos, pero permitindo o escorregamento. Podemos aseguralos por exemplo con dous botóns, suficientemente grandes para que non supoñan un risco. Recordemos que queremos que tamén os máis pequenos podan tocalo e manipulalo con liberdade.
Podemos incluír este recurso tanto na nosa biblioteca escolar como na da casa. A desfrutar das “precisas e preciosas palabras”!

Estampamos flores feitas con rolos de papel hixiénico

Dende a escola infnatil de Coles achegannos a proposta de estampar con tubos de carton.

Nome: Estampamos flores feitas con rolos de papel hixiénico

Idade: 1-3 anos

Obxetivos:

  • Desenvolver na creatividade e imaxinación
  • Desenvolver a motricidade fina
  • Experimentar cas distintas cores.
  • Potenciar la autoestima.
  • Adquirir autonomía na actividade realizada.
  • – Desenvolver a iniciativa propia.
  • – Desfrutar na actividade proposta

Materiais:

  • – rolos de papel hixiénico
  • – pinturas de distintas cores
  • – pratos de plástico
  • – catolina, folio ou papel continuo
  • – tesoiras

Descrición: A creatividade é unha capacidade fundamental no desenvolvemento e futuro dos nenos e nenas. Pintar é unha das maneiras principais de permitir os máis pequenos/as a liberdade de expresar os seus sentimentos e emocións. Ademais é unha vía para famializarse e relacionarse ca arte. Temos moitas maneiras de pintar e unha delas e estampar rolos de papel hixiénico facendo formas de flores, collendo os rolos e lles facemos uns pequenos cortes por abaixo e con eles estamparemos nunha cartolina, folio o papel continuo. O resultado e toda unha obra de arte que as crianzas lles encanta.

Ovellas, coellos e sapoS

Proposta da Escola Infantil de O Carballiño

NOME: Ovellas, coellos e sapos

IDADE: 18 meses a 3 anos

MATERIAIS:

  • Cinta adhesiva, manta e música

OBXECTIVOS:

  • Mellorar a capacidade de atención activa e concentración
  • Traballar a motricidade grosa
  • Desenvolver a coordinación viso- espacial
  • Traballar cos conceptos espaciais de dentro e fora
  • Traballar conceptos temporais: día e noite
  • Favorecer o xogo simbólico
  • Fomentar a imaxinación e a creatividade
  • Favorecer a ledicia en familia e as rutinas de exercicio saudable.

DESCRICIÓN:

A atención activa é una habilidade que se traballa en múltiples xogos para a infancia, un deles moi popular, o xogo das cadeiras musicais. Todos de nenos e nenas xogamos algunha vez a este xogo no que estabamos atentos para cando parara a música, sentarnos rapidamente para non quedar sen cadeira. A velocidade de resposta é unha das habilidades que se traballan dentro da atención activa e tamén a concentración para tender a orde de acción – reacción.

O xogo que imos facer é una variedade pero que aporta os conceptos espaciais de dentro –fora e viceversa.

  • Ovellas:

Facemos coa cinta adhesiva un recadro no chan que ata podemos decorar. Este recadro vai ser a casiña das ovellas, a granxa. Desta forma tamén aproveitamos para traballar conceptos relacionados cos animais.

Dicímoslle que eles/elas son ovelliñas, que están na súa casiña. Cando soe a música, todas as ovelliñas saen a pasear e comer herba fora da súa casiña. Mentres soa a música, todas están fora, pero cando se para de novo, teñen que volver correndo de novo a casiña. Repetimos tantas veces como queiramos.

  • Coellos :

É como o outro xogo, só que cambiando os elementos e o animal. Agora somos coellos. Imos poñer no chan unha manta dobrada (para que non ocupe demasiado espazo) que será os seus tocos. Dicímoslle que son coellos, que están xogando libremente polo campo, correndo, dando brincos, comendo… (eles/elas imitarán estes actos). De pronto, chega o lobo (auuuuuuuu), e os coelliños teñen que fuxir á presa e meterse dentro dos tocos (debaixo da manta). Os pais e nais poden facer o son do lobo ou buscalo en internet se queremos aportar máis realidade.

  • Sapos :

Colocamos a manta no medio do salón, que será o nenúfar onde descansa o sapo. Están descansando porque é pola noite, pero polo día saen do seu nenúfar e póñense a nadar pola auga e comer algunha mosca. Cando volve ser de noite, volven ao seu nenúfar.

Para facer as variacións do día e da noite, imos ensinar dous carteis (un do sol e outro da lúa) que previamente poden decorar os nenos e as nenas coas pinturas ou recortes que queiran.

Teñen que manter a atención visual para ver cando cambiamos de cartel e saber o que poden facer. Con esta variedade ademais está traballando o xogo simbólico das súas rutinas diarias.



 

Elaboramos o noso perfume

Proposta  que  nos achega a  Escola Infantil de Cangas Choupana

Nome Elaboramos o noso propio perfume

Idade: 2-3 anos

Obxectivos:

  • Coñecer e experimentar con elementos da natureza: flores, plantas, follas, herbas,…

  • Estimular os sentidos: vista, tacto e olfato

  • Exercitar a motricidade fina

  • Desenvolver a coordinación óculo-manual

  • Establecer relacións de cooperación con adultos

Materiais:

  • Flores variadas: rosas de varios tipos, jazmín

  • Follas de plantas aromáticas: menta, salvia, herba luísa, manzanilla

  • Morteiro

  • Auga

  • Alcohol etílico (¾ partes do frasco aproximadamente) (opcional)

  • Xeringa (opcional)

  • Frascos de plástico

Descrición:

A propia actividade exposta irá precedida doutra actividade en sí, que será a recolleita das flores e herbas nun paseo polo campo ou incluso no propio xardín da casa se é o caso.

As opcións de actividades con flores, así como con follas son inmensas: experimentar libremente con elas, desmiuzar os pètalos, usalas para pintar ou estampar, facer collages de flores e follas, etc.

Neste caso imos expoñer unha actividade moi sinxela para facer cos máis pequenos da casa; elaboraremos os nosos propios perfumes florais.

Unha vez teñamos recollidas todas as flores e follas e disposto todo o material necesario podemos comezar en familia coa elaboración.

O primeiro que faremos será facilitarlle as flores e follas aromáticas para que as desmenucen en pétalos; ao rematar meterémolas, ben as de cada tipo ou mesturadas, nun morteiro no que os nenos e nenas de seguro estarán encantados de esmagalas. No noso caso fixemos por un lado un perfume de mestura de dous tipos de flores e polo outro un perfume coa mestura de todas as follas aromáticas recollidas. Despois de estar bastante desfeitas engadirémoslle a auga (apenas que cubra os pétalos) e seguirán esmagando ata que notemos que a auga queda impregnada de certa cor e sobretodo do cheiro das flores ou herbas.

Unha vez conseguido isto só teremos que botar a mestura nos frascos, nos cales o adulto previamente botará o alcohol etílico (se se prefire esta receita podería facerse sen utilizar alcohol, pero a composición duraría menos tempo). Despois coamos a mestura para engadila aos frascos. Para que lles sexa mais doado de botar o líquido nos botes aos máis pequenos e pequenas, podemos axudalos enchendo unha xeringa do líquido do morteiro para que él/ela poida despois engadilo ao frasco e xa teremos os nosos ricos perfumes feitos.

Masaxe para bebés

 A Escola Infantil de Chantada fainos achega deste video sobre masaxes.

Nome da actividade: “Masaxe para bebés”

Idade : 0-1 anos

Materiáis:

Manta, crema corporal ou aceite de masaxe.

Obxectivos:

-Transmitir afecto e ternura ao bebé

-Relaxar e ofrecer una sensación de benestar ao bebé

-Coñecer mellor ao bebé e captar os seus estados de ánimo

-Experimentar sensación de benestar, non sólo física, senon emocional

Descrición:

Amosamos esta masaxe aos papás e mamás para que disfruten do contacto pel con pel , xa que é a mellor forma de mostrar e recibir afecto, asi coma de relaxar ao bebé.

 

Arte rupestre con pigmentos naturais

“Dende a escola infantil de Arzúa convidámosvos a manipular e experimentar a plástica a través dos pigmentos naturais”

Idade: 1-3 anos

Obxectivos:

  • Traballar a psicomotricidade fina e grosa
  • Favorecer a destreza óculo-manual
  • Desenvolver a creatividade e a imaxinación
  • Favorecer a atención e a concentración
  • Coñecer e distinguir novos olores
  • Aproximar a cultura e a arte rupestre

Material:

  • Especias que teñamos por casa
  • Material para poder pintar: pinceis, esponxas, paus…
  • Vasos

Desenvolvemento: Antes de comezar a mesturar e debuxar podemos explicarlles que era o arte rupestre e amosarlles algún que outro debuxo ou ensinarlles as covas de Altamira ou as da Pileta, que ofrecen visitas virtuais nas súas webs.

Primeiro debemos realizar as mesturas necesarias para obter pigmentos naturais. Mesturaremos en varios vasos ou recipientes auga con cada unha das especias seleccionadas. Neste caso utilizamos cúrcuma, pimentón, curry e café moído.

Unha vez realizada estas mesturas só nos queda deixar voar a imaxinación e facer o noso mellor cadro de arte rupestre. Podemos debuxar e pintar con pinceis, coas mans, con esponxas, con materiais naturais como paus e pedras.



A caixa da calma

 Proposta da Escola Infantil  Boiro Praia Xardín

Nome: A  caixa da calma

Idade: 2-3 anos

Obxectivos:

-Promover a xestión das emocións e aumentar o benestar das crianzas

-Desenvolver a creatividade

Materiais:

  • Unha caixa

  • Calquera tipo de material do que dispoñamos para decorala: pinturas, ceras, papeis, pegatinas…

  • Obxectos cunha significatividade para as crianzas (conto, boneco, coxín…)

  • Un caderno ou folios soltos

  • Frasco de plástico ou cristal

  • Xabón líquido transparente

  • Purpurina

  • Calquera tipo de obxecto pequeno para meter dentro do frasco: estreliñas, cunchas…

Descrición da actividade: Eliximos unha caixa que decoraremos ao gusto coas nosas nenas e nenos e metemos nela obxectos especiais que teñan o poder de axudar a calmar e relaxar. Cada caixa da calma é diferente e os obxectos poden variar, pero o seu uso e obxectivo son similares.

A que expoñemos aquí contén:

  • un osiño de peluche (obxecto agradable para soster nas mans)

  • un conto (que posúa unha significatividade para a nena ou neno). Pode versar sobre as emocións e así axudaralles a identificar o que están a sentir.

  • un bote da calma*

  • unhas pelotas sonoras (que para que soen ben hai que movelas amodo, o que invita a pausar e controlar o movemento do corpo e ademais producen un son relaxante).Tamén podemos utilizar un pau de chuvia, cunco tibetano, instrumento musical relaxante.. .

  • un caderno e pinturas (para expresar graficamente as emocións que están a sentir).

    Como a usamos?

    Cando vexamos que as emocións superan ás nosas nenas e nenos será o momento de utilizala. Ao principio haberá que orientalas e acompañalas a que a usen, axudándoas a verbalizar as emocións que están a sentir. Pouco a pouco irá collendo autonomía e aprenderá a xestionarse sabendo cando necesitará a caixa. Por suposto, a caixa está en constante evolución, sempre se poden engadir novos elementos.

Xoguetes para o baño

Sabemos que o momento do baño resulta moi pracenteiro para a maioría dos nenos, e que se temos algún xoguete a man, aínda o disfrutan máis. Dende a Escola Infantil de Pantón  envíannos esta proposta para facer uns sinxelos xoguetes flotantes.

– Nome da actividade: Xogamos na bañeira

Idade: Calquera  idade

– Obxectivos:

– Elaborar xoguetes flotantes con materiais de refugallo.

– Observar a flotación dos obxectos.

– Disfrutar do momento do baño.

– Descrición: Necesitaremos os seguintes materiais: 3 tapóns de cortizas; tapadeiras de botes; goma elástica; escarvadentes; pistola de cola quente; cartolina; cartón ou papel de cores; rotuladores, botella de plástico.

A elaboración é moi sinxela:

1º xoguete: Cortamos un anaco de cartón de forma triangular e pintámolo de cores, para facer a vela do noso barquiño, e pegámola ao escarvadentes. Logo unimos os 3 tapóns de cortizas cunha goma elástica e clavamos no tapón do medio o escarvadentes. E xa temos un barquiño feito!!!

2º xoguete: Cortamos outro anaco de cartón de forma triangular e pegámolo nun escarvadentes. Despois pegámolo na tapadeira cun puntiño de cola quente, e xa temos outro barquiño!

3º xoguete: o mesmo proceso anterior pero utilizando o cú dunha botella de plástico!!!

Tamén podedes utilizar palliñas ou tapóns de botellas de leite!!!!