Arquivo da categoría: RECURSOS PARA AS NENAS E OS NENOS

Camiñatas sensoriais

Proposta que nos achega a Escola infantil de Burela Os Castros

Idade: A partir de 2 anos.

Obxectivos:
Experimentar coas sensacións dos distintos materiais que conteñen as cubetas.
Identificar as sensacións producidas polos materiais.
Activar a curiosidade e descubrir o mundo que lles rodea.
Estimular todos os seus sentidos.

Materiais:
Varias cubetas, cantas máis mellor.
Distintos materiais (serrín, area, terra, pedriñas pequenas redondas, carbón…)
Distintos elementos( xelatina, , arroz, fariña, pan raiado, lentellas…)
Distintos materiais artificiais ( tubos de plástico, alfombra de céspede, esponxas azuis da construción….)

Descrición:
Colocamos nas cubetas os distintos materiais que queremos que experimenten con eles través do tacto dos pés.
As cubetas colocarémolas no chan, unha detrás da outra sen deixar espazo algún entre elas. As nenas e os nenos quitarán os zapatos e os calcetíns, quedando espidos os pés. Despois colocaranse en fila e irán pasando por enriba das cubetas e poderán experimentar través dos sentidos, as emocións que produce camiñar por enriba dos distintos materiais.

Barreños de auga

Dende a escola infantil de Forcarei acheganos unha proposta moi fresquiña.

Nome: Barreños de auga.

Idade: Dende que o neno ou nena se mantén sentado ata os 3 anos.

Obxectivos:

  • Explorar e experimentar con auga.
  • Interaccionar cos diversos materiais.
  • Crear novos elementos a partir de material de refugallo.
  • Desenvolver a coordinación óculo-manual así como a pinza dixital.
  • Estimular o sentido do tacto.
  • Fomentar o xogo simbólico.

Materiais:

  • Palanganas de plástico.
  • Barreños de aceiro inoxidable.
  • Auga.
  • Diversos materiais: de corcho, plástico, pedras,…

 

Desenvolvemento:

  1. Ofrecémoslle ao neno ou nena un barreño ou palangana con auga, para que poida comprobar se se salpica, se pode sumerxir a man, se pode mover a auga. Tamén lle podemos propoñer diversos materiais para que experimente con eles.

Segundo sexa o seu interese podémoslle ir ofrecendo elementos que teñan diferentes características como: coladores, vasos para que faga trasvase, algunha pala de cociña,…

 

  1. Facer barquiños a partir de material de refugallo: de papel para que floten, unha balsa feita con tapóns de corcho,…

 

  1. Pescar obxectos na auga, unha actividade motriz, empregando unhas pinzas, intentar coller tapóns de botellas de plástico para metelos en vasos, empregar trasvase.

  1. Lavado de bonecas, coches, animais,… e podémoslle engadir esponxas e xabón para o xogo simbólico.

Imitando animais

Dende a escola infantil de Vilagarcía-Vilaxoán achegannos unha proposta moi sinxela para facer cos máis pequenos e pequenas.

Nome: Imitando animais

Idade: De 1 a 3 anos.

Obxectivos:

  • Desenvolver a psicomotricidade grosa.
  • Estimular a imaxinación.
  • Coñecer os animais e as súas características.

Descrición:

Nesta actividade converterémonos en animais e imitaremos os seus sons e a súa forma de desprazarse. Propoñémosvos algunhas ideas:

  • Saltar como unha rá.
  • Andar como un pingüín.
  • Camiñar como un pato.
  • Desprazarse como un cangrexo.
  • Arrastrarse como un verme.
  • Trotar como un cabalo.
  • Brincar como un coello.
  • Voar como un paxaro.

Dentes de león

Dende a escola infantil de Boiro Saltiño achegannos unha proposta con dentes de león.

Nome: Dentes de león

Idades: a partir do ano ou cando as pequenas e pequenos comezan a camiñar.

Obxetivos:

  • Descubrir algúns elementos do contorno: dentes de león
  • Desfrutar dos elementos que nos ofrece a natureza: plantas ,herbas…
  • Descubrir as distintas texturas de algúns obxectos: áspero, rugoso, suave,…
  • Mellorar a motricidade fina.
  • Fomentar a curiosidade polo descoñecido.
  • Estimular os sentidos de tacto, vista e olfacto
  • Fomentar a creatividade.
  • Espetar o contorno natural.

Contidos:

  • Os distintos elementos da natureza: pétalos, sementes, flores…
  • A curiosidade polos elementos naturais típicos do contorno próximo
  • A estimulación dos sentidos: tacto , vista e olfacto
  • As distintas texturas dos elementos naturais.
  • Gusto e desfrute da natureza e dos elementos que nos proporciona.
  • A creatividade como motivación dos cativos.
  • O coidado da natureza

Materiais:

  • Elementos da natureza: flores, herbas, campos, dentes de león…
  • Rolos de papel hixiénico
  • Pintura de dedos
  • Papeis.

Descrición da actividade:

Desta vez, dende a escola queremos mostrarvos un novo conto “Dentes de león” da editorial Tramontana.

A nosa proposta vai encamiñada a desfrutar da nosa natureza, como se ve no conto, os dentes de león podemos atopalos en moitos lugares, moitos de eles seguro que non no los esperábamos, asi que, convidámosvos a aproveitar este tempo de verán e saír na busca de dentes de león; atopáchedes algún preto da casa?… Seguro que si.

A continuación deixar voar a creatividade… propoñemos que recortedes unha parte dos tubos de papel hixiénico e coa pintura de dedos facede estampación sobre o papel.

Desfrutade familias!!!

  

 

Animaste a vestirme?

A escola infantil de Carnota fai a proposta dun xogo ben sinxelo ao igual que creativo.

Nome da actividade: Animaste a vestirme?

Idade: 2- 3 anos

Obxectivos:

  • Fomentar a recoñecer as partes do corpo.
  • Diferenciar as distintas pezas de roupa.
  • Manter o interese da nena e o neno.
  • Favorecer a creatividade.
  • Desenvolver a psicomotricidade grosa na colocación das prendas.

Materiais:

  • Xiz de cores
  • Rotuladores de cores
  • Distintas pezas de roupa e calzado

Realización:

Aproveitando o bo tempo chegan con el máis propostas divertidas e creativas. Para esta ocasión achegamos unha moi divertida na que non faltarán os momentos de risa e diversión.

Para levala a cabo sé precisaremos ter unhas cantas xices á man e unha zona exterior na que podamos debuxar os nosos modelos. Neste caso, tamén poderemos aproveitar a nosa propia silueta deitándonos no chan e que outra persoa así como a nena ou nenos marque o noso contorno para de seguido poder vestilo.

 

 

 

 

 

 

 

O último paso é decoralo coa roupa e xogar a combinar coas diferentes pezas creando o noso look particular!

A xogar e crear!

Atopa o meu lugar

Dende a escola infantil de Cangas Choupana achegan unha proposta de xogo.

Nome: “Atopa o meu lugar”

Idade: 2 – 3 anos

Obxectivos:

  • Desenvolver habilidades motoras
  • Traballar a memoria visual
  • Favorecer a atención
  • Potenciar a coordinación óculo – manual
  • Recoñecer formas – obxetos

Material:

  • Papel continuo, folios ou cartóns.
  • Diferentes obxectos do cotiá: peites, moldes de cociña, tesoiras, celo, tarteiras, termómetro, garfo, coitelo, mando da TV…
  • Cesta ou similar para presentar os obxetos.

Descrición:

Nun folio ou papel marcamos as siluetas dos obxetos que imos presentar, e a continuación os poñemos nunha cesta ou similiar.

Para finalizar, crearemos un espacio o mais tranquilo e relaxado posible, onde colocaremos o material e dar paso o disfrute da proposta de xogo.

Outra alternativa ao rematar a primeira proposta sería gardar os obxetos no lugar onde se atopan habitualmente na casa, e pasado un tempo, pedirlle ao neno ou nena que os vaia buscar, por exemplo o peite no baño.

 

 

 

 

É importante ter en conta que o xogo motiva, e funciona como canle das aprendizaxes dos mais pequenos e pequenas.

Bingo de cores

Achega da Escola Infantil Boiro Praia Xardín para xogar toda a familia.

Nome: Bingo de cores (Xogo de mesa en familia)

Idade: 2-3 anos

Obxectivos:

  • Interiorizar as cores de forma lúdica
  • Desfrutar de momentos de ocio en familia
  • Crear xogos a partir de materiais presentes na casa

Materiais:

  • Cartón
  • Anacos de papel de distintas cores
  • Tapóns ou pezas diferentes (que farán a función de fichas)

 

 

 

 

 

Rol do adulto:
Consiste en colaborar coas nenas e nenos na preparación do material. En primeiro lugar debuxamos unha cuadrícula nun anaco de cartón, de forma que se dispoñan 9 espazos. Pegade en cada oco un anaco de cartolina.
Reservade un anaco de cada cor nunha bolsiña.
*Alternativa: se non tedes papeis de cores podedes pintar os ocos con pinturas,. En lugar da bolsa creade un dado, pintando cada cara dunha cor.

Descrición:

Cada participante dispón de un cartón, e de 9 fichas. A actividade consiste en quitar un anaco de papel da bolsiña, unha vez identificada a cor, taparémola no cartón cun tapón ata que tapemos todas as cores do noso cartón.

 

Canas de bambú

Dende escola infantil de Vigo Valadares achegannos unha proposta para facer con material natural, neste caso canas de bambú.

Nome actividade: Canas de Bambú

Idades: 2-3/ con adaptación para 1-2

Materiais: Canas de Bambú

Obxectivos:

  • Descubrir diferentes sons ao manipular as canas.
  • Fomentar as distintas posibilidades que nos ofrecen estes materiais: apilar, facer unha fila, intentar crear algunha forma xeométrica que xa coñezamos etc.
  • Descubrir novas sensacións ao tocar as cañas.
  • Introducir conceptos pequeno, grande, mediano.

Desenvolvemento da actividade:

Amosar as canas ás nenas e nenos e deixar que as manipulen libremente.

Poñer palabras aos diferentes descubrimentos que van facendo, ou características que van descubrindo coa súa manipulación: esa cana soa moi forte, o son da cana é moi agradable, puideches apilalas, fan ruído ao caer,…

Outra proposta pode ser acompañar coa percusión das canas unha pequena retahíla, conto ou cantiga.

Xogando na casa: como me sinto?

A escola infantil de As Neves acheganos un xogo  moi bo para identificar as partes do corpo e poder expresar como se atopan nese momento as pequenas e pequenos.

Xogando na casa: ¿como me sinto?

Idade: Pequenas e pequenos de 2- 3 anos

Espazo:
Onde a nena e o neno queira e se sinta máis cómodo

Obxectivos a traballar

  • Favorecer o recoñecemento e expresión das emociones triste, contento e enfadado
  • Poder expresarse de como se sente a través do xogo
  • Intentar poñer a boca e os ollos no seu lugar correspondente
  • Identificar as diferentes partes do corpo
  • Traballar os conceptos de arriba- abaixo

Materiais

  • Precisamos dúas cartolinas
  • Goma eva para facer as bocas e ollos
  • Velcro de dobre cara
  • Lapis
  • Rotulador ou permanente para repásalo
  • Pintura vermella se queremos que a crianza pinte ás bocas o seu gusto
  • Tesoiras
  • Pegamento


Desenvolvemento:

Primeiro debuxar un circulo na cartolina (que será a cabeza ) e o pescozo.

 

 

 

 

Despois estas pezas as pegamos nunha cartolina máis grande e lle debuxades o nariz ( para facilitarlle a crianza a colocación a boca e os ollos)

 

 

 

 

Logo facer as bocas e os ollos de contento, triste e enfadado para traballar as emocións e pegar pola parte de atrás das mesmas un anaquiño de velcro así como na cara para que a crianza as poida pegar e despegar.


Desenvolvemento do xogo
Preguntaredes a nena e ao neno se esta contento, triste ou enfadado para logo explicarlle que terá que buscar as partes do corpo que mais se asemellen a como se sente nese momento.


Fin do xogo:
Cando a pequena e o pequeno demostre desinterese pola mesma.

Pinta teas

Dende a escola infantil de O Pino achegamos outra forma de expresión plástica que tanto lles gusta as pequenas e pequenos.

Nome: “Pintateas”

Idade: a partir de 18 meses

Obxectivos:

  • Experimentar coas cores, reforzar o vocabulario e promover a súa discirminación.
  • Gozar da natureza e do exterior en familia.
  • Promover a expresión artística, a imaxinación e a creatividade.
  • Mellorar a coordinación óculo-manual.
  • Mellorar a concentración.

Materiais:

  • Unha tea ou saba.
  • Témpera ou pintura de tea.
  • Rotuladores téxtil permanentes.
  • Unha corda.
  • Pinzas.
  • Pedras grandes que atopemos na natureza.

Pasos a seguir:
Suxeitamos unha corda a dúas árbores, por riba colocamos unha saba branca suxeita con pinzas e pola parte inferior poñemos pedras sobre a tea para que se mantivera máis firme.  E xa está, ¡a pintar!

 

 

 


Podemos usar pintura de tea ou podedes pintar con témperas tamén se preferides.
Cando se secou a pintura os nenos/as pintaron polo reverso da saba con rotuladores téxtil permanentes, así por máis que lavemos a saba sempre nos quedarán os seus debuxos gravados.

 

 

 

 

Na fotografía superior podedes ver máis claramente como suxeitamos a saba con pedras.
E por último… xiramos a saba para crear un estupendo agocho decorado cos seus propios trazos.