Arquivo da categoría: COMPARTINDO EXPERIENCIAS COS EQUIPOS

E houbo tempo para….

A escola infantil de Vigo Valadares acheganos unha reflexión deste tempo na escola e a preparación da acollida do novo curso.

E houbo tempo para…

Nestes días sen escola non vos ten pasado que cando contades que estades indo a traballar a pregunta é: e que facedes se non hai nenos?

E na cabeza imaxes de todo o que levamos facendo e de todo o que aínda queda por facer; cousas, teño por resposta, é que é complicado explicar o traballo invisible que hai detrás de cada profesión, na nosa, a idea vai asociada ao coidado das pequenas e pequenos, parece lóxico para quen é alleo ao noso ámbito pensar que non hai máis. Haino, sabédelo moi ben, e ao longo deste mes que pasou voando houbo tempo de mimar aspectos que noutros cursos escolares, pasaban de puntillas na planificación do inicio de curso, e, ao mellor, alguén alleo ao noso traballo quede sorprendido ao recoñecer que non nos deu tempo a afondar en todo.

Os días escorréronse entre as nosas mans (cheas de hidroxel) mentres debatíamos como adaptar as medidas do protocolo, formalizacións de matrículas, organización dos espazos do centro, entrevistas coas familias, programacións, entre outras tarefas e unha vez máis as cuestións de carácter urxente marcadas pola necesidade de estar preparados para unha volta ás aulas segura, absorberon as importantes: as que medran no debate, as que supoñen abanear as ideas e que permiten cimentar un proxecto de escola.

No primeiro ciclo practicamente toda a xornada é de atención educativa, pouco queda para a cantidade de funcións que non son visibles e que conseguimos sacar adiante porque sen todo o que soporta detrás a nosa profesión, non nos sería posible exercela coa calidade suficientemente boa que merecen nenas e nenos.

Setembro preséntase máis preto, coa incerteza que a todas e todos nos provoca a situación de pandemia, pero coa seguridade de ter adicado tempo a mellorar a nosa escola e recibir con alegría ás nenas e nenos.

Despois de días con martelos, puntas, desaparafusador e parafusos, trade, pinceis, pintura, verniz, grampadoras, panos, desinfectantes, lixadora, papeis, bolígrafos, pegamento, silicona, fotos, ordenadores, regadeiras, metros, angazos, terra, mangueira, algún que outro artigo, debates intensos e non tanto, acordos e desacordos, proxectos… entre as mans, os espazos da escola agardan a ser descubertos, explorados e queridos polas nosas nenas e nenos. Estamos preparadas!

Que lle trasladamos as familias que levan por primeira vez ás súas fillas e fillos á escola infantil??

Dende a escola infantil de Vigo Valadares achegannos unha reflexión sobre a acollida dos nenos e nenas á escolas infantís.

Os inicios de curso están cheos de interrogantes por parte duns e doutros:

  • como será esa familia?
  • como responderán as miñas nenas e nenos?
  • estará ben a miña filla na escola?
  • será amable e atenta a súa educadora?

Sempre damos moita información de como deben actuar as familias, que deben facer para colaborar, e entre tantos datos de horarios, material que deben achegar, normas de convivencia,… pódesenos esquecer, o realmente importante. Con isto referímonos a que entendan o proceso polo que pasarán as súas fillas e fillos, que poidan ter ferramentas para xestionar a situación,e que teñan en nós o apoio necesario para vivir o momento con seguridade e confianza.

A seguinte información extraída dun artigo de Romina Pérez Toldi da súa web: Teta-à-Porter recolle ideas chave destinadas ás familias, agardamos que vos sexan de axuda nas vosas reflexións previas ao inicio de curso:

Acompañar a adaptación escolar (familiarización, vinculación, entrada, transición) non é sinxelo, é un proceso que require dunha presencia consciente, comprensión, sostén e, se é posible, gradualidade.

Algunhas cuestións que consideramos importantes que coñezades para que vos sintades seguras e comprendades as necesidades das vosas fillas e fillos son as seguintes:

  • Anticipar todos os días que sucederá ao día seguinte na escola e que sexa verdade, é importante ser honestos, non mentir nin enganar nin chantaxear (p.e.: se non choras dareiche gusanitos cando veña por ti).

  • Falar en positivo da escola, sen esaxerar, con realismo. Por exemplo: na escola vante coidar, vas poder xogar e explorar, poderás coñecer outros nenos e nenas cos que xogar,…

  • Despedirse ao marchar e saudar ao volver, o contrario xera moita angustia e sensación de inseguridade. Se vos despides deles poden facer o duelo con máis facilidade. Non mentir, non enganar, non despistar (p.e: veño agora e que non sexa certo).

  • Darlles unha referencia comprensible de cando ides volver (antes de comer, despois de merendar…).

  • Non deixalos a comer os primeiros días (e semanas se se fai necesario), o momento da comida como o da sesta son situacións íntimas que requiren de gran confianza co adulto, volvemos á idea de gradualidade.

  • Acoller as súas emocións e sentimentos así como nomealas.

  • Os adultos que acompañades na aula debedes estar en presenza plena (sen móbiles nin conversando todo o tempo con outras familias).

  • Entender que non é obrigatorio que lles guste vir á escola, teñen dereito a que non lles guste e que prefiran quedarse na casa ou nun ambiente familiar.

  • Comprender que as primeiras semanas a demanda de atención pode ser máis intensa e que como adultos é a vosa responsabilidade atendelos e sostelos (p.e: máis demandantes de colos, máis irritados ou cansos,…).

  • Conversar sobre como se senten e como estiveron, que fixeron, que lles gusta e que nos lles gusta, se senten coidados…

  • Entender que ir á escola sempre supón un esforzo por parte do neno e nena, sempre.

  • Hai nenas e nenos que van chorar durante moito tempo no momento da despedida e iso non implica que se sentan abandonados ou non establecesen un vínculo seguro coa educadora. É importante distinguir entre, polo menos, dúas formas de pranto:

  • o pranto da nena e neno que preferiría irse coa súa nai/pai/adulto de referencia e o expresa chorando pero que atopa consolo nos referentes da escola e é capaz de xestionar a situación de forma positiva grazas a este vínculo seguro.

  • o pranto do infante que chora completamente abatido, sentíndose abandonado e sen posibilidade de refuxio nin consolo (este é o pranto que non debería suceder nunca e esforzámonos para quen non ocorra).

  • O proceso de adaptación require un esforzo por parte de todos os adultos acompañantes. Hai que investir tempo, presenza e paciencia.

  • Por último, comprender que non é un proceso lineal e seguramente van ter momentos nos que parecerá que vai ben e outros nos que estarán máis enfadados ou sen ganas de vir á escola, así que deberiamos poder adaptarnos a estes distintos momentos do proceso e reaxustar a gradualidade entendendo que non é «dar marcha atrás» senón unha forma de apoiar o proceso.

    As nenas e nenos non son observadores pasivos, comprenden e senten moitos máis do que parece. Por iso, debemos entender a entrada á escola infantil como unha etapa necesaria para que poidan vincularse a novos adultos, e o vínculo require tempo.

Fonte: https://tetaaporter.com/2019/09/12/acompanar-el-proceso-de-adaptacion-escolar-desde-la-familia-2/

Cambio de cueiro de pé

Dende a escola infantil de Vigo Valadares achegannos unha proposta de facer o cambio de cueiro de pé.

Agora que estamos a modificar moitos hábitos en prol dunha maior asepsia, máis aló da hixiene, que xa tiña un papel destacado dentro das medidas estandarizadas nas rutinas da escola, queremos compartir unha proposta que ben pode ser implementada tanto no ámbito escolar coma familiar. Esta práctica implica moitos beneficios tanto a nivel do desenvolvemento das crianzas como en relación á hixiene e o respecto e coidado do planeta e medio ambiente. Falamos do cambio de cueiro de pé.

Levamos varios cursos intentando establecer esta dinámica no momento da hixiene coas nenas e nenos que teñen estabilidade na postura e interese manifesto pola experiencia. Entre moitas razóns que se poden expoñer, unha fundamental para os profesionais do sector, a propia saúde. Moitas lecturas expoñen as lesións as que a reiterada carga de pesos e a incorrecta posición durante o proceso poden provocar e, o certo é que, a pesares de ter escaleiras para os nenos e nenas nos baños do noso centro, o común é que descoidemos os nosos corpos por variados motivos (presa, incomodidade dos espazos para abrir as escaleiras, etc.)

Son moitas as vantaxes pedagóxicas que vemos neste método pero, a maiores, neste tempo de coronavirus sinalamos que a súa práctica evitará o uso indiscriminado de papel nos cambiadores que acabaran enchendo as papeleiras das escolas, aspecto que non nos parece insignificante. Nunha sociedade que fomenta produtos de usar e tirar, a repercusión sobre a saúde do noso planeta é unha cuestión moi sensible e dende logo moi preocupante se temos en miras o futuro que deixamos as cativas e cativos.

Para o desenvolvemento da proposta precisamos ter en conta a perspectiva infantil é adaptar os espazos para mellorar a súa autoxestión:

  • Habilitar espazo para gardar as pertenzas da crianza de xeito que as poida xestionar (cueiro, toalliñas, cambio de roupa, etc.)

  • Un asento baixo para o adulto que debe quedar situado a unha altura que le permita mirar a crianza á cara.

Listo! Agora cando precise un cambio nos situaremos no asento e permitiremos que a nena e o neno vaian participando da rutina, que pouco a pouco coñeceran por completo interiorizando os pasos co que non precisarán a guía do adulto.

Imos degrañar todas as vantaxes que observamos na práctica reiterada desta rutina, coa idea de que vos animedes e a poñades en práctica, estamos seguras que adaptándoa as vosas necesidades atoparedes a fórmula para facer vosa esta dinámica para o momento da hixiene:

  • A principal vantaxe que observamos nesta práctica e que establecemos unha comunicación máis respectuosa coa nena e o neno que deixan de estar “sometidos” ás “manipulacións” do adultos (ao non poden ver o que están a facer co seu corpo), e pasa a formar parte activa do proceso.

  • Coñecen o seu corpo, integrando as partes na elaboración do esquema corporal.

  • Toman conciencia dos procesos de evacuación, de hixiene asociados a rutina do cambio de cueiro.

  • Afianzan as súas capacidades motrices.

  • Fomenta a comunicación co adulto que se sitúa á mesma altura da nena ou neno.

  • Aportamos posibilidades de acción e participación activa durante todo o proceso: identifican o cueiro, achegan as toalliñas, etc.

  • Fomentamos a autonomía e o sentimento de logro persoal: subir e baixar a roupa, tentar desabrochar o bodi, etc.

  • Fanse conscientes dos procesos corporais e “os fan seus”, caca e pis forman parte dunha “produción persoal”.

  • Pode quitar o cueiro só e empregar a toalliña, desbotando os retos axeitadamente.

  • Pode axudar a poñer o cueiro limpo.

  • Favorece a comunicación entre iguais, teñen moita curiosidade polas “producións” doutras cativas e cativos

  • Facilita a colaboración con compañeiras e compañeiros, achegan cueiros, axudan a desbotar os mollados, etc.

Reflexionemos e poñamos a nosa mirada nas oportunidades que nos ofrece a nova situación, onde realmente é importante: os coidados básicos na escola infantil son a chave do entorno de calidade para que nenas e nenos se sintan ben, e con iso se abran ao mundo, animámosvos a que o momento de hixiene adquira un papel fundamental na vida cotiá das nenas e nenos na escola, non haberá nada máis importante que facer que acompañar nun proceso de coidado onde a vivencia corporal vai ligada á formación do autoconcepto.

 

Bibliografía:

Mª Rosa Ferri. La importancia del cambio de pañales. Aula Infantil, nº 53

O desenvolvemento da linguaxe

Información sobre o desenvolvemento da linguaxe nos bebeś que nos aporta a Escola Infantil de Foz.

“A linguaxe é a expresión dun acordo entre un grupo de homes e só o poden  comprender aqueles que conviñeron en representar determinadas ideas mediante determinados sons”. Montessori, M.  (2016): Educación  para un mundo novo. Pontevedra: Kalandraka.

Chámase desenvolvemento da linguaxe (ou adquisición da lingua materna) ao proceso cognitivo polo cal os seres humanos, facendo uso da súa competencia lingüística innata, aprenden a comunicarse verbalmente usando a lingua natural usada na súa contorna social ao momento do seu nacemento e durante a súa infancia ata a puberdade.

Os seres humanos temos diferentes maneiras de comunicarnos a través de distintos tipos de linguaxe: corporal, verbal, escrito, musical, matemático e plástico (escultura, pintura). Na maioría de seres humanos isto dáse principalmente durante o primeiros cinco anos, especialmente no que se refire á adquisición das formas lingüísticas e dos contidos. Durante estes primeiros anos ten lugar a maior velocidade de aprendizaxe e adquírense os elementos básicos e os seus significados e ata antes da adolescencia consolídase o uso, a interferencia pragmática, a capacidade para entender enunciados non literais ( irónicos, sarcásticos, etc.).

Os primeiros anos constitúen o período fundamental, aínda que o desenvolvemento da linguaxe prolóngase moito máis alá dos primeiros anos. O recentemente nado recoñece a voz da súa nai. Durante os nove meses de embarazo, desenvolveu os sentidos dentro do útero e isto facilitaralle a adaptación ao mundo extrauterino. A primeira linguaxe ou forma de comunicación que ten o bebe é o pranto. Os bebés nacen coa facultade do pranto e está será a súa forma de comunicarse durante un tempo. Polo xeral, os prantos dun bebé indican que algo vai mal: estómago baleiro, un cueiro mollado ou sucio, pés fríos, cansazo, necesidade de de que o collan en brazos e o abracen, etc. Aos poucos a nai será capaz de recoñecer que necesidade está a expresar o seu bebé nese momento, saberá distinguir se o pranto é de sono, fame…e reaccionará.

Hai estudos onde se distinguen estes tipos de prantos e dependendo do ton, duración…diferencian unha ou outra reclamación por parte do bebé. O bebé tamén pode chorar cando  se sente angustiado por todas as imaxes e sons do mundo que lle rodea, ou sen ningún motivo aparente. O pranto é a principal forma que teñen os bebés de comunicarse, pero tamén poden utilizar formas de comunicación máis sutís. Aprender a recoñecelas é gratificante e pode reforzar o vínculo co pequeno.

Os estudos lingüísticos revelan que a linguaxe está sobre todo ligado ao oído, do mesmo xeito que o movemento está vinculado á vista. (Montessori, 2016). A medida que o neno vai crecendo e madurando vanse desenvolvendo os sentidos. Cando nace o bebé, é fundamental estimular a súa fala e a súa linguaxe para establecer un vínculo afectivo cos seus pais, coa xente e a contorna. Por medio da comunicación coñécense as necesidades, o comportamento e as sensacións do bebé; ademais, obsérvanse as súas respostas. Ás primeiras etapas da comunicación denomínaselles diálogo tónico. De aí a importancia de non sacudir ao bebé con brusquidade senón, ao contrario, tratalo con dozura, respectarlle o seu tempo de amamantamento, de vixilia e de sono.

A comunicación comeza cando se buscan as súas miradas, a súa atención cara a cara, a xesticulación facial e a descrición de cada acción para que o bebé recoñeza a voz, a compañía e así desenvolva e reforce o balbuceo e a intención comunicativa. Os pais aprenden a comunicarse con el, tocándoo, falándolle e mirándoo. Facer isto é tan importante como alimentalo e acariñalo. Un bebé recentemente nado está afeito escoitar a voz da súa nai, os seus latexados cardíacos e a voz do seu pai. Por iso é recomendable non só falarlle, senón tamén que goce a música que oía cando estaba no ventre materno. O bebé tranquilízase coas voces coñecidas no seu novo mundo, ademais aprende a asociar a linguaxe como medio de comunicación co feedback auditivo (retroalimentación e resposta).

Todos os membros da familia, en especial os país e nais, deben facelo cun ton suave e claro. Utilizando palabras sinxelas, evitando o uso de diminutivos e, por suposto, respectando os seus horarios de soño. Para estimular o desenvolvemento da linguaxe do bebé hai que cantarlle, bailarlle, masaxealo, consentilo, acariñalo, xa que o contacto táctil é fundamental para o recentemente nado. As familias deben expresarlle os sentimentos que lles produce, explicarlle que pasa mentres o bañan, o cambian  e ao dicirlle como cambiou as súas vidas. Facelo crea un lazo forte coa nai, o pai e o seu coidador habitual. Ademais, facilita o contacto visual, o seguimento da voz e procura do adulto. É clave aproveitar oportunidades de “conversación” en situacións cotiás como o cambio de cueiro, a alimentación e o baño para describir o que fai e os obxectos que usa como esponxa e xabón.

Nos primeiros meses, os bebés móstranse interesados nos xogos de imitación. Por iso, é conveniente balbucear e facer expresións e ruídos esaxerados para que eles tenten imitalos. Os abrazos fortes, os sorrisos constantes e o fala provocan a imitación de sons no bebé, isto fai que os pais obteñan maiores respostas de comunicación e prodúcese o “diálogo”, é dicir, unha linguaxe que permite coñecer ao bebé, atender as súas demandas e suplir as súas necesidades. Os pais/nais deben estimular o balbuceo do bebé e incitalo a que repita. Falarlle ao bebé desenvolve as súas habilidades “conversacionais” grazas a que se establecen conexións neuronais (a forma como se asocian as neuronas no cerebro) que facilitan a discriminación dos sons. O bebé debe ser estimulado diariamente.

A fala, a linguaxe, os xogos visuais, auditivos e táctiles fortalecen o vínculo afectivo coa contorna. Cando falamos cun neno, sexa cal sexa a súa idade, debemos de facelo de forma clara, xa que, o neno tende a repetir e imitar e é a forma de que o aprenda axetadamente. Unha cousa que hai que lembrar é que nunca é demasiado pronto para estimular a linguaxe dos nenos.

A pediatra en desenvolvemento infantil, Aura Sofía Ricor recomenda as seguintes actividades para estimular o fala:

– Falar, cantar, contar historias e ler contos. Comentarlle o que ocorre ao redor; por exemplo: “mira o coello, está a comer pasto”, aínda que o bebé non poida contestar, empeza a recoñecer palabras.

– Sexa bo amigo de conversación. Recoñeza cando o bebé quere xogar e “falar” con vostede ou, ao contrario, prefire descansar.

– “Fale” con el actuando coma se entendéselle o seu balbuceo. – Repita todos os seus sons. – Esaxere a vocalización e entoación para chamar a atención do bebé (Prosodia)

A fonoaudióloga Paula Galeano, da Universidade María Cano, recomenda os seguintes exercicios:

– Realizar exercicios motores que inciten ao xogo, ao movemento de bo grado, esaxerando movementos da cara co fin de exercitar os músculos do fala.

– Practicar exercicios de atención onde se faga contacto visual co bebé.

– Desenvolver actividades con música, cantos, ler textos, utilizar gráficas de bebé (láminas branco, negro, vermello) que fortalezan a parte visual, auditiva, de coordinación e desprazamento.

– Falarlle diariamente do que ocorre e anticiparlle os eventos.

– Ensinarlle xogos que o inicien na produción de respostas e do fala como xogos de imitación e vocalización, con cambios no ton de voz.

– Estimular a expresión con xogos visuais e de discriminación auditiva.

– Recoméndase utilizar instrumentos ou elementos sonoros, que colguen, que se movan, de cores, tamaños e texturas diferentes.

A medida que crecen, os bebés comezan a distinguir os sons da fala que compoñen as palabras da súa linguaxe. Aos 6 meses de idade, a maioría dos bebés recoñecen os sons básicos da súa lingua materna. Non todos os nenos/as desenvolven as habilidades da fala e a linguaxe da mesma maneira. Con todo, todos os nenos seguen unha progresión natural ou unha serie de etapas para dominar as habilidades da linguaxe.

A linguaxe do bebe pódese dividir en etapas. Estas etapas axudan aos médicos e a outros profesionais da saúde para determinar se o neno está a seguir o desenvolvemento normal ou se necesita axuda. Ás veces, os nenos demoran en alcanzar estas etapas debido a que teñen perda da audición, e noutros casos debido a algún trastorno do fala ou da linguaxe. Pódense distinguir dúas etapas: – Lingüísticas – Prelingüística

Características da linguaxe infantil: A medida que os nenos/ as van adquirindo o seu código lingüístico, van poñendo de manifesto na súa linguaxe as mesmas características que son propias da linguaxe adulto. Aínda así hai características propias da linguaxe infantil, que o identifican dunha maneira especial e que progresivamente van perdendo relevancia a medida que linguaxe infantil deixa de selo, entre estas características podemos sinalar:

– Dependencia de estruturas. Desde as primeiras adquisicións da linguaxe, esta obedece a unha estrutura, e no seu desenvolvemento posterior vai seguir a mesma estrutura que é propia de cada lingua. Por iso, en determinado momento do desenvolvemento da linguaxe, o neno/para pode utilizar uns determinados elementos da linguaxe, debido a que a súa capacidade non lle permite incorporalo aínda, ou ben porque a súa análise das regras da linguaxe aínda non se adapta correctamente a todas as situacións. Pero moi pronto aprende que para ser comprendido/a é necesario falar de maneira que realmente se lle entenda. Nesta asimilación de estruturas lingüísticas adultas sempre conta coas correccións das persoas adultas e doutros nenos/ as.

Creatividade. A riqueza expresiva dos nenos/as no uso da linguaxe pode producir efectos creativos. A definición dos obxectos e situacións que fan que os nenos/ as non se axusten a unha definición obxectiva, senón á súa experiencia persoal está en relación coa visión do mundo propia destas idades, coa súa capacidade de observación, coas súas propias experiencias ou coas súas fantasías. Por este motivo non teñen un gran realismo e por iso algunhas veces prodúcense estes efectos creativos. Pero para que un neno ou unha nena sexa creativo coa linguaxe, é preciso que primeiro dispoña dun certo dominio e dunha determinada competencia.

Liberdade de uso. Os nenos/ as fan un uso libre da linguaxe como instrumento de expresión, empregándoo, desde a espontaneidade e a naturalidade propia da súa idade. Non viven da mesma maneira os convencionalismos sociais referidos á linguaxe. Utilizan a linguaxe para unhas funcións ligadas ás súas necesidades de relación persoal e social. Así, pensan en voz alta para poder ordenar o seu mundo, confirmar os seus descubrimentos, aprenderá relacionarse e xogar.

Egocentrismo: para os nenos/ as, no seu desenvolvemento normal, o feito de falar supón o recoñecemento da existencia do outro. En moitas ocasións falan porque o consideran importante para eles, porque queren acompañar, reforzar ou suplantar unha acción, e a linguaxe pode ser unha boa ferramenta para facelo. Ademais, aínda que sexa de forma imaxinaria, sempre contan coa posibilidade de ser escoitados. A linguaxe na infancia é egocéntrica. Cando falan, cada un di o que quere dicir, tenta facer prevalecer o seu punto de vista porque non son capaces de saírse do seu lugar para poñerse obxectivamente no lugar do outro /a. A pesar do egocentrismo, os nenos/ as aprenden desde moi pequenos a respectar as convencións sociais e comunicativas con outros iguais. A medida que van aprendendo o código lingüístico, o uso que fan da linguaxe vaise ampliando ata chegar a utilízalo coas mesmas finalidades coas que o utilizan as persoas adultas.

As dúas funcións máis importantes da linguaxe son:

  • Para comunicarse (función comunicativa).
  • Para representar as súas ideas, pensamentos, coñecementos, sentimentos (función representativa ou simbólica). Das moitas clasificacións das funcións ou categorías da linguaxe infantil, a maioría coincide en que a función básica desde que se empeza a adquirir a linguaxe aos 18 meses de idade aproximadamente ata conseguir un dominio importante do mesmo aos 6 anos é a de utilizalo para uns fin é claramente identificables polo interlocutor.

A linguaxe non é estática, séguese desenvolvendo e é unha axuda para comunicarnos con outras culturas. Foise enriquecendo a través das épocas, debido ás necesidades de cada época, desta maneira é que se engadiron palabras. As palabras sérvennos para crear abstraccións, para concretizar unha idea na mente sen ter o obxecto enfronte. A maior desenvolvemento da linguaxe, hai un maior desenvolvemento da persoa, se se ten unha linguaxe máis variada, máis clara, pódese expresar mellor o que pensamos, sentimos e imaxinamos. Coa linguaxe o ser humano ten unha maior posibilidade de desenvolverse física, intelectual, emocional e socialmente.

Bibliografía:

O movemento libre

Dende a escola infantil de Baiona acheganos unha reflexión sobre o movemento libre.

El desarrollo motor se produce de modo espontáneo, mediante su actividad autónoma, en función de la maduración orgánica y nerviosa” Emmi Pikler.

Cando aos cativos se lles da a oportunidade e o tempo que precisan, estes son quen de acadar cada unha das súas etapas motoras de xeito independente e sen intervención do adulto.
A cotío escoitamos comentarios onde se comparan os nenos e nenas e os seus logros. Parece que quixeramos contaxialos co ritmo frenético dos adultos e nos esqueceramos de que cada bebé ten o seu propio ritmo e tempos e que non existe ningunha fórmula máxica que se poda aplicar á aprendizaxe do ser humano.

A primeira posición na que está un neno é deitado boca arriba. Esta posición proporciónalle o soporte suficiente para moverse con seguridade e buscar outras posicións, así como para tamén coñecer o seu corpo e as posibilidades que este lle ofrece. Aos poucos, o bebé irá adoptando novas posicións de maneira natural e ao seu ritmo. Respectar eses ritmos implica que non debemos colocalos nunha posición que non tiveran acadado por si mesmos, o cal imposibilitaría que se puideran soster por eles mesmos, manter o equilibrio ou aliñar o seu corpo axeitadamente. Como tamén suporía inducir un sentimento de frustración por non poder volver a unha posición cómoda xa conquistada.

Un dos momentos máis emocionantes para os proxenitores e ver ao noso cativo dar os seus primeiros pasos, e ás veces isto conleva que esteamos ansiosos por ver como se incorporan, gatexan ou se manteñen en pé. Porén, non reparamos no feito de que actuar deste xeito non os beneficia en absoluto. O que si é recomendable e é, que confiemos nas capacidades do neno e da nena, e que descubramos e respectemos o seu ritmo e desenvolvemento, non sen descoidar o feito de que a súa contorna deberá ser segura e facilitarlle a liberdade de movementos.

Para favorecer a liberdade de movemento do bebé deberemos:

  • Crear un espazo amplo, seguro e adaptado as súas necesidades.
  • Roupa axeitada e cómoda que permita a liberdade de movementos.
  • Non se deben empregar zapatos.

O movemento libre no bebé favorece o desenvolvemento da súa creatividade e o despertar dos seus sentidos polo que o neno e a nena gañan confianza, seguridade e autonomía.
Un bebé que aprende de maneira autónoma e independente a adoptar unha determinada postura ou a emprender os seus primeiros pasos é un neno ou nena que descobre as súas propias capacidades e desenvolve as súas habilidades a través dun sistema de fracasos e logros.

No tocante aos beneficios físicos teríamos:

  • Consolidación de posturas intermedias (denominadas así aquelas que facilitan o cambio de posturas)
  • Movementos máis harmónicos (grazas ao afianzamento do equilibrio)
  • Preparación do corpo ante situación de riscos, etc.

Como beneficios cognitivos destacaríamos:
O desenvolvemento da creatividade, pois os pequenos empregan os seus recursos para chegar a distintos estadios motores, e doutras capacidades como a visión e a coordinación.

En cantos aos beneficios emocionais destacariamos a importancia de facer as cousas por un mesmo, cun consecuente desenvolvemento da autoestima, o autocoñecemento, a seguridade…

Os adultos debemos manter unha actitude paciente e de respecto, incentivando e favorecendo o desenvolvemento autónomo e o movemento libre no bebé.
Un bebé que se lle deixa no chan, que non se lle coloca en posturas que non sabe facer por si mesmo, que non se lle forza a probar novas posturas… pode moverse, pode xirarse, pode coller obxectos, cambiar de posición… Podeen definitiva construír a súa propia historia.

Bibliografía:

  • Emmi Pikler. Moverse en libertad. Editorial Narcea.
  • María Montessori. The Montessori Method. Editorial Wilder Publications.
  • Laura Estremera Bayood. Ser niños acompañados, crianza y escuela. Editorial: universo de letras.

Educación emocional

Dende a Escola infantil de As Neves, propóñennos de cara ao desenvolvemento da educación emocional a lectura do libro:

“EDUCACIÓN EMOCIONAL. Propuestas para educadores y familias” de Rafael Bisquerra (Coord.) Editorial Desclée de Brouwer

O tratamento das emocións como base do benestar integral de pequenos e pequenas, ten como obxectivo primordial o desenvolvemento das competencias emocionais e a sensación de estar ben para pode medrar con confianza e aproveitar o potencial de cada un e unha de nós temos.

Segundo as achegas que fai Bisquerra neste libro, o benestar é un dos obxectivos básicos da vida persoal e social, a felicidade moitas veces búscase por camiños equivocados, que poden conducir a comportamentos de risco, por iso a educación emocional debe iniciarse nos primeiros momentos da vida e debe estar presente ao longo de todo o ciclo vital.

 En todo este proceso educativo a implicación da familia é chave, xa que ten como obxectivo final conseguir un fogar caracterizado pola paz, a harmonía e a felicidade. Todo iso pódese alcanzar se os seus membros gozan de benestar persoal e se as súas relacións co resto de membros da familia son satisfactorias e positivas. Trátase de proporcionar e poñer en práctica no día a día, técnicas e recursos específicos, simples, prácticos e cotiáns para que as nais, pais e fillos poidan conseguir así vivir de maneira máis positiva.

Axudar ao desenvolvemento emocional dos fillos e fillas, significa preparalos para o presente e o futuro, implica axudarlles a desenvolver, entre outros: a conciencia emocional, a regulación das súas emocións (controlar as negativas e xerar emocións positivas), a autoestima emocional, o sentido da responsabilidade, a tolerancia á frustración, a aceptación dos límites e os fracasos, etc.

Bisquerra neste libro ofŕécenos propostas prácticas para a educación emocional na familia, agardamos que vos serva de axuda.

“La vida en familia supone nuestra primera escuela para el aprendizaje emocional: en tan íntimo caldero aprendemos qué sentimientos abrigar hacia nosotros mismos y cómo reaccionarán otros a tales sentimientos; cómo pensar acerca de esos sentimientos y qué elecciones tenemos a la hora de reaccionar; cómo interpretar y expresar esperanzas y temores. Esta escuela emocional funciona no sólo a través de lo que los padres dicen o hacen directamente a los niños, sino también en los modelos que ofrecen a la hora de manejar sus propios sentimientos y aquellos que tienen lugar entre marido y mujer” (Goleman, en el prólogo de Elias, Tobias y Friedlander, 1999).

 

 

A experimentación na escola infantil

Dende a escola infantil de O Pino achegamos unha breve reflexión sobre a importancia da experimentación no 0-3 e o aproveitamento de buscar e atopar elementos naturais que nos axuden a coñecer as propiedades dos obxectos sempre en compaña.

Nome: A experimentación en educación infantil
“Os nenos non precisan aprender a explorar, preguntar e manipular; nacen cun forte desexo de facelo.”
Brown, 1991,p.7
“Contáronmo e esquecino. Vino e entendino. Fíxeno e aprendino.” Con esta cita de Confucio (551-479 a.C.) recóllese o significado de aprendizaxe activa. Esta aprendizaxe baséase na experimentación como actividade que resulta emocionante e capta a atención de grandes e pequenos.
Mediante a experimentación nenos e nenas poden chegar a comprender os mecanismos que regulan o mundo que lles rodea, resultando perfecto para entender a realidade.
Detrás da experimentación temos unha aprendizaxe baseada en resolver un problema asegurándonos a participación das nosas crianzas de forma activa. Así identifican consecuencias e comprenden mecanismos que gobernan a súa realidade.
Está demostrado que gracias á experimentación os nenos e nenas desenvolven unha maior curiosidade polo descoñecido, forman parte activa da súa aprendizaxe mostrándose máis participativos e vense obrigados a reflexionar para chegar a conclusións correctas.
Dada a importancia da experimentación, a proposta que traemos nesta ocasión, vai dirixida á experimentación sobre os elementos da natureza e os conceptos de afundir e flotar.

Idade recomendada: todas as idades

Descrición:

A proposta de experimentación consiste en buscar durante o noso paseo diario diferentes elementos da natureza e recollelos para logo nunha bandexa ou recipiente con auga poida experimentar e ver o que ocorre cando somerxe os diferentes elementos.

Materiais: paus, follas de flores, pedras, cortizo, landras,…e unha bandexa ou recipiente con auga.

Obxectivos:

  • Mellorar a relación afectiva coa familia dado que se comparten máis momentos lúdicos e de diversión para ambos.
  • Experimentar libremente con obxectos da natureza e auga.
  • Reforzar os termos dentro- fora (da auga) e/ou afundir-flotar.
  • Axudar á sacar conclusión o que os nenos e nenas fan.


Rol do adulto: axuda na procura de elementos da natureza e facilitar un entorno libre de experimentación coa auga. Supervisar a actividade.

A biblioteca na nosa escola

A escola infantil de Marín San Pedro acheganos o proxecto de biblioteca de escola.

No ano 2010 abriu as portas a nosa escola. Un grupo que dende o primeiro momento decidimos que os contos foran un eixo fundamental na nosa rutina diaria.
A nosa inquedanza por afondar máis , fixo que ano tras ano foramos forxando unha biblioteca nas distintas aulas e máis tarde unha biblioteca da escola.
Nun primeiro momento, a biblioteca de centro, estaba pensada para utilizar só no centro e co paso dos anos, pasou a ser de préstamo coas familias.
Somos conscientes e defendemos a importancia que ten a literatura infantil nesta etapa, xa que creemos que é un elemento motivador para os cativos e cativas da escola, desenvolve a imaxinación e a creatividade, favorece a linguaxe e entre outras cousas axudamos coas rutinas e coa transmisión de valores.
Por ese motivo tentamos pór aos pequenos e pequenas en contacto cos libros mediante a creación, na escola e nas aulas, dun clima propicio e motivador para á utilización e observación dos contos dunha forma lúdica e libre.
Existe unha crenza, moi desacertada, que di que polo feito de que os nenos e nenas destas idades non saiban ler aínda, non poden gozar dos libros.
Nós estamos en pleno desacordo e fomentamos a utilización libre, lúdica e didáctica dos contos dende idades moi temperás.
En cada aula temos unha pequena biblioteca, axustada ás necesidades dos cativos , pero en cada aula se planifica, organiza e utiliza dun xeito ben diferente, axustándose ás necesidades dos cativos.


Aula bebés
A biblioteca da aula de bebés é unha caixa con contos axeitados a súa idade e que poden manipular libremente (contos brandos, de tea, con sons, sensoriais, contos sobre eles mesmos….). Nun primeiro tempo tan só tocan e manipulan sen obxectivo aparente, ao final do curso vese como se sentan collen os contos, os manipulan, os observan con intencionalidade. Co paso dos meses , observas a evolución na súa manipulación.


Aula 1-2 e Aula 2-3
A biblioteca da aula de 1-2 e 2-3 xa ten un sitio diferenciado na aula, nun caixón ou moble baixo con contos axeitados a súa idade e á aspectos concretos que se estean a traballar , por exemplo na primavera, libros de bechos; nunha zona ben diferenciada da aula (con alfombras, un sillón, almofadas, coxíns…) Que invite aos pequenos e pequenas á ollar os contos a pasar tempos de socialización.


Biblioteca de centro
Co paso dos anos e as inquedanzas das familias , vimos preciso facer unha biblioteca da escola, para que as familias puideran coñecer os libros dos que os pequenos falaban na súa casa e que coñecía da escola. Levounos tempo pensar o xeito de facelo. Queriamos que os nenos e nenas foran participes da elección do conto e tamén que as familias interatúan e foran participes da biblioteca.


¿COMO FUNCIONA A NOSA BIBLIOTECA DE PRÉSTAMO?
Debido ao espazo limitado que temos na escola, decidimos poñer a biblioteca de centro no corredor.
Zona de paso cada mañá de nenos e nenas e das familias . Colocamos, nun lado do corredor, un panel coas portadas dos contos en gran tamaño e a cor, á altura dos nenos e nenas. O fixemos así para que os nenos poidan recoñecer os contos e ser eles quen elixan os contos.
O panel de elección de contos

Cada neno ten o seu carne da biblioteca. Cada ano o facemos unha foto do neno ou nena e relacionándoo coa temática da escola.
No outro lado do corredor temos outro panel co carnes de cada neno, coa súa foto, para que se recoñezan, e a súa altura para que os poidan manipular con liberdad

NORMAS E FUNCIONAMENTO DA BIBLIOTECA

XOVES
Cada neno ou nena, coa axuda da súa familia, deberá coller o seu carné da biblioteca e colocalo enriba da foto da portada do libro que desexe levar para a súa casa.

VENRES
As profes encargadas da biblioteca deixaran no casilleiro de cada neno ou nena o libro que marcaron. Deixase o libro xunto co carné. Cada libro ten na portada un velcro onde pegamos o carne, así cada neno pode identificar o seu para levalo a casa.

LUNS
Na entrada da escola haberá unha caixa destinada á devolución de libros. Cada neno ou nena deixará o seu libro alí dentro xunto co seu carné.

Ao inicio de curso explicase as familias e achegase unha circular por TOKAPP, co funcionamento do servizo de préstamo da biblioteca, así como as normas de uso da mesma.

Facemos ver que os contos son de todos e da necesidade de coidalos para poder dar un bo funcionamento da mesma. Tamén pedimos que se cumpran os prazos de devolución para que todos os nenos e nenas podan desfrutar dos contos, porque ven sabedes que algúns teñen moito éxito entre a rapazada e o queren elixir todos.

Fai un par de curso creamos un espazo diferenciado da biblioteca de centro, para utilización dos nenos e das familias, con asentos, coxíns…e libros ao alcance dos cativos. Gústamos ver a unha nai sentada contando un contiño ao seu fillo e que de súpeto se unan 5 nenos máis ou ver co polas mañas un neno de 2-3 anos “lee” un conto a unha neniña de 1-2.

Por ese motivo recordamos as familias que o espazo da biblioteca, é un lugar para coñecer e vivir a maxia dos contos. E agradecemos o bo coidado do mesmo. Podedes usalo e desfrutalo pero sempre coidando o espazo e os libros, xa que é de tod@s.

¿COMO NOS ORGANIZAMOS?
Cada ano na escola temos unha comisión de biblioteca, formada por dúas persoas. Son as encargadas de levar a cabo o bo funcionamento.
Fixemos un inventario con todos os libros que temos na escola, cada ano vai aumentando grazas ás donacións das familias da escola. Con ese listado asignados a cada libro un número, para identificalos dun xeito mais doado.
Temos un “libro de rexistro” da biblioteca e cada semana as persoas encargadas apuntan as entradas e saídas de libros da escola, para ter os libros localizados. Grazas a ese rexistro podemos ver as eleccións dos nenos e nenas , e saen datos moi curiosos(nenos e que levan 5 semanas seguidas o mesmo libro, nenos que van seguindo a orde do panel, nenos que só elixen os que e contan na clase…)

Estamos convencidas que deixar que os nosos alumnos e alumnas lévense a casa libros de centro é moi positivo, xa que:

  • Espertan o interese polos contos.
  • Implican as familias no proceso educativo e, sobre todo, no relacionado co libro, pois ler ao neno é de suma importancia.
  • Fomenta a responsabilidade do alumno e da familia, pois teñen que acordarse de devolvelo e coidalo.
  • Desenvolve a súa autonomía e capacidade crítica, ao elixir o que máis gústalle.

Animádevos a compartir esta experiencias cos vosos pequenos, pequenas e familias.

Hábitos e rutinas

A escola infantil de Zas fai unha reflexión sobre A importancia dos hábitos e rutinas para os nenos e nenas.

Os nenos/as precisan seguir unha rutina para sentirse seguros e tranquilos no seu ambiente, tanto na casa como na escola.

Os nenos/as non coñecen a orde das cousas cando nacen, polo que nós debemos acompañalos para organizar os tempos favorecendo horarios estables asociados ás rutinas. Os hábitos axudan a construír un equilibrio emocional que lles proporciona un mecanismo importante para a súa educación e para a construción da súa personalidade.

A repetición dos actos cotiás forman hábitos e a repetición dos hábitos forman virtudes, como ben nos sinala Vicenç Arnaiz, no vídeo que compartiu con nós neste blog.

Pero cabe preguntar en que se diferenza un hábito dunha rutina:

  • Entendemos por rutina, unha sucesión de actividades e tarefas que se fan sempre na mesma orde. Por exemplo, na escola, á asemblea a primeira hora da mañá.

“La rutina diaria es para los niños lo que las paredes son para una casa, les da fronteras y dimensión a la vida. Ningún niño se siente cómodo en una situación en la que no sabe que esperar. La rutina da una sensación de seguridad. La rutina establecida da un sentido de orden del cual nace la libertad” Rudolf Dreikurs célebre educador e psiquiatra austriaco.

  • Entendemos por hábitos, os modos de actuar que aprendemos ou adquirimos coa intención de satisfacer as nosas rutinas, a través deles, sentímonos máis seguros no modo de facer ante distintas situacións.

Os hábitos e as rutinas aportan un mecanismo moi importante de constancia e regularidade.

A aprendizaxe de hábitos mediante rutinas, axuda ao desenvolvemento afectivo e social do neno/a, así como tamén lle facilitará o aprendizaxe de diversas accións na vida diaria, interiorizando ditos hábitos e adquirindo unha autonomía cada vez maior.

O concepto de tempo é algo abstracto para os nenos/as. Se mantemos uns horarios organizados coas súas rutinas ou actividades reguladas en función do momento do día, os cativos sentiranse seguros e, a base de repetir secuencias sempre na mesma orde poderán prever e anticipar o que pasará a continuación.

Un exemplo moi sinxelo de rutinas diarias que seguimos na nosa escola serían o seguintes:

  • Momento de acollida: Unha das rutinas que temos na entrada é o saúdo e a colocación da chaqueta na súa percha, ben coa nosa axuda ou ben coa axuda da familia

  • Asamblea:  Momento de saúdo e de encontro co grupo, conversamos, compartimos algún conto, baile ou canción, observamos que compañeiros non  puideron vir ao cole,…

 

  • Xogo: Todo na escola xira en torno ao xogo, planificamos actividades tendo en conta o nivel de desenvolvemento dos nenos e das nenas, os seus intereses,.. tamén fomentamos momentos de xogo libre durante a xornada.

  • Merenda de media mañá: para que identifiquen este momento cantamos unha canción. Sentámonos e desfrutamos dunha merenda saudable a base de diferentes froitas.

  • Orde: Cantamos unha canción no momento de recollida do material e xoguetes empregados.

  • Momento de hixiene: Cambiamos aos cativos segundo as súas necesidades, pero dentro da xornada tamén establecemos un tempo para ir ao baño a lavar as mans, a facer o control de esfínteres,…

  • A comida: Fomentamos que na medida das súas posibilidades os cativos se impliquen para poñer o mandilón, coller o babeiro, sentarse… Tentamos favorecer coa nosa actitude que tomen a iniciativa durante a comida, permitindo que dende un principio participen, e que pouco a pouco, vaian adquirindo maior autonomía neste momento.

  • O descanso: neste momento acompañamos os nenos/as creando un clima relaxante e cálido a empregando música clásica. Cada cativo ten a súa hamaca no mesmo sitio sempre co seu chupete, manta e osiño o que facilita o recoñecemento por parte dos cativos, unha vez que localizan o espazo, comenzan a espirse,…

  • A despedida: intercambiamos información coa familia de como transcurriu o día reforzando os lazos de comunicación e confianza mutua.

Todas estas rutinas axudan a que os nenos/as se adapten mellor.

A acción conxunta entre a familia e a escola favorece moito a adquisición dunha serie de hábitos nos nenos/as, básicos para a súa autonomía e o seu desenvolvemento posterior, por iso o intercambio de información entre pais e educadores é algo fundamental…

  • ” Los hábitos en educación infantil “ Driekurs, R.(2003)
  • ” Educar a niños de 0 a 6 “ Vallet, M.(2004)
  • ” La importancia de los hábitos y las rutinas para niños y bebés “ Guía infantil.com

Moverse en liberdade

 Aportación da Escola Infantil de Foz sobre o desenvolvemento motor na primeira infancia.

Moverse en liberdade:

Emmi Pikler (1902-1984) foi unha importante pediatra húngara que dirixiu o Instituto Metodolóxico de Educación e Coidados da Primeira Infancia de Budapest (coñecido como Instituto Lóczy, hoxe chamado Instituto Pikler), fundado para bebés que necesitaban coidados prolongados lonxe das súas familias (casa-cuna).

Pikler Impulsou unha nova mirada sobre o coidado na primeira infancia que transformou a maneira de facer de moitos profesionais e familias nas últimas décadas.

Un dos principais aportes foi  a transformación da  mirada dos adultos cara aos nenos e nenas, deixando de velos como cidadáns en crecemento para consideralos dende xa, como persoas con pensamento autónomo e iniciativa propia. Isto significa que desde que nacen os bebés son persoas activas con interese e iniciativa para aprender. 

Pikler estaba convencida de que o desenvolvemento motor é espontáneo, e aseguraba que, se se lles proporcionan certas condicións, os nenos/as alcanzan por si mesmos un desenvolvemento motor axeitado. O adulto non “ensina” movementos nin axuda a realizalos, senón que os nenos móvense e desenvólvense rexidos pola súa propia iniciativa.

Pikler deuse conta como os adultos poñemos todo o esforzo cara ao obxectivo de que os nenos e nenas camiñen e canto antes o fagan  mellor,  grazas ás súas observacións demostrou como os bebés dende o seu nacemento realizaban exercicios e posturas naturais preparándose para o desprazamento erguido.

O fomento da actividade autónoma e o movemento libre aporta moitos beneficios no desenvolvemento:

  • Desenvolvemento psicomotriz correcto e seguro. Mellor equilibrio e adopción de posturas corporais máis naturais e saudables.

  • Autocoñecemento do seu corpo e das súas posibilidades e limitacións que fai que  os pequenos e pequenas teñan menos caídas  e accidentes.

  • Fomento da seguridade en sí mesmo e a autoconfianza. Evolución máis armónica da personalidade. Os nenos/as medran e evolucionan ao seu ritmo, dando os pasos evolutivos cando están preparados para iso, sen frustrarse por non poder facer aquilo que se lles esixe.

  • Desenvolvemento da creatividade ao permitirlles xogar en liberdade, sen normas nin esixencias.

Segundo Emmi Pikler, cando “intervimos” no movemento libre dos bebés podemos provocar as seguintes situacións:

  • Inmobilidade e dependencia: Os pequenos/as aos que colocamos en posicións ás que non saben chegar por si mesmos, tampouco saben saír delas, o que lles obriga a quedarse nesa posición. Colocámolos nunha situación de dependencia total, o que lles provoca frustación e irritabilidade.

  • Posturas antinaturais e forzadas: Ao colocar aos pequenos en posicións antinaturais para a súa etapa de desenvolvemento, adoptan posturas incorrectas e que poden provocar un desenvolvemento defectuoso da musculatura ou do sistema óseo, así como sobrecargas e tensións inaxeitadas nas posturas corporais.

  • Perda ou distorsión de etapas do desenvolvemento: Ao intervir facemos que algúns nenos/as se salten etapas tan beneficiosas como o gateo.

Dende a Escola Infantil de Foz recomendamos a lectura do libroMoverse en Libertad, onde Emmi Pikler desenvolve a súa teoría apoiada na observación de case un millar de suxeitos e describindo aspectos tan importantes como o papel dos adultos, o espazo, os recursos…Cremos que as súas aportacións adaptadas e aplicadas á práctica educativa actual favorecen e enriquecen o desenvolvemento do neno/a, non só a nivel motor, senón tamén a nivel afectivo, social e cognitivo

Engadimos enlaces de videos e enderezos web que consideramos de gran interese: