E houbo tempo para….

A escola infantil de Vigo Valadares acheganos unha reflexión deste tempo na escola e a preparación da acollida do novo curso.

E houbo tempo para…

Nestes días sen escola non vos ten pasado que cando contades que estades indo a traballar a pregunta é: e que facedes se non hai nenos?

E na cabeza imaxes de todo o que levamos facendo e de todo o que aínda queda por facer; cousas, teño por resposta, é que é complicado explicar o traballo invisible que hai detrás de cada profesión, na nosa, a idea vai asociada ao coidado das pequenas e pequenos, parece lóxico para quen é alleo ao noso ámbito pensar que non hai máis. Haino, sabédelo moi ben, e ao longo deste mes que pasou voando houbo tempo de mimar aspectos que noutros cursos escolares, pasaban de puntillas na planificación do inicio de curso, e, ao mellor, alguén alleo ao noso traballo quede sorprendido ao recoñecer que non nos deu tempo a afondar en todo.

Os días escorréronse entre as nosas mans (cheas de hidroxel) mentres debatíamos como adaptar as medidas do protocolo, formalizacións de matrículas, organización dos espazos do centro, entrevistas coas familias, programacións, entre outras tarefas e unha vez máis as cuestións de carácter urxente marcadas pola necesidade de estar preparados para unha volta ás aulas segura, absorberon as importantes: as que medran no debate, as que supoñen abanear as ideas e que permiten cimentar un proxecto de escola.

No primeiro ciclo practicamente toda a xornada é de atención educativa, pouco queda para a cantidade de funcións que non son visibles e que conseguimos sacar adiante porque sen todo o que soporta detrás a nosa profesión, non nos sería posible exercela coa calidade suficientemente boa que merecen nenas e nenos.

Setembro preséntase máis preto, coa incerteza que a todas e todos nos provoca a situación de pandemia, pero coa seguridade de ter adicado tempo a mellorar a nosa escola e recibir con alegría ás nenas e nenos.

Despois de días con martelos, puntas, desaparafusador e parafusos, trade, pinceis, pintura, verniz, grampadoras, panos, desinfectantes, lixadora, papeis, bolígrafos, pegamento, silicona, fotos, ordenadores, regadeiras, metros, angazos, terra, mangueira, algún que outro artigo, debates intensos e non tanto, acordos e desacordos, proxectos… entre as mans, os espazos da escola agardan a ser descubertos, explorados e queridos polas nosas nenas e nenos. Estamos preparadas!

6 reflexións sobre “E houbo tempo para….

  1. OKBET

    Your writing is perfect and complete. However, I think it will be more wonderful if your post includes additional topics that I am thinking of. I have a lot of posts on my site similar to your topic. Would you like to visit once?

    my home page : okbet philippines

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará