Cambio de cueiro de pé

Dende a escola infantil de Vigo Valadares achegannos unha proposta de facer o cambio de cueiro de pé.

Agora que estamos a modificar moitos hábitos en prol dunha maior asepsia, máis aló da hixiene, que xa tiña un papel destacado dentro das medidas estandarizadas nas rutinas da escola, queremos compartir unha proposta que ben pode ser implementada tanto no ámbito escolar coma familiar. Esta práctica implica moitos beneficios tanto a nivel do desenvolvemento das crianzas como en relación á hixiene e o respecto e coidado do planeta e medio ambiente. Falamos do cambio de cueiro de pé.

Levamos varios cursos intentando establecer esta dinámica no momento da hixiene coas nenas e nenos que teñen estabilidade na postura e interese manifesto pola experiencia. Entre moitas razóns que se poden expoñer, unha fundamental para os profesionais do sector, a propia saúde. Moitas lecturas expoñen as lesións as que a reiterada carga de pesos e a incorrecta posición durante o proceso poden provocar e, o certo é que, a pesares de ter escaleiras para os nenos e nenas nos baños do noso centro, o común é que descoidemos os nosos corpos por variados motivos (presa, incomodidade dos espazos para abrir as escaleiras, etc.)

Son moitas as vantaxes pedagóxicas que vemos neste método pero, a maiores, neste tempo de coronavirus sinalamos que a súa práctica evitará o uso indiscriminado de papel nos cambiadores que acabaran enchendo as papeleiras das escolas, aspecto que non nos parece insignificante. Nunha sociedade que fomenta produtos de usar e tirar, a repercusión sobre a saúde do noso planeta é unha cuestión moi sensible e dende logo moi preocupante se temos en miras o futuro que deixamos as cativas e cativos.

Para o desenvolvemento da proposta precisamos ter en conta a perspectiva infantil é adaptar os espazos para mellorar a súa autoxestión:

  • Habilitar espazo para gardar as pertenzas da crianza de xeito que as poida xestionar (cueiro, toalliñas, cambio de roupa, etc.)

  • Un asento baixo para o adulto que debe quedar situado a unha altura que le permita mirar a crianza á cara.

Listo! Agora cando precise un cambio nos situaremos no asento e permitiremos que a nena e o neno vaian participando da rutina, que pouco a pouco coñeceran por completo interiorizando os pasos co que non precisarán a guía do adulto.

Imos degrañar todas as vantaxes que observamos na práctica reiterada desta rutina, coa idea de que vos animedes e a poñades en práctica, estamos seguras que adaptándoa as vosas necesidades atoparedes a fórmula para facer vosa esta dinámica para o momento da hixiene:

  • A principal vantaxe que observamos nesta práctica e que establecemos unha comunicación máis respectuosa coa nena e o neno que deixan de estar “sometidos” ás “manipulacións” do adultos (ao non poden ver o que están a facer co seu corpo), e pasa a formar parte activa do proceso.

  • Coñecen o seu corpo, integrando as partes na elaboración do esquema corporal.

  • Toman conciencia dos procesos de evacuación, de hixiene asociados a rutina do cambio de cueiro.

  • Afianzan as súas capacidades motrices.

  • Fomenta a comunicación co adulto que se sitúa á mesma altura da nena ou neno.

  • Aportamos posibilidades de acción e participación activa durante todo o proceso: identifican o cueiro, achegan as toalliñas, etc.

  • Fomentamos a autonomía e o sentimento de logro persoal: subir e baixar a roupa, tentar desabrochar o bodi, etc.

  • Fanse conscientes dos procesos corporais e “os fan seus”, caca e pis forman parte dunha “produción persoal”.

  • Pode quitar o cueiro só e empregar a toalliña, desbotando os retos axeitadamente.

  • Pode axudar a poñer o cueiro limpo.

  • Favorece a comunicación entre iguais, teñen moita curiosidade polas “producións” doutras cativas e cativos

  • Facilita a colaboración con compañeiras e compañeiros, achegan cueiros, axudan a desbotar os mollados, etc.

Reflexionemos e poñamos a nosa mirada nas oportunidades que nos ofrece a nova situación, onde realmente é importante: os coidados básicos na escola infantil son a chave do entorno de calidade para que nenas e nenos se sintan ben, e con iso se abran ao mundo, animámosvos a que o momento de hixiene adquira un papel fundamental na vida cotiá das nenas e nenos na escola, non haberá nada máis importante que facer que acompañar nun proceso de coidado onde a vivencia corporal vai ligada á formación do autoconcepto.

 

Bibliografía:

Mª Rosa Ferri. La importancia del cambio de pañales. Aula Infantil, nº 53

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará