O movemento libre

Dende a escola infantil de Baiona acheganos unha reflexión sobre o movemento libre.

El desarrollo motor se produce de modo espontáneo, mediante su actividad autónoma, en función de la maduración orgánica y nerviosa” Emmi Pikler.

Cando aos cativos se lles da a oportunidade e o tempo que precisan, estes son quen de acadar cada unha das súas etapas motoras de xeito independente e sen intervención do adulto.
A cotío escoitamos comentarios onde se comparan os nenos e nenas e os seus logros. Parece que quixeramos contaxialos co ritmo frenético dos adultos e nos esqueceramos de que cada bebé ten o seu propio ritmo e tempos e que non existe ningunha fórmula máxica que se poda aplicar á aprendizaxe do ser humano.

A primeira posición na que está un neno é deitado boca arriba. Esta posición proporciónalle o soporte suficiente para moverse con seguridade e buscar outras posicións, así como para tamén coñecer o seu corpo e as posibilidades que este lle ofrece. Aos poucos, o bebé irá adoptando novas posicións de maneira natural e ao seu ritmo. Respectar eses ritmos implica que non debemos colocalos nunha posición que non tiveran acadado por si mesmos, o cal imposibilitaría que se puideran soster por eles mesmos, manter o equilibrio ou aliñar o seu corpo axeitadamente. Como tamén suporía inducir un sentimento de frustración por non poder volver a unha posición cómoda xa conquistada.

Un dos momentos máis emocionantes para os proxenitores e ver ao noso cativo dar os seus primeiros pasos, e ás veces isto conleva que esteamos ansiosos por ver como se incorporan, gatexan ou se manteñen en pé. Porén, non reparamos no feito de que actuar deste xeito non os beneficia en absoluto. O que si é recomendable e é, que confiemos nas capacidades do neno e da nena, e que descubramos e respectemos o seu ritmo e desenvolvemento, non sen descoidar o feito de que a súa contorna deberá ser segura e facilitarlle a liberdade de movementos.

Para favorecer a liberdade de movemento do bebé deberemos:

  • Crear un espazo amplo, seguro e adaptado as súas necesidades.
  • Roupa axeitada e cómoda que permita a liberdade de movementos.
  • Non se deben empregar zapatos.

O movemento libre no bebé favorece o desenvolvemento da súa creatividade e o despertar dos seus sentidos polo que o neno e a nena gañan confianza, seguridade e autonomía.
Un bebé que aprende de maneira autónoma e independente a adoptar unha determinada postura ou a emprender os seus primeiros pasos é un neno ou nena que descobre as súas propias capacidades e desenvolve as súas habilidades a través dun sistema de fracasos e logros.

No tocante aos beneficios físicos teríamos:

  • Consolidación de posturas intermedias (denominadas así aquelas que facilitan o cambio de posturas)
  • Movementos máis harmónicos (grazas ao afianzamento do equilibrio)
  • Preparación do corpo ante situación de riscos, etc.

Como beneficios cognitivos destacaríamos:
O desenvolvemento da creatividade, pois os pequenos empregan os seus recursos para chegar a distintos estadios motores, e doutras capacidades como a visión e a coordinación.

En cantos aos beneficios emocionais destacariamos a importancia de facer as cousas por un mesmo, cun consecuente desenvolvemento da autoestima, o autocoñecemento, a seguridade…

Os adultos debemos manter unha actitude paciente e de respecto, incentivando e favorecendo o desenvolvemento autónomo e o movemento libre no bebé.
Un bebé que se lle deixa no chan, que non se lle coloca en posturas que non sabe facer por si mesmo, que non se lle forza a probar novas posturas… pode moverse, pode xirarse, pode coller obxectos, cambiar de posición… Podeen definitiva construír a súa propia historia.

Bibliografía:

  • Emmi Pikler. Moverse en libertad. Editorial Narcea.
  • María Montessori. The Montessori Method. Editorial Wilder Publications.
  • Laura Estremera Bayood. Ser niños acompañados, crianza y escuela. Editorial: universo de letras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará