A escola no exterior

Reflexión sobre o uso do exterior nas escolas infantís que nos achega a Escola Infantil de Coirós

                                                  A ESCOLA NO EXTERIOR

Todos os espazos da escola son potencialmente educativos, especial importancia cobra o espazo exterior. O potencial educativo deste lugar, o tipo de actividades que nel acostuman a facer as nenas e os nenos, os modos de interacción que permite e potencia, convértenno nun escenario privilexiado para o seu crecemento e desenvolvemento e de observación para as educadoras e educadores.
Se dende sempre o tivemos en conta para realizar un senfín de actividades nel, agora se cabe, cobra maior importancia dada a situación na que nos atopamos coa pandemia provocada polo SARS-CoV-2. Entre outras recomendacións, o protocolo de actuación para as escolas infantís da prioridade ao uso da zona exterior. Damos nas nosas escolas, valor a este espazo exterior? Que nos dí a normativa?
O Decreto 330/2009 do 4 de xuño polo que se establece o currículo de educación infantil na nosa comunidade, no apartado de orientacións metodolóxicas fai referencia:
“Os espazos exteriores deberán ser obxecto do mesmo coidado e planificación que os interiores, explorando as diversas posibilidades de aprendizaxe e interacción que ofertan, sobre todo nuns momentos en que a actividade se desenvolve maioritariamente entre iguais libre de carga dirixista do adulto”.

Escola infantil de Tui


De acordo con autores como Freire, este espazo debería ser un espazo pedagóxico máis, cheo de recursos naturais que permitan educar a partir do descubrimento e do contacto directo con plantas, insectos e outros elementos naturais como a auga, a terra, area…

Diversas investigacións psicolóxicas, Louv (2005), sobre as vantaxes do contacto co exterior fan referencia ao “Trastorno por déficit de natureza”, causando diferentes doenzas “modernas” como depresión, estrés, déficit de atención-hiperactividade, ansiedade… que afectan á infancia e cuxa causa común podería ser a falta de contacto co medio natural.

A natureza potencia os procesos de aprendizaxe e a atención é un mecanismo esencial para aprender. Os cativos senten unha curiosidade innata por explorar o mundo. Por outro lado, a natureza ofrece todos os “xoguetes” que podamos imaxinar e que nos permiten crear de aquí ao infinito.

 

Escola infantil Coirós

 

 

 

 

 

Estamos afeitas/os a escoitar a nenas/os máis maiores que o mellor do cole é a hora do recreo no patio e se nós mesmas/os botamos a vista atrás, seguro que as nosas mellores vivencias e as máis gratificantes tiveron lugar ao aire libre. Entón, por que non facer de ese espazo na nosa escola, un espazo rico en xogo, de descubrimento, de exploración, de aprendizaxe e de asombro?. Como xa dicía Sócrates, “o coñecemento comeza co asombro”.

Escola Infantil de Baiona

Escola infantil de Baiona

Repensemos o xardín como un espazo educativo levando a “aula” ao espazo exterior, achegando a natureza á escola para poder observala e experimentala de forma directa.

Que beneficios nos aporta?

Evita problemas de saúde. Dende unha perspectiva médica, a estancia regular na natureza reforza o sistema inmune diminuíndo a predisposición a padecer enfermidades infecciosas. A posibilidade de contaxio entre os nenos ao aire libre é menor xa que a exposición aos patóxenos tamén é menor. As nenas e nenos melloran o seu estado físico ao facer exercicio sen esforzo, o cal axuda a evitar a obesidade. É a mellor maneira de obter vitamina D e está comprobado que reduce o risco de miopía.

-Pode que nos bote para atrás a idea de saír máis ao exterior porque aquí non nos acompaña moito o tempo pero como dí o outro: “ non hai mal tempo, senón roupa inadecuada”. Pódese remediar calquera chuvascada ou inclemencia do tempo coa roupa adecuada e o movemento.

Fomenta a creatividade.

Beneficia a autonomía.

Axuda ao desenvolvemento de habilidades sociais.

Estimula os sentidos.

Favorece as funcións cognitivas ( memoria, atención, concentración…)

Reduce o estrés.

Escola infantil de Meira

Escola Infantil de Meira

 

 

 

 

 

 

 

 

Temos que animarnos e emprender un proceso de transformación do noso xardín, “renaturalizalo” para o cal temos que involucrar ás familias e a toda a comunidade educativa. Nalgunhas escolas este proxecto será máis ou menos complexo de levar a cabo polas características particulares pero cunha reflexión conxunta do equipo educativo sairán os puntos fortes porque todas o teñen, só hai que atopalos.

Enlaces de interese:

1 reflexión sobre “A escola no exterior

  1. isabel

    boas noites, paréceme xenial, esta idea das actividades no extrior da Escola, pero para poder facer todo isto, mecesitamos bastantes materiais, ademáis de un lugar que se adecúe, para un montón de acticidades. Creo que as actividades do horto, témolas todas as escolas, máis ou menos ,.Son moi interesantes, pero sempre que teñamos axuda, e ás veces tempo, intentamos tódolos anos, facer e crear actividades para eles, no esterior, pero todo depende do número de nenos que teñamos, neste caso 4 aulas, a repartir.Si se fai muy efectiva a saída, debido a que os nenos e nenas, poden expresar, algunhas situacións de agobio, dentro das aulas. En xeral saen moi contentos ao exterior. Pero deberíamos ter todos un pedazo de patio cuberto, así aínda que chovese podríamos sair abrigados, co calzado adecuado…Pero as administracións e CONCELLOS,andan un pouco afogados pola crise, esperemos que pronto podamos ter solución, un saúdo

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *