Rutinas facilitadoras do sono

A Escola Infantil de Baiona achéganos unha reflexión sobre as rutinas e rituais facilitadores do sono

O sono é unha función evolutiva que require da maduración do sistema nervioso das nenas e dos nenos, polo que cambia a medida que estas van medrando. Isto non quere dicir que non existan ferramentas que acompañen este proceso de desenvolvemento e faciliten á adquisición dun hábito de sono saudable.

As rutinas non son máis que un conxunto de actividades que realizamos cada día á mesma hora e seguindo os mesmos pasos, os cales nos permitirán crear un hábito. Neste caso, os hábitos aos que nos referimos farán que os nosos pequenos e pequenas asocien dito proceso coa hora de durmir. As rutinas son claves para consolidar as aprendizaxes das cativas e cativos..

O sono é esencial para o desenvolvemento e un bo descanso é un hábito saudable que se adquire durante a infancia. Na escola infantil o sono forma parte dun momento cotián esencial para o desenvolvemento saudable dos nenos e das nenas, o descanso, ademais de durmir precisamos descansar, saber relaxar, calmar para obter os múltiples beneficios que ten:

  • Contribúe ao seu desenvolvemento físico, mental, emocional e afectivo.
  • Axuda a recuperar forza e enerxía e vitalidade.
  • Fomenta o sentido de alerta vital para a supervivencia.
  • Desenvolve a capacidade da linguaxe, a memoria, a atención, concentración, …
  • Reduce o estres (propio e paterno) e a irritabilidade producida porque non hai descanso suficiente.

Polo que dende as idades máis temperás o descanso ten que ter unha consideración e tratamento especial na vida do neno e da nena, xunto con outros momentos cotiáns (alimentación ou hixiene)

As horas de sono varían coa idade e cada neno e nena ten cadansúas necesidades. Porén, canto máis pequenos son, maior descanso necesitan. Así mesmo, deberemos facer unha distinción entre o sono diúrno ou pequenas sestas e o sono nocturno. Segundo a cativa ou cativo vaia medrando, esta aprenderá a discernir entre un e outro e, é aquí, onde as rutinas xogan un papel fundamental. O mellor modo de conseguir que un neno ou nena se prepare para o acto de durmir e estea o suficientemente relaxado para conciliar o sono é seguir cada día o mesmo proceso. Moitas pequenas vólvense máis activas no momento antes da hora de descansar, polo que deberemos facer actividades máis relaxantes que axuden a que se calmen, e sería recomendable que respectaramos a secuencia das mesmas, como por exemplo:

Darlle un baño

– Poñer a roupa de durmir

– Cepillar os dentes

Elixir un boneco para durmir e retirar os demais da cama

– Ler un conto xuntos

Reducir a intensidade das luces, ruídos e imaxes de dispositivos.

Facer unha masaxe ou aloumiños

Cantar unha cantiga

Despedirse se imos abandonar a súa habitación

Todas estas poden ser opcións para fomentar a relaxación e se as repetimos no tempo cada vez será máis sinxelo que a pequeno e pequena acade o estado adecuado para o sono tranquilo. Non podemos esquecer que cada rutina adquire sentido pleno para os máis pequenos cando vai encadeada a outra rutina nun tempo continuo. Un exemplo é que imos para desenvolver a alimentación é necesario lavar as mans antes e despois desta acción.  Debido ao ritmo biolóxico, un neno pequeno despois do xogo  precisa descanso e despois do sono  é convinte realizar control de esfínteres, é dicir é necesario que sexa un proceso conectado e significativo dentro da vida diaria do neno e da nena.

O cariño e respecto dos seus tempos e necesidades son fundamentais para lograr un sono saudable, polo que non debemos transmitir as nosas inquedanzas ou preocupacións neste momento significativo. Cada neno e nena ten unhas necesidades de descanso diferentes e canto antes asumamos estas individualidades e coñezamos as necesidade de cada unha e un, antes crearemos a rutina de sono adecuada para cada un e unha deles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *