A organización do momento de comedor na escola

Proposta de organización do momento de comedor na Escola infantil de Ourense Barrocás

INTRODUCIÓN

Os nenos e as nenas necesitan seguir unhas rutinas diarias. A través destas van coñecendo a contorna que lles rodea, superando os seus medos e temores ao descoñecido, tamén descubrindo que é o que vén antes e despois en cada momento. Isto proporciónalles a seguridade, tranquilidade e confianza necesaria para unha adecuada adaptación e estancia na escola; todo o cal posibilita o desenvolvemento da autonomía persoal e o coñecemento de estruturas temporais.

DESCRICIÓN

Neste caso, imos centrarnos na rutina do comedor, para que o/a neno/a poida desenvolver a súa iniciativa e a súa capacidade de colaboración e non sexa un suxeito pasivo da súa alimentación. Ás veces facemos as cousas polo cativo/a sen darlle o tempo necesario para que o faga por se mesmo e vai desenvolvendo as súas destrezas para lograr unha maior autonomía. Consideramos que para que a proposta de comedor sexa axustada teñen que darse unha serie de obxectivos xerais:

  • Fomentar a autonomía e participación dos/as nenos/as.

  • Fomentar o desenvolvemento de hábitos alimenticios saudables.

  • Fomentar hábitos de hixiene e limpeza de si mesmos e da súa contorna.

  • Fomentar o gusto e interese pola comida.

  • Desenvolver habilidades comunicativas e de socialización.

Na proposta de momento de comedor, un aspecto fundamental é como debera ser a nosa actitude como educadoras/es:

– Estimularemos a participación autónoma do/a neno/a na actividade mostrando actitudes comprensivas e pacientes ante os distintos ritmos de adquisición de destrezas.

– Apoiaremos a súa evolución e mostrarémonos dispoñibles para brindarlles a axuda necesaria en función do seu grao de desenvolvemento.

– Fomentaremos o descubrimento de novos sabores e o pracer que supón alimentarse.

Cada día a comida ten un sabor diferente dependendo do tipo de verduras, carne ou peixe que teña na súa composición. Trataremos de facer comentarios positivos cara á comida para que o/a cativo/a desenvolva unha predisposición favorable a que o que vai comer é bo para el, para medrar, para estar forte. Animámoslles a probar pero finalmente é el/ela quen decide se o fai ou non.

– Fomentaremos hábitos de orde e limpeza facéndoos conscientes do benestar que produce convivir en espazos limpos e ordenados. Temos que ser conscientes dos nosos propios hábitos que os pequeno e pequenas imitan.

– Manteremos unha actitude aberta e respectuosa coas necesidades do neno/a en xeral e respecto coa cantidade de comida que quere tomar en particular.

“Non forzar ese é o noso lema” nunca forzaremos a o/a cativo/a a comer porque naqueles casos onde se dea unha relación complexa do cativo ou cativa coa comida, e se repita con frecuencia é necesario facer unha análise da situación para establecer un plan de actuación conxunto entre o equipo da escola  e a familia.

ORGANIZACIÓN DO ESPAZO E DOS MATERIAIS HABITUAL

Na organización habitual do momento de comedor de cara a que sexa axustado a uns obxectivos xerais e dea posibilidade de poder responder ás necesidades e ritmos persoais de cada neno e nena, realízase deste xeito.

– Os materiais dispóñense ao alcance dos/as nenos/as de modo que eles inicien as accións de modo espontáneo. Cando entran no comedor teñen o babeiro colocado sobre a cadeira.

– A mesa auxiliar ten os pratos servidos que os/as cativos/as deberán recoller e levar á súa mesa, e unha vez que rematen depositalos nunhas cubetas, clasificando os pratos, culleres e cubertos usados e un cubo de lixo onde depositarán os restos de comida. Unha vez finalizado deixarán a súa babeiro nun cesto.

Esta organización base da escola e que forma parte da proposta pedagóxica de centro, axustarase ás circunstancias do momento en que nos atopemos co COVID 19, sempre atendendo aos obxectivos xerais que garantan o benestar da nena e do neno e o fomento da súa iniciativa.

A ORGANIZACIÓN DOS GRUPOS

O Comedor organízase por grupo de idade e dentro destes agrupámolos por momentos evolutivos diferentes.

Na aula dos lactantes o momento do xantar integrase coma unha actividade máis que se realiza no interior da aula. Comezamos o curso, dándolle de comer no colo ata que se manteñen sentados e poden comer na trona. Segundo o momento evolutivo no que estea cada cativo/a adaptase a súa alimentación.

Os cativos/as da aula de 1-2 anos organizarémolos, atendendo principalmente o grado en que se atopen coa alimentación. Soe suceder que se dea unha mesa na que só comen puré e na outra están co menú de transición. En cada mesa están acompañados dunha educadora que apoia o proceso en todo momento.

 Os nenos/as da aula de 2-3 anos divídense en tres grupos de 5-6 integrantes en cada mesa, están acompañados por unha educadora que os guía e os axuda no que necesiten para fomentar a súa autonomía.

A ORGANIZACIÓN TEMPORAL:

A actividade do comedor exténdese en diferentes horarios:

  • Aula dos lactantes: comeza as 12:00

  • Aula de 1 a 2 anos: comeza as 12:15

  • Aula de 2 a 3 anos: comeza as 12:45

AVALIACIÓN:

O equipo educativo reunímonos todos os meses para facer unha avaliación periódica da actividade do comedor entre outras, e co obxectivo de introducir cambios si foran necesarios.

Ca posta en práctica dos obxectivos citados anteriormente intentamos conseguir unha boa hixiene, unha saudable e correcta alimentación e unha actitude positiva dos cativos/as con respecto a comida e que así logren ser mais autónomos.

O que intentamos na nosa escola é non centrarnos unicamente en que os nenos/as coman senón mais ben, na importancia de que aprendan a comer.

As educadoras temos que respectar os ritmos individuais, atender as súas necesidades e reforzar os seus logros mostrándonos próximas e dispoñibles os cativos/as.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *