Dende a escola infantil de Vigo Rúa Palencia achegannos unha proposta de xogos para facer na natureza.
A natureza: espazo de xogo ideal.
Dende a escola propoñemos xogar en espazos abertos, en contacto coa natureza aproveitando todo o que nos brinda, unha gran variedade de elementos e estímulos que son o soporte perfecto para o xogo libre.
Agora que os parques con xogos estruturados están pechados, podemos observar como nenos e nenas descobren as posibilidades de xogo que lles ofrecen outros espazos.
O impulso de xogar nas nenas e nenos é innato e responde ás necesidades biolóxicas e sociais, a este instinto únese a atracción innata tamén polos entornos naturais; así que darlles a oportunidade de estar en contacto co mundo natural, aportarlles moitos beneficios.
Polo tanto xogo e natureza forman o conxunto perfecto, a través do xogo exploran o mundo natural e á súa vez, a natureza é o mellor marco de xogo.
Por outra banda, os espazos naturais permiten diversos xogos, dende experiencias sensoriais, ata xogo simbólico ou actividades motrices. Polo cal, a cativa decide a que xogar ou como xogar segundo as súas necesidades e intereses.
Algúns xogos cos que poden desfrutar os nenos e nenas serían:
-
Facemos pócemas: Os entornos naturais ofrecen gran variedade de experiencias sensoriais, así mesturan auga con herbas, terra, pedriñas… Esta actividade favorece climas máis tranquilos e de concentración.
-
Equilibrios: Os elementos ríxidos que van atopando as pequenas e pequenos como pedras grandes, troncos caídos ou bordillos axúdanlle a poñer a proba os seus retos motrices.
-
Trepar arbores: Estes xogos axudan a favorecer a autoconfianza, calibrando os riscos por si mesmos, así antes de trepar aos pequenos e pequenas pensan como facer para subir e tamén baixar.
-
Carreiras de follas: Todo o que atopan as nenas e nenos na natureza é material non estruturado, non ten un fin concreto para xogar, así lles da pé a imaxinar múltiples cousas, como botar follas nun regato e observar cal corre máis.
Por todo isto merece a pena saír ó campo, bosques, espazos verdes….de seguro que os nosos nenos e nenas están felices e alegres.