As familias o corazón da escola

Dende a Escola Infantil de Marín acheganos unha interesante reflexión sobre a colaboración da familias na escola.

AS FAMILIAS, O CORAZÓN DA ESCOLA

A Familia é un piar imprescindible para a escola infantil para que funcione, para que rodee, para que faga faísca. As escolas non son só un edificio acondicionado con todas as medidas de seguridade, de hixiene, de cumprimento de ratios e de persoal educativo. A escola, como ente, ten vida propia e mantén un latexo grazas a toda a comunidade: os nenos, as nenas e as súas familias ao completo avós, irmáns, tíos, veciños, as institucións máis próximas e tamén ás educadoras.

As profesionais desta etapa (0-3 anos) somos educadoras e o noso rol é guiar, acompañar, ensinar e manter o latexo da escola cun ritmo armónico. O papel que posúe a familia nas nosas escolas reflicte a saúde das mesmas, pero, coidámolas e témolas realmente en conta?

Personalizamos as aulas cada ano que arrincamos o curso pero, consideramos o perfil de cada familia nova que temos? Cambiamos a nosa maneira de facer dependendo do grupo, neste momento debemos analizar coidadosamente as realidades de cada familia da maneira máis específica e empática posible.

Seguindo co símil do latexo, como profesionais queremos que as familias nos axuden a manter viva a escola, pero ás veces rendémonos cando non atopamos a participación desexada, e iso en ocasións desmotívanos e sentimos frustración. Cando asoma esa falta de ganas é cando máis temos que apoiarnos e pensar cal é a mellor fórmula para chegar ás nosas familias. E si esa fórmula non funciona hai que seguir probando ata atopar a máis axeitada. A clave pode ser pensar na diversidade de familias e que as necesidades son diferentes por iso as actuacións e as responden non teñen que ser igual e si axeitadas ás circunstancias.

Se estamos de acordo en que a escola infantil non é só un edificio para acoller aos nenos, entón, as profesionais debemos de ter claro que é. Se queremos que esta etapa sexa respectada e que se lle dea toda a importancia que ten, hai que empezar por nós mesmas, hai que crer no que facemos, no decisivo que é apostar por facer un traballo coordinado, organizado e axustado a lexislación vixente afrontado con profesionalidade e rigurosidade.

Propoñemos obradoiros, actividades para facer na casa, e en ocasións non temos a resposta que esperabamos por parte das familias. Con todo, non nos preguntamos por que non existe, en ocasións, ese feedback. As familias forman parte da escola pero non son as persoas que organizan xa que esta labor pertence as profesionais das escolas infantís. Neste sentido, teremos que  guiar, apoiar e escoitar, sen xulgalas,  para que as familias sexan consideradas de forma real como colaboradoras. Do mesmo xeito que diriximos aos nenos e nenas para que poidan descubrir o mundo por eles mesmos facilitando e potenciando un tipo de ambiente educativo organizado dende o punto de vista significativo. Explicar como e por que traballamos na nosa escola dunha maneira determinada é esencial para as familias para entender as formas de facer ou organizar. Manter reunións individuais e grupais periodicamente nas que elas, as familias, sexan as protagonistas resulta vital. Resulta moi interesante que vexan a escola, a súa escola, como un lugar no que compartir as súas experiencias, logros, ideas, en definitiva, intercambiar sensacións entre elas e nós e todos xuntos formar unha gran comunidade educativa para que a nosa escola estea viva.

Pero o traballo en equipo (familias, veciños e persoal da escola) só funciona con sinceridade, empatía e sensatez, e o equipo, neste caso que nos ocupa está composto por moitas realidades, todas diferentes e válidas. A escola é o lugar onde as familias deixan aos seus fillos e fillas para que medren coa nosa axuda en aspectos fundamentais da vida relativos á autonomía (hixiene, alimentación e descanso) a aspectos cognitivos ou ao desenvolvemento da socialización e establecemento de relacións.

A nosa labor é importante, tentemos transmitir este valor ás familias e podemos conseguilo escoitando atentamente a súas inquietudes. Para conseguir que o corazón latexe non podemos administrarlle malos medicamentos como a desmotivación. Teremos que administrar ilusión, ganas, escoita activa,… que axuden a non baixar o seu pulso.

Bibliografía recomendada:

  • “Los padres en la escuela infantil. ¿Clientes o colaboradores?”. Vicenç Arnaiz Sancho. Cuadernos de Pedagogía, nº282, páxinas 35-39.
  • Vídeo:  Reencuentro: mesa redonda.  Vicenç Arnaiz, Gema Paniagua e Pilar García. Organizada polo Colectivo de Infantil de Madrid.

https://www.youtube.com/watch?v=LnZGy1-b4Jc&t=3555s

 

2 reflexións sobre “As familias o corazón da escola

  1. Aida Sanchez

    Moi boa reflexion compañeira!!! Comparto contigo a idea , familias-escola sempre van da man para un unico obxectivo comun: o benestar das crianzas ,que sexan felices!!!

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *