Arquivos mensuais: Xullo 2020

E houbo tempo para….

A escola infantil de Vigo Valadares acheganos unha reflexión deste tempo na escola e a preparación da acollida do novo curso.

E houbo tempo para…

Nestes días sen escola non vos ten pasado que cando contades que estades indo a traballar a pregunta é: e que facedes se non hai nenos?

E na cabeza imaxes de todo o que levamos facendo e de todo o que aínda queda por facer; cousas, teño por resposta, é que é complicado explicar o traballo invisible que hai detrás de cada profesión, na nosa, a idea vai asociada ao coidado das pequenas e pequenos, parece lóxico para quen é alleo ao noso ámbito pensar que non hai máis. Haino, sabédelo moi ben, e ao longo deste mes que pasou voando houbo tempo de mimar aspectos que noutros cursos escolares, pasaban de puntillas na planificación do inicio de curso, e, ao mellor, alguén alleo ao noso traballo quede sorprendido ao recoñecer que non nos deu tempo a afondar en todo.

Os días escorréronse entre as nosas mans (cheas de hidroxel) mentres debatíamos como adaptar as medidas do protocolo, formalizacións de matrículas, organización dos espazos do centro, entrevistas coas familias, programacións, entre outras tarefas e unha vez máis as cuestións de carácter urxente marcadas pola necesidade de estar preparados para unha volta ás aulas segura, absorberon as importantes: as que medran no debate, as que supoñen abanear as ideas e que permiten cimentar un proxecto de escola.

No primeiro ciclo practicamente toda a xornada é de atención educativa, pouco queda para a cantidade de funcións que non son visibles e que conseguimos sacar adiante porque sen todo o que soporta detrás a nosa profesión, non nos sería posible exercela coa calidade suficientemente boa que merecen nenas e nenos.

Setembro preséntase máis preto, coa incerteza que a todas e todos nos provoca a situación de pandemia, pero coa seguridade de ter adicado tempo a mellorar a nosa escola e recibir con alegría ás nenas e nenos.

Despois de días con martelos, puntas, desaparafusador e parafusos, trade, pinceis, pintura, verniz, grampadoras, panos, desinfectantes, lixadora, papeis, bolígrafos, pegamento, silicona, fotos, ordenadores, regadeiras, metros, angazos, terra, mangueira, algún que outro artigo, debates intensos e non tanto, acordos e desacordos, proxectos… entre as mans, os espazos da escola agardan a ser descubertos, explorados e queridos polas nosas nenas e nenos. Estamos preparadas!

Un tempo de descanso

 

Antes de iniciar as vacacións do mes de agosto queremos darvos as grazas a todas as persoas que participastedes neste blog e canal de youtube para acompañar ás nenas e nenos e ás súas familias, e tamén para acompañarnos entre profesionais e seguidores de cara a compartir distintas experiencias educativas.

Parécenos que debemos enfocar o traballo que nos toca vivir como un reto e posibilidades para seguir medrando como profesionais e continuar ofrecendo a mellor calidade educativa aos nenos e nenas e as súas familias. Esas posibilidades seguen indo cara a propostas educativas que camiñan cara unha idea de infancia activa e capaz. Entre todas e todos fomos falando, debatendo e creando formas de facer para que a nosa labor profesional se axuste ao contexto actual e siga a intentar xerar os mellores ambientes educativos para os pequenos e pequenas

Sabemos que houbo que dar un esforzo importante e, sobre todo descoñecido, nestes meses. Este esforzo e adicación especial vai continuar para o inicio do vindeiro curso 2020-21. Por iso queremos facer unha aposta comprometida onde a incertidume sexa un motor moi potente para estar máis atentas e atentos de cara a poder responder, o mellor que poidamos, ás necesidades de familias e cativos e cativas. Esta resposta será diferente e axustada porque está planificada dende un ambiente coidado, pensado, diverso e organizado nos detalles

Desexamosvos un tempo de descanso que vos axude a recuperar folgos e enerxías para iniciar un curso, seguro moi interesante e intenso, con novas ideas, intereses e ilusións, coa necesidade de seguir:

… traballando dende as emocións

… experimentando sensacións

… fomentando a autonomía.

… traballando as competencias para interactuar co ambiente…

… ofrecendo posibilidades….

… pensando e facendo que as metas son e sexan alcanzables.

… dando prioridade desde a escola ao establecemento de vínculos cos demais.

Entre todas e todos compartimos unha gran aventura educativa que supón traballar con persoas únicas que merecen o mellor de todos nós. Por iso sigamos traballando para que os nosos esforzos axuden a cambiar a maneira de ver e tratar á infancia.

Unha aperta a todas e todos e moi boas vacacións. Achegamos unha reflexión que se denomina E houbo tempo para…,onde podemos ver como queda preparada unha escola de cara a recibir aos nenos e nenas e ás súas familias no mes de setembro. Vémonos á volta!!!.

Equipo de Atención Educativa da Rede de Escolas Infantís

 

Camiñatas sensoriais

Proposta que nos achega a Escola infantil de Burela Os Castros

Idade: A partir de 2 anos.

Obxectivos:
Experimentar coas sensacións dos distintos materiais que conteñen as cubetas.
Identificar as sensacións producidas polos materiais.
Activar a curiosidade e descubrir o mundo que lles rodea.
Estimular todos os seus sentidos.

Materiais:
Varias cubetas, cantas máis mellor.
Distintos materiais (serrín, area, terra, pedriñas pequenas redondas, carbón…)
Distintos elementos( xelatina, , arroz, fariña, pan raiado, lentellas…)
Distintos materiais artificiais ( tubos de plástico, alfombra de céspede, esponxas azuis da construción….)

Descrición:
Colocamos nas cubetas os distintos materiais que queremos que experimenten con eles través do tacto dos pés.
As cubetas colocarémolas no chan, unha detrás da outra sen deixar espazo algún entre elas. As nenas e os nenos quitarán os zapatos e os calcetíns, quedando espidos os pés. Despois colocaranse en fila e irán pasando por enriba das cubetas e poderán experimentar través dos sentidos, as emocións que produce camiñar por enriba dos distintos materiais.

Que lle trasladamos as familias que levan por primeira vez ás súas fillas e fillos á escola infantil??

Dende a escola infantil de Vigo Valadares achegannos unha reflexión sobre a acollida dos nenos e nenas á escolas infantís.

Os inicios de curso están cheos de interrogantes por parte duns e doutros:

  • como será esa familia?
  • como responderán as miñas nenas e nenos?
  • estará ben a miña filla na escola?
  • será amable e atenta a súa educadora?

Sempre damos moita información de como deben actuar as familias, que deben facer para colaborar, e entre tantos datos de horarios, material que deben achegar, normas de convivencia,… pódesenos esquecer, o realmente importante. Con isto referímonos a que entendan o proceso polo que pasarán as súas fillas e fillos, que poidan ter ferramentas para xestionar a situación,e que teñan en nós o apoio necesario para vivir o momento con seguridade e confianza.

A seguinte información extraída dun artigo de Romina Pérez Toldi da súa web: Teta-à-Porter recolle ideas chave destinadas ás familias, agardamos que vos sexan de axuda nas vosas reflexións previas ao inicio de curso:

Acompañar a adaptación escolar (familiarización, vinculación, entrada, transición) non é sinxelo, é un proceso que require dunha presencia consciente, comprensión, sostén e, se é posible, gradualidade.

Algunhas cuestións que consideramos importantes que coñezades para que vos sintades seguras e comprendades as necesidades das vosas fillas e fillos son as seguintes:

  • Anticipar todos os días que sucederá ao día seguinte na escola e que sexa verdade, é importante ser honestos, non mentir nin enganar nin chantaxear (p.e.: se non choras dareiche gusanitos cando veña por ti).

  • Falar en positivo da escola, sen esaxerar, con realismo. Por exemplo: na escola vante coidar, vas poder xogar e explorar, poderás coñecer outros nenos e nenas cos que xogar,…

  • Despedirse ao marchar e saudar ao volver, o contrario xera moita angustia e sensación de inseguridade. Se vos despides deles poden facer o duelo con máis facilidade. Non mentir, non enganar, non despistar (p.e: veño agora e que non sexa certo).

  • Darlles unha referencia comprensible de cando ides volver (antes de comer, despois de merendar…).

  • Non deixalos a comer os primeiros días (e semanas se se fai necesario), o momento da comida como o da sesta son situacións íntimas que requiren de gran confianza co adulto, volvemos á idea de gradualidade.

  • Acoller as súas emocións e sentimentos así como nomealas.

  • Os adultos que acompañades na aula debedes estar en presenza plena (sen móbiles nin conversando todo o tempo con outras familias).

  • Entender que non é obrigatorio que lles guste vir á escola, teñen dereito a que non lles guste e que prefiran quedarse na casa ou nun ambiente familiar.

  • Comprender que as primeiras semanas a demanda de atención pode ser máis intensa e que como adultos é a vosa responsabilidade atendelos e sostelos (p.e: máis demandantes de colos, máis irritados ou cansos,…).

  • Conversar sobre como se senten e como estiveron, que fixeron, que lles gusta e que nos lles gusta, se senten coidados…

  • Entender que ir á escola sempre supón un esforzo por parte do neno e nena, sempre.

  • Hai nenas e nenos que van chorar durante moito tempo no momento da despedida e iso non implica que se sentan abandonados ou non establecesen un vínculo seguro coa educadora. É importante distinguir entre, polo menos, dúas formas de pranto:

  • o pranto da nena e neno que preferiría irse coa súa nai/pai/adulto de referencia e o expresa chorando pero que atopa consolo nos referentes da escola e é capaz de xestionar a situación de forma positiva grazas a este vínculo seguro.

  • o pranto do infante que chora completamente abatido, sentíndose abandonado e sen posibilidade de refuxio nin consolo (este é o pranto que non debería suceder nunca e esforzámonos para quen non ocorra).

  • O proceso de adaptación require un esforzo por parte de todos os adultos acompañantes. Hai que investir tempo, presenza e paciencia.

  • Por último, comprender que non é un proceso lineal e seguramente van ter momentos nos que parecerá que vai ben e outros nos que estarán máis enfadados ou sen ganas de vir á escola, así que deberiamos poder adaptarnos a estes distintos momentos do proceso e reaxustar a gradualidade entendendo que non é «dar marcha atrás» senón unha forma de apoiar o proceso.

    As nenas e nenos non son observadores pasivos, comprenden e senten moitos máis do que parece. Por iso, debemos entender a entrada á escola infantil como unha etapa necesaria para que poidan vincularse a novos adultos, e o vínculo require tempo.

Fonte: https://tetaaporter.com/2019/09/12/acompanar-el-proceso-de-adaptacion-escolar-desde-la-familia-2/

Barreños de auga

Dende a escola infantil de Forcarei acheganos unha proposta moi fresquiña.

Nome: Barreños de auga.

Idade: Dende que o neno ou nena se mantén sentado ata os 3 anos.

Obxectivos:

  • Explorar e experimentar con auga.
  • Interaccionar cos diversos materiais.
  • Crear novos elementos a partir de material de refugallo.
  • Desenvolver a coordinación óculo-manual así como a pinza dixital.
  • Estimular o sentido do tacto.
  • Fomentar o xogo simbólico.

Materiais:

  • Palanganas de plástico.
  • Barreños de aceiro inoxidable.
  • Auga.
  • Diversos materiais: de corcho, plástico, pedras,…

 

Desenvolvemento:

  1. Ofrecémoslle ao neno ou nena un barreño ou palangana con auga, para que poida comprobar se se salpica, se pode sumerxir a man, se pode mover a auga. Tamén lle podemos propoñer diversos materiais para que experimente con eles.

Segundo sexa o seu interese podémoslle ir ofrecendo elementos que teñan diferentes características como: coladores, vasos para que faga trasvase, algunha pala de cociña,…

 

  1. Facer barquiños a partir de material de refugallo: de papel para que floten, unha balsa feita con tapóns de corcho,…

 

  1. Pescar obxectos na auga, unha actividade motriz, empregando unhas pinzas, intentar coller tapóns de botellas de plástico para metelos en vasos, empregar trasvase.

  1. Lavado de bonecas, coches, animais,… e podémoslle engadir esponxas e xabón para o xogo simbólico.

Imitando animais

Dende a escola infantil de Vilagarcía-Vilaxoán achegannos unha proposta moi sinxela para facer cos máis pequenos e pequenas.

Nome: Imitando animais

Idade: De 1 a 3 anos.

Obxectivos:

  • Desenvolver a psicomotricidade grosa.
  • Estimular a imaxinación.
  • Coñecer os animais e as súas características.

Descrición:

Nesta actividade converterémonos en animais e imitaremos os seus sons e a súa forma de desprazarse. Propoñémosvos algunhas ideas:

  • Saltar como unha rá.
  • Andar como un pingüín.
  • Camiñar como un pato.
  • Desprazarse como un cangrexo.
  • Arrastrarse como un verme.
  • Trotar como un cabalo.
  • Brincar como un coello.
  • Voar como un paxaro.

Cambio de cueiro de pé

Dende a escola infantil de Vigo Valadares achegannos unha proposta de facer o cambio de cueiro de pé.

Agora que estamos a modificar moitos hábitos en prol dunha maior asepsia, máis aló da hixiene, que xa tiña un papel destacado dentro das medidas estandarizadas nas rutinas da escola, queremos compartir unha proposta que ben pode ser implementada tanto no ámbito escolar coma familiar. Esta práctica implica moitos beneficios tanto a nivel do desenvolvemento das crianzas como en relación á hixiene e o respecto e coidado do planeta e medio ambiente. Falamos do cambio de cueiro de pé.

Levamos varios cursos intentando establecer esta dinámica no momento da hixiene coas nenas e nenos que teñen estabilidade na postura e interese manifesto pola experiencia. Entre moitas razóns que se poden expoñer, unha fundamental para os profesionais do sector, a propia saúde. Moitas lecturas expoñen as lesións as que a reiterada carga de pesos e a incorrecta posición durante o proceso poden provocar e, o certo é que, a pesares de ter escaleiras para os nenos e nenas nos baños do noso centro, o común é que descoidemos os nosos corpos por variados motivos (presa, incomodidade dos espazos para abrir as escaleiras, etc.)

Son moitas as vantaxes pedagóxicas que vemos neste método pero, a maiores, neste tempo de coronavirus sinalamos que a súa práctica evitará o uso indiscriminado de papel nos cambiadores que acabaran enchendo as papeleiras das escolas, aspecto que non nos parece insignificante. Nunha sociedade que fomenta produtos de usar e tirar, a repercusión sobre a saúde do noso planeta é unha cuestión moi sensible e dende logo moi preocupante se temos en miras o futuro que deixamos as cativas e cativos.

Para o desenvolvemento da proposta precisamos ter en conta a perspectiva infantil é adaptar os espazos para mellorar a súa autoxestión:

  • Habilitar espazo para gardar as pertenzas da crianza de xeito que as poida xestionar (cueiro, toalliñas, cambio de roupa, etc.)

  • Un asento baixo para o adulto que debe quedar situado a unha altura que le permita mirar a crianza á cara.

Listo! Agora cando precise un cambio nos situaremos no asento e permitiremos que a nena e o neno vaian participando da rutina, que pouco a pouco coñeceran por completo interiorizando os pasos co que non precisarán a guía do adulto.

Imos degrañar todas as vantaxes que observamos na práctica reiterada desta rutina, coa idea de que vos animedes e a poñades en práctica, estamos seguras que adaptándoa as vosas necesidades atoparedes a fórmula para facer vosa esta dinámica para o momento da hixiene:

  • A principal vantaxe que observamos nesta práctica e que establecemos unha comunicación máis respectuosa coa nena e o neno que deixan de estar “sometidos” ás “manipulacións” do adultos (ao non poden ver o que están a facer co seu corpo), e pasa a formar parte activa do proceso.

  • Coñecen o seu corpo, integrando as partes na elaboración do esquema corporal.

  • Toman conciencia dos procesos de evacuación, de hixiene asociados a rutina do cambio de cueiro.

  • Afianzan as súas capacidades motrices.

  • Fomenta a comunicación co adulto que se sitúa á mesma altura da nena ou neno.

  • Aportamos posibilidades de acción e participación activa durante todo o proceso: identifican o cueiro, achegan as toalliñas, etc.

  • Fomentamos a autonomía e o sentimento de logro persoal: subir e baixar a roupa, tentar desabrochar o bodi, etc.

  • Fanse conscientes dos procesos corporais e “os fan seus”, caca e pis forman parte dunha “produción persoal”.

  • Pode quitar o cueiro só e empregar a toalliña, desbotando os retos axeitadamente.

  • Pode axudar a poñer o cueiro limpo.

  • Favorece a comunicación entre iguais, teñen moita curiosidade polas “producións” doutras cativas e cativos

  • Facilita a colaboración con compañeiras e compañeiros, achegan cueiros, axudan a desbotar os mollados, etc.

Reflexionemos e poñamos a nosa mirada nas oportunidades que nos ofrece a nova situación, onde realmente é importante: os coidados básicos na escola infantil son a chave do entorno de calidade para que nenas e nenos se sintan ben, e con iso se abran ao mundo, animámosvos a que o momento de hixiene adquira un papel fundamental na vida cotiá das nenas e nenos na escola, non haberá nada máis importante que facer que acompañar nun proceso de coidado onde a vivencia corporal vai ligada á formación do autoconcepto.

 

Bibliografía:

Mª Rosa Ferri. La importancia del cambio de pañales. Aula Infantil, nº 53

Dentes de león

Dende a escola infantil de Boiro Saltiño achegannos unha proposta con dentes de león.

Nome: Dentes de león

Idades: a partir do ano ou cando as pequenas e pequenos comezan a camiñar.

Obxetivos:

  • Descubrir algúns elementos do contorno: dentes de león
  • Desfrutar dos elementos que nos ofrece a natureza: plantas ,herbas…
  • Descubrir as distintas texturas de algúns obxectos: áspero, rugoso, suave,…
  • Mellorar a motricidade fina.
  • Fomentar a curiosidade polo descoñecido.
  • Estimular os sentidos de tacto, vista e olfacto
  • Fomentar a creatividade.
  • Espetar o contorno natural.

Contidos:

  • Os distintos elementos da natureza: pétalos, sementes, flores…
  • A curiosidade polos elementos naturais típicos do contorno próximo
  • A estimulación dos sentidos: tacto , vista e olfacto
  • As distintas texturas dos elementos naturais.
  • Gusto e desfrute da natureza e dos elementos que nos proporciona.
  • A creatividade como motivación dos cativos.
  • O coidado da natureza

Materiais:

  • Elementos da natureza: flores, herbas, campos, dentes de león…
  • Rolos de papel hixiénico
  • Pintura de dedos
  • Papeis.

Descrición da actividade:

Desta vez, dende a escola queremos mostrarvos un novo conto “Dentes de león” da editorial Tramontana.

A nosa proposta vai encamiñada a desfrutar da nosa natureza, como se ve no conto, os dentes de león podemos atopalos en moitos lugares, moitos de eles seguro que non no los esperábamos, asi que, convidámosvos a aproveitar este tempo de verán e saír na busca de dentes de león; atopáchedes algún preto da casa?… Seguro que si.

A continuación deixar voar a creatividade… propoñemos que recortedes unha parte dos tubos de papel hixiénico e coa pintura de dedos facede estampación sobre o papel.

Desfrutade familias!!!

  

 

Animaste a vestirme?

A escola infantil de Carnota fai a proposta dun xogo ben sinxelo ao igual que creativo.

Nome da actividade: Animaste a vestirme?

Idade: 2- 3 anos

Obxectivos:

  • Fomentar a recoñecer as partes do corpo.
  • Diferenciar as distintas pezas de roupa.
  • Manter o interese da nena e o neno.
  • Favorecer a creatividade.
  • Desenvolver a psicomotricidade grosa na colocación das prendas.

Materiais:

  • Xiz de cores
  • Rotuladores de cores
  • Distintas pezas de roupa e calzado

Realización:

Aproveitando o bo tempo chegan con el máis propostas divertidas e creativas. Para esta ocasión achegamos unha moi divertida na que non faltarán os momentos de risa e diversión.

Para levala a cabo sé precisaremos ter unhas cantas xices á man e unha zona exterior na que podamos debuxar os nosos modelos. Neste caso, tamén poderemos aproveitar a nosa propia silueta deitándonos no chan e que outra persoa así como a nena ou nenos marque o noso contorno para de seguido poder vestilo.

 

 

 

 

 

 

 

O último paso é decoralo coa roupa e xogar a combinar coas diferentes pezas creando o noso look particular!

A xogar e crear!

Atopa o meu lugar

Dende a escola infantil de Cangas Choupana achegan unha proposta de xogo.

Nome: “Atopa o meu lugar”

Idade: 2 – 3 anos

Obxectivos:

  • Desenvolver habilidades motoras
  • Traballar a memoria visual
  • Favorecer a atención
  • Potenciar a coordinación óculo – manual
  • Recoñecer formas – obxetos

Material:

  • Papel continuo, folios ou cartóns.
  • Diferentes obxectos do cotiá: peites, moldes de cociña, tesoiras, celo, tarteiras, termómetro, garfo, coitelo, mando da TV…
  • Cesta ou similar para presentar os obxetos.

Descrición:

Nun folio ou papel marcamos as siluetas dos obxetos que imos presentar, e a continuación os poñemos nunha cesta ou similiar.

Para finalizar, crearemos un espacio o mais tranquilo e relaxado posible, onde colocaremos o material e dar paso o disfrute da proposta de xogo.

Outra alternativa ao rematar a primeira proposta sería gardar os obxetos no lugar onde se atopan habitualmente na casa, e pasado un tempo, pedirlle ao neno ou nena que os vaia buscar, por exemplo o peite no baño.

 

 

 

 

É importante ter en conta que o xogo motiva, e funciona como canle das aprendizaxes dos mais pequenos e pequenas.