Galletas monstro de cores

A escola infantil de Boiro Praia Xardín achéganos unha proposta de receita de galletas.

Nome: Galletas do “ monstro de cores”

Idade: 2 a 3 anos

Obxectivos:

  • Iniciar e fomentar o gusto pola creación culinaria.
  • Establecer vínculos entre a vida cotiá e a cultura.
  • Consolidar a noción das cores.

Materiais:

  • O conto do” Monstro de cores” ou vídeo do mesmo.
  • Ferramentas para cociñar (peso, cunco, peneira, batedor manual ou eléctrico, moldes con formas, mandil,…).
  • Receita de galletas (pode ser calquera, nós empregamos unha que leva: 100gr de manteiga, 80gr de azucre, 120gr de fariña, 2 xemas de ovo, un chisco de sal, unha cullerada pequena  de esencia de vainilla, colorante alimenticio vermello, azul, amarelo e pebidas de chocolate).
  • Papel de forno e film.
  • Forno.

Descrición:

Primeiramente contamos o conto  para familiarizarnos coas personaxes.

Tamén podemos cantar a canción do Monstro de Cores, á vez que cociñamos ou poñela como música de acompañamento.

 

 

 

 

Prepararemos e dispoñeremos conxuntamente, os materiais que imos empregar para a elaboración das galletas.

 

 

 

 

Cando teñamos todos os ingredientes pesados iniciaremos a seguinte fase.

Quentaremos un pouco a manteiga, pero sen que se derreta, debe quedar unha consistencia cremosa, logo engadiremos o azucre bateremos cun batedor manual ou eléctrico ata que quede ben mesturada; botaremos as dúas xemas, un chisco de sal, a vainilla e revolveremos ata que quede homoxéneo e para rematar, peneiraremos a fariña e mesturaremos, ata acadar unha masa uniforme pero flexible, se non acadamos a textura desexada, podemos engadir algo de fariña aos poucos, ata que teña certa consistencia e sexa “moldeable”, non debe quedar dura. Finalmente partiremos a masa en tantos anacos, coma cores queiramos empregar.

 

 

 

 

Iremos engadindo colorante en cada anaco e amasaremos, até acadar a coloración desexada (ollo coas mans, quedarán tinguidas) e logo meteremos cada anaco de masa nunha bolsa individual ou envolvemos cada cor con un anaco de plástico transparente, deixamos repousar na neveira de 20 a 30minutos.

Retiraremos a masa da neveira e estirarémola, darémoslle as formas que se nos ocorran, tamén podemos empregar moldes con formas definidas e para rematar podemos decorar con lambonadas, froitas ou co que nos apeteza.

Presentámosvos unha das múltiples opcións que se poden crear.

Primeiro quentaremos o forno e logo cociñaremos a 180 ºC entre 15-20 minutos aproximadamente.

Que vos aproveite!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *