Emocións 0-3, recursos de contos para familias e profesionais

Dende a Escola Infantil de Vilagarcía-Vilaxoán fannos unha interesante achega sobre recursos bibliográficos para traballar as emocións no 0-3

Gustaríame comezar dicindo que moitas veces pensamos en todas as aprendizaxes que se levan a cabo nas distintas etapas educativas e non lle damos a suficiente importancia a un aspecto que é moi, pero que moi importante (atreveríame a dicir que posiblemente o máis) que é a educación emocional. É fundamental que nenos e nenas dende idades moi temperás aprendan a expresar e regular as emocións (tanto as propias como as alleas), xa que isto posibilitará que desenvolvan unha imaxe axustada de sí mesmos, adquiran confianza, seguridade e por conseguinte que sexan nenos e nenas felices.

Para isto é importante que tanto na escola coma na casa, o traballo sexa coordinado, xa que ambos axentes educativos temos un obxectivo común: educar nenos e nenas que consigan as súas metas no futuro e que durante todo este longo proceso vivan cada instante da maneira máis positiva posible. É por iso que “debemos coñecer moi ben o xeito de facer de esta viaxe a mellor das viaxes.”

Nesta andaina que todos comezamos cando nacemos atopamos emocións moi positivas pero tamén outras non tan agradables, polo que os cativos e cativas atoparanse cun mundo, o mundo real que ten límites, normas, obrigas e frustracións. E aquí será onde en lugar de evitarlles as situacións que provoquen emocións negativas, o que deberemos facer será proporcionarlles as ferramentas e os recursos emocionais precisos para que cando as experimenten saiban manexalas e vivilas como unha emoción máis. Algo que é fundamental para saber ser feliz.

Como traballar as emocións é unha cuestión moito máis sinxela do que pode parecer, a continuación presentaremos algunhas estratexias e recursos que seguro serán unha gran axuda. Imos aló!

Comezaremos por traballar o vocabulario emocional: saber identificar as emocións e poñerlle un nome é algo tan básico que pode escaparse ao noso entendemento. Un cativo ou cativa que ten un bo vocabulario emocional terá mellores competencias sociais e emocionais, xa que o feito de recoñecer e nomear as emocións fai que nas súas relacións sociais a forma de actuar sexa a mesma que coas emocións alleas.

Un recurso de gran axuda no que estamos a tratar son os contos, e sobre este recurso é no que imos facer fincapé, xa que temos numerosos títulos que nos poden axudar, algúns deles poden ser:

“Las emociones de Nacho”, autora e ilustradora: Lisbet Slegers. Ed: Edelvives

As emocións forman parte do día a día de Nacho. Cando está anoxado, triste ou asustado precisa que o axuden e o consolen. E cando está contento como hoxe, gostaríalle dicirllo a todo o mundo !!!

É un libro sobre as emocións con rimas, solapas e xogos de descubrimento para divertirse cos máis pequenos e pequenas.

   ” Adiviña canto te quero”, autor: Sam McBratney. Ed:Kókinos

Ás veces cando queremos a alguén moito, moito, intentamos atopar o modo de escribir o tamaño dos nosos sentimentos. Pero como nos amosa esta marabillosa historia, o amor non é algo fácil de medir.

 

¡No!, autora: Traecy Corderoy. Ed: Cubilete

Esta é a historia dun pequeno rinoceronte que descobre unha palabra nova e a converte na súa resposta favorita para todo. “Todo o mundo dicía que Rino era encantador, ata que un bo día, aprendeu a dicir “NON”. Un divertido conto coa mellor receita para superar as rabechas.

¡Vaya rabieta!, autora: Mireille d’Allance. Ed: Corimbo.

Roberto non tivo un bo día e está de mal humor. O seu pai castigouno no seu cuarto. Entón Roberto sinte unha cousa terrible que lle sae de dentro e que empeza a rompelo todo. Se non o paran a tempo…!

¡Hasta la tarde!, autora: Jenne Ashbé. Ed: CorimboOs país e as nais levan aos seus pequenos e pequenas á escola infantil. Alí farán moitas cousas: comer, xogar, pintar, durmir… e despois de todo iso volverán buscalos e de novo as apertas, os bicos…un libro de grande formato sen textos (só imaxes), que axudará a entender as rutinas da escola e sobre todo remarca a idea de que os pais volverán a buscalos.

 “Siempre pienso en ti”, autora: Kathy Appelt e Jane Dyer. Ed: Juventud

O que menos me gusta do día é ter que despedirte e despois separarme de ti. Pero o meu amor faiche compaña, envólvete por completo todas as horas do día. O levas no peto, dentro da túa carteira, no teu berce, ou acurrucado xunto a ti mentres botas a sesta. E o que máis me gusta do día é ir buscarte e abrazarte forte e non separarme de ti ata mañá.

“Mamá ya viene”, autora: Zaza Pinsón. Ed: Takatuka

A nai de Lisa é unha auténtica despistada. Continuamente esquécese de algo, xa sexan as gafas, as chaves, a carteira ou o asado no forno. Ás veces Lisa axúdalle a atopar o que perdeu. Iso pode parecer divertido, pero cando chega o día de comezar na escola, a Lisa éntralle o medo de que súa nai esqueza vir a buscala. E esa angustia faise cada día máis grande, ata o punto de que xa non pode desfrutar nin do seu conto favorito.

” Ramón Preocupón”, autor: Anthony Browne. Ed: Fondo de cultura económica

Ramón é un “preocupón” que se angustia por mor dos zapatos, as nubes, a choiva, os paxaros xigantes. Preocúpase tanto que non pode durmir. Por sorte a súa avoa sabe o que él precisa para vencer os seus medos. Unha vez que coñeceu o seu segredo, Ramón dáse conta que non debe preocuparse máis. Medos imaxinarios.

Webgrafía: 

 

 

1 reflexión sobre “Emocións 0-3, recursos de contos para familias e profesionais

Deixa una resposta a valadares Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *