Flores de San xoán

Proposta que nos achega a Escola Infantil de Chantada

Nome: Herbas e flores de San Xoán.

Idade recomendada: Para toda a familia.

Obxectivos:

  • Fomentar o gusto pola natureza e desfrutar dela.

  • Coñecer e ulir algunhas herbas aromáticas e flores.

  • Traballar a psicomotricidade fina (coller flores, quitarlles os pétalos…).

  • Apreciar a beleza das flores.

Materiais:

  • Herbas aromáticas (fiúncho, flor de sabugueiro, herba luisa, romeiro…).

  • Diversas flores: rosas de cores, malva silvestre…

  • Auga de sete fontes (segundo conta a tradición), pero tamén se pode facer coa auga dunha soa fonte.

Descrición:

Cada 23 de xuño teño por costume saír a buscar flores e herbas aromáticas ao atardecer para logo deixalas en auga baixo o rocío da noite de San Xoán. Tradición que aprendín da miña nai e que a súa vez coñecía dos seus antepasados.

Eu saín hoxe polos camiños da miña aldea e atopei unha serie delas (fiúncho, romeiro, herba luisa, flor de sabugueiro, rosas de cores e malva silvestre), aínda que se poden botar moitas mais (flor de san Xoán, loureirol..).

Logo collín auga dunha soa fonte que tamén hai no pobo.

Agora nun balde mesturamos todo, os nenos/as poden axudar quitándolle os pétalos as flores, e o resto de herbas botámolas así.

A noite de san Xoán deixamos toda a mestura ao rocío Toda a noite. Á maña seguinte lavamos a cariña toda a familia, veredes como vos queda suave e lisa, ah! e esa auguiña ule moi ben!!!.

Outra cousa, non sequedes a cara, deixádea ao aire que seque soa. Se deixamos quedar a mestura uns días ao sol, podemos aproveitar a auga como ambientador natural do ben que ule.

NOTA: Nenos/as espero que vaiades cos vosos papás e mamás a recoller as herbas e as flores e veredes que ben o pasades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *