Ovellas, coellos e sapoS

Proposta da Escola Infantil de O Carballiño

NOME: Ovellas, coellos e sapos

IDADE: 18 meses a 3 anos

MATERIAIS:

  • Cinta adhesiva, manta e música

OBXECTIVOS:

  • Mellorar a capacidade de atención activa e concentración
  • Traballar a motricidade grosa
  • Desenvolver a coordinación viso- espacial
  • Traballar cos conceptos espaciais de dentro e fora
  • Traballar conceptos temporais: día e noite
  • Favorecer o xogo simbólico
  • Fomentar a imaxinación e a creatividade
  • Favorecer a ledicia en familia e as rutinas de exercicio saudable.

DESCRICIÓN:

A atención activa é una habilidade que se traballa en múltiples xogos para a infancia, un deles moi popular, o xogo das cadeiras musicais. Todos de nenos e nenas xogamos algunha vez a este xogo no que estabamos atentos para cando parara a música, sentarnos rapidamente para non quedar sen cadeira. A velocidade de resposta é unha das habilidades que se traballan dentro da atención activa e tamén a concentración para tender a orde de acción – reacción.

O xogo que imos facer é una variedade pero que aporta os conceptos espaciais de dentro –fora e viceversa.

  • Ovellas:

Facemos coa cinta adhesiva un recadro no chan que ata podemos decorar. Este recadro vai ser a casiña das ovellas, a granxa. Desta forma tamén aproveitamos para traballar conceptos relacionados cos animais.

Dicímoslle que eles/elas son ovelliñas, que están na súa casiña. Cando soe a música, todas as ovelliñas saen a pasear e comer herba fora da súa casiña. Mentres soa a música, todas están fora, pero cando se para de novo, teñen que volver correndo de novo a casiña. Repetimos tantas veces como queiramos.

  • Coellos :

É como o outro xogo, só que cambiando os elementos e o animal. Agora somos coellos. Imos poñer no chan unha manta dobrada (para que non ocupe demasiado espazo) que será os seus tocos. Dicímoslle que son coellos, que están xogando libremente polo campo, correndo, dando brincos, comendo… (eles/elas imitarán estes actos). De pronto, chega o lobo (auuuuuuuu), e os coelliños teñen que fuxir á presa e meterse dentro dos tocos (debaixo da manta). Os pais e nais poden facer o son do lobo ou buscalo en internet se queremos aportar máis realidade.

  • Sapos :

Colocamos a manta no medio do salón, que será o nenúfar onde descansa o sapo. Están descansando porque é pola noite, pero polo día saen do seu nenúfar e póñense a nadar pola auga e comer algunha mosca. Cando volve ser de noite, volven ao seu nenúfar.

Para facer as variacións do día e da noite, imos ensinar dous carteis (un do sol e outro da lúa) que previamente poden decorar os nenos e as nenas coas pinturas ou recortes que queiran.

Teñen que manter a atención visual para ver cando cambiamos de cartel e saber o que poden facer. Con esta variedade ademais está traballando o xogo simbólico das súas rutinas diarias.



 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *