O xogo no exterior

Reflexión sobre o xogo exterior que nos achega a Escola Infantil de Narón

O xogo no exterior. Xogando e aprendendo con elementos naturais

“Ciertamente, la naturaleza nos dá, a través de determinados ejemplos, maravillosos conocimientos, si la intención nos guía para consultarla de la justa manera.”

Rudolf Steiner 1861-1925 (Pedagoxía Waldorf)

Dende idades temperás faise necesario xerar experiencias e vivencias vinculadas coa natureza. Un contacto estreito e continuado con ela favorece e reforza os seus procesos cognitivos e de aprendizaxe, así como un desenvolvemento mais saudable a nivel físico, emocional, mental e social.

Manipular é a primeira acción importante para aprender e poder chegar a descubrir as cualidades das cousas. Nos primeiros anos de vida das cativas e dos cativos a manipulación dos obxectos non pode concibirse sen ir unida á experimentación. A manipulación conleva o uso da linguaxe. Este uso da linguaxe promove pola súa parte a expresión do sentimento. Todo isto é posible gracias á actividade intelectual, é dicir, a nena e o neno precisa saber que é o que manipula e porqué, e só así logrará unha aprendizaxe óptima e positiva.

A natureza pola súa parte ofrécelles e achega unha infinidade de recursos manipulativos e sensoriais, que levan implícitas a aprendizaxe e o descubrimento do entorno no que se desenvolven.

Estas posibilidades no exterior son únicas, dificilmente as atoparemos noutros lugares. As cores neutras e cambiantes no tempo, indicadoras de diferentes épocas do ano, son fontes de aprendizaxes e reveladoras de momentos distintos. Este entorno favorece achegar á nena e ao neno un mundo de sensacións que chegaran polos distintos sentidos; as cores que vemos, as distintas sensacións que aportan as diferentes follas, polo envés e pola cara, os sons suaves do vento, auga rítmica e tranquilizadora, unha fervenza que flúe con forza chega a ser relaxante , paxaros que cantan con diferentes sons ,… a da terra mesturada coa auga, sendo unha pasta de modelar libre de sustancias nocivas, facilmente manipulable… As experiencias sensoriais as atopamos aquí de xeito inmellorable, variado e rico proporcionando as nenas e aos nenos una multiplicidade de experiencias e vivencias para coñecer e explorar os seus distintos elementos naturais ao igual que á súa relación e propiedades.

De igual xeito, non podemos esquecer as oportunidades que brinda o xogo no exterior no seu desenvolmento motriz: subir, baixar, tentar chegar, gabear…As características que nos aporta o medio natural debemos darlle a calidade de imprescindibles, dándolle as nenas e os nenos a oportunidade de respectar as súas experiencias espontáneas con todo o que o mundo natural ten para ofrecerlle.

 

..E POR SUPOSTO MEDRAR DESFRUTANDO

1 reflexión sobre “O xogo no exterior

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *