O descanso na escola Infantil

O momento do descanso na escola infantil, proposta da Escola Infantil de Boiro Praia Xardín.

 

O descanso e especialmente o sono, resultan esenciais para levar a cabo a función reguladora e reparadora do organismo.

O descanso é o tempo necesario para restaurar o equilibrio, repoñendo os nutrientes gastados, permitindo a distensión muscular e psíquica.

O sono é un estado no que o organismo inhibe todas as funcións e produce a relaxación muscular, polo que reabastece e restaura os procesos corporais, permitindo ao cerebro asimilar o aprendido no período de vixilia.

A ausencia de descanso, ou un período de sono insuficiente, pode provocar fatiga, que consiste nun desequilibrio entre os niveis de actividade e descanso.

En cativas e cativos de 1 a 3 anos o recomendable é que durman entre 10 ou 13 horas ao día. Cando a calidade e cantidade do sono non sexan as axeitadas, ao espertar, é probable que o neno ou nena, presente irritabilidade e mal humor, ao tempo que repercutirá na súa capacidade de atención, enerxía e estado de ánimo. Se as horas de descanso nocturnas son insuficientes pódense presentar niveis altos de impulsividade e hiperactividade, déficit na capacidade de concentración e memoria, e dificultades no desenvolvemento da linguaxe. Isto pode, repercutir seriamente, nos procesos de aprendizaxe e nas relacións sociais. Polo que, un desequilibrio entre o nivel de actividade e descanso, é probable que chegue a dificultar, en grande medida, o desenvolvemento xeral das nenas e nenos.

Existe certo consenso en que, se pode aprender a durmir e que tamén inflúen unha serie de elementos como, seguir unha rutina, manter un horario regular e ter en conta unha serie de condicións como a temperatura, a iluminación, aspectos acústicos, a vestimenta,….

Polo anteriormente exposto, dende a Escola Infantil debemos de outorgar ao descanso, en xeral e ao sono en particular, a importancia que teñen na vida das nenas e nenos cos que estamos diariamente. Polo tanto, compre planificar e organizar o descanso de xeito que, este sexa óptimo e facilite os procesos de desenvolvemento integral das persoas coas que traballamos.

Para levar a cabo unha axeitada planificación do período de descanso, debemos atender a unha serie de variables, a primeira de todas é; acadar a información que nos permitirá coñecer aspectos importantes sobre o descanso e sono, tanto nocturno coma diúrno; de cada nena e neno, para posteriormente organizar espazos e tempos, co obxecto de cubrir ás súas necesidades reais.

1.Na entrevista inicial coas familias, debemos deseñar preguntas relacionadas coas horas que as súas fillas e fillos dormen, tanto durante a noite coma polo día, se os horarios son regulares, se seguen algunha rutina e cales son as condicións ambientais (onde dormen, iluminación, acústicas, posturais,…). Tamén é importante, apuntar a cada familia a importancia de que nos trasladen información de xeito ordinario, sobre calquera modificación que observen en relación ao sono e o descanso, é dicir, se non durmiu as horas habituais, se espertou repetidas veces, durante período de sono,…. Estes datos teñen moita relevancia, no día a día da Escola, ás veces temos que interpretar certos sinais que observamos, co risco de enganarnos, pero se as familias nos ofrecen esta información, poderemos axustar a nosa intervención de xeito coherente e cubrir as necesidades reais de cada nena e neno. De aquí a importancia, como ferramenta de comunicación, da axenda escolar e/ou os intercambios de información nas entradas e saídas. Pois o proceso de desenvolvemento das pequenas e pequenos é un feito compartido.

Ao mesmo tempo, sería moi conveniente, unha coordinación entre familias e escola, dos cambios que se leven a cabo noutros eidos e afecten ao momento do descanso e sono: Retirada de cueiros, usos ou retirada do chupete, cambio dos obxectos de apego. De forma que acontezan da forma máis consensuada posible, co obxecto de facilitar a adaptación á nova situación.

2. Deseñar espazos e ambientes que permitan que as nena e nenos, poidan descansar e durmir na Escola cando o precisen.

Dende a nosa Escola, que conta con 7 unidades, o volume de cativos e cativas é grande, e cuns espazos non moi amplos. Contemplaremos varias alternativas, unhas para momentos de descanso puntuais, individuais ou en pequeno grupo e outra para o descanso grupal.

Recuncho para o descanso a demanda (imprescindible no nivel de 1 a 2 anos). Esta será unha zona que permitirá descansar a aquelas crianzas que así o precisen, en calquera momento da xornada, localizarase nunha zona tranquila e pódese dotar daqueles elementos materiais que consideremos idóneos para cubrir a súa función, por exemplo, colchóns, coxíns, algún elemento separador; como un dosel, e todos aqueles que, cada grupo de traballo considere atendendo sempre á lexislación vixente.

Recuncho da Sesta (nivel 1 a 2 e 2 a 3 anos) É absolutamente necesario o acondicionamento dun espazo para a sesta, xa que nestes grupos de idade teñen a necesidade de durmir durante o día, na Escola. Atenderemos á información recollida na entrevista inicial e ao horario de permanencia que cada neno e nena teña. Deseñaremos un espazo para descansar e durmir en grupo, despois do xantar, previa hixiene persoal (lavado de dentes, mans, cara e xenitais). Para este momento precisamos levar a cabo un reacondicionamento de espazos, xa que os grupos, polo xeral, son grandes (sobre 12 nenas e nenos), en cada grupo.

O noso traballo consistirá en crear un ambiente propicio para esta función, nun clima cálido e tranquilo, que invite ao descanso. Dotarémolo daqueles elementos materiais que consideremos necesarios: camas ou colchóns, coxíns, almofadas, roupa de cama, sabas, mantas (segundo a climatoloxía e temperatura ambiente), elementos individuais coma chupetes, elementos de apego, etc. Tamén contaremos cun recipiente contedor, para obxectos persoais de uso diario, que deberá estar identificado e pódeo confeccionar, cada neno e nena, coa súa familia e traer logo á Escola ou elaboralo nas primeiras xornadas de curso, en colaboración coas familias; pode ser un traballo compartido neses primeiros momentos, que tan importante é establecer vínculos con elas e coas súas fillas e fillos. Neste contedor, as nenas e nenos terán os seus obxectos persoais coma: roupa, cueiros, chupete,…, e calquera outro elemento que se considere necesario.

A sesta supón un momento privilexiado para fomentar a autonomía persoal nas rutinas de vestirse e espirse, adaptando as axudas e apoios do persoal educativo ás necesidades persoais de cada cativa ou cativo.

As camas ou colchóns, poden estar identificadas cunha imaxe das nenas e nenos, para que poidan recoñecelas con facilidade e estarán sempre dispostas na mesma localización.

As condicións ambientais de temperatura, iluminación, ruídos e vestimenta, deberemos coidalas con esmero, dotando a este momento da calma precisa para facilitar o descanso tan necesario.

Propoñemos que a iluminación sexa tenue, a temperatura entre 20 e 24 graos, escaseza de ruídos e vestimenta cómoda -cando sexa preciso sacaranse aquelas prendas que poidan interferir negativamente no descanso, por exemplo pantalóns, xerseis, chaquetas,…-. Podemos acompañar con música relaxante e cun volume axeitado para o momento.

Recuncho da calma. Este recuncho está pensado para aquelas nenas e nenos que, polo seu horario de permanencia no centro, non se contempla que durman a sesta na Escola, pero precisan un momento de calma e tranquilidade previo á marcha aos seus fogares, que pode ser paralelo ao inicio da sesta escolar, ou ben para nenas e nenos que dormen unha sesta moi curta ou xa non a dormen (pode darse algún caso puntual, sobre todo a partir dos 3 anos), pero precisan un espazo propicio para levar a cabo actividades relaxantes ou descansar, se o necesitan.

Este espazo debe manter condicións que inviten á calma e ao descanso, en canto a iluminación, temperatura, nivel de ruído, (con ambientación musical se se quere, pero de carácter relaxante),…. O obxectivo é crear un ambiente que convide á calma e á tranquilidade, coa dotación dos recursos humanos e materiais precisos para esta fin e cada equipo decidirá cales serán.

Sería oportuno dotar o espazo de material que permitan ás nenas e nenos sentarse, deitarse e estarricar, con materiais coma: colchóns, sofás, coxíns,….

Este espazo debería contar, tamén con elementos de xogo e distensión, que non impliquen moita actividade e que, na medida do posible, inviten á relaxación, tales coma: contos, botellas da calma, práctica de posturas de ioga para a idade infantil e calquera elemento ou actividade que se lle ocorra ao persoal encargado de crear este espazo para xerar un ambiente de calma e tranquilidade, empregando elementos tanto os materiais -xa mencionados- coma os recursos humanos necesarios, contando coa implicación dos ou das profesionais que acompañarán aos nenos e nenas creando e mantendo un clima de tranquilidade e harmonía, coidando todos os detalles dende o ton de voz, até todas as atencións que se dispensarán en cada situación individual.

Será importante atender ás condicións do grupo en xeral, así coma as circunstancias individuais, se a nena ou neno se atopa no momento previo á despedida ou se está no da incorporación ao espazo, que se producirá de maneira progresiva e paulatina, na medida en que as criaturas vaian espertando, procurando manter en todo momento o ambiente de calma desexado.

1 reflexión sobre “O descanso na escola Infantil

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *