O tempo do neno

A escola infantil de Tui acheganos unha reflexión sobre o tempo que precisa o neno e a nena para un bo desenvolvemento.

“A escola ten que permitirlles aos nenos e nenas experimentar, expresarse e desprazarse de maneira autónoma sen coartar as súas ansias de aventura” (Decreto 330/2009, de 4 de xuño no apartado de orientacións metodolóxicas)


Na escola entendemos o respecto do tempo do neno como un proceso imprescindible para as cativas e cativos de cara a acadar a autonomía plena. Os nenos e nenas precisan facer, moverse, actuar e xogar para aprender. Cada pequena actuación, como tirar ao lixo un papel, por moi insignificante que pareza aos ollos do adulto, é, sen embargo, para as crianzas un paso máis para dita autonomía. O respecto dos tempos das pequenas e pequenos é deixar facer por eles mesmos para apoiar e favorecer a súa aprendizaxe. Nestas idades aprenden a partir da súa propia experiencia polo que precisan probar, imitar e equivocarse.

“O adulto debe ser guía e observador consciente” (M. Montessori)


O papel do adulto é fundamental para acadar que o neno e a nena sexan realmente autónomos, formando fortes lazos afectivos con el ou ela, a través dunha relación íntima, profunda e respectuosa) xa que a figura de apego lle proporciona a seguridade indispensable que fai posible a expresión da súa propia autonomía. A actitude do adulto debe invitar, acompañar e observar ao mesmo tempo que xerar estratexias de aquilo que pode e quere facer a neno ou o neno por si mesmo. O adulto debe ofrecer ese tempo e ser flexible con todo o que acontece, en moitos casos non predicible. A súa figura como acompañante acadará que o neno sexa máis consciente de canto está a suceder.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *