Arquivos mensuais: Maio 2020

Conto motor: Unha mañá na granxa Ledicia

A través dos contos motores podemos exercitar as habilidades motoras básicas das crianzas: desprazamentos, saltos, equilibrios, arrancadas, paradas, reptación… Tamén desenvolven a expresión non verbal, ao descubrir o propio corpo como vehículo de comunicación. Aqui vos deixamos unha proposta dun xogo motor da escola infantil de Vigo Rúa Palencia.

Obxectivos:

  • Desenvolver a capacidade creativa e expresiva das crianzas, facéndoas interpretar corporalmente o que están a escoitar.
  • Iniciarse no recoñecemento das cores.
  • Favorecer as áreas cognitiva, motora, social e afectiva.
  • Explorar habilidades motrices básicas: desprazamentos, saltos e o lanzamento.

Materiais: culler vermella, vaso azul, coxíns e trapos de cociña. As cores dos utensilios de cociña modificádelas vos polos que teñades na casa. Ata poden ser imaxinarios, pero se as crianzas ten o obxecto fisicamente van adquirindo vocabulario, asociando e asimilando cores.

Unha mañá na granxa Ledicia.

Esta mañá Ana, espertou co canto do galo Perico: ¡Quiquiriquí, Quiquiriquí¡ Ana senta na cama e bocexa coa boca moi grande (bocexamos), estírase (estirámonos) e da un salto da cama para o chan (imitámola dando un salto).

Vai a cociña onde está o seu pai preparando o almorzo e dálle un bico (damos un bico).

Bos días papi.

– Bos días Ana. Tes fame?

– Si, moita.

– Pois vai tomando os cereais que xa acabo eu de preparar o zume.

Ana senta e comeza a comer os cereais coa súa culler favorita de cor vermella. Ñam, ñam, ñam… (collemos a culler e facemos que comemos). Para rematar o almorzo bebe o zume de laranxa nun vaso azul (bebemos).

– Papi podo acompañarte a darlle o almorzo aos animais?

– Claro, pero para iso terás que vestirte e por as botas.

– Ben (pómonos contentos).

Ana vai correndo ao seu cuarto e saca o pixama (facemos que nos quitamos a roupa). Pon a súa camiseta verde, os pantalóns e as botas (facemos que nos vestimos). Despois peitease, lava e os dentes: Ris, ras, ris, ras, ris, ras… (cepillámonos).

– Papá: xa estou lista!

– Pois vamos! Comezaremos polos cabalos. Mira que contentos están aí trotando. (Trotamos como si foramos cabalos ata chegar a un montón de coxíns, previamente preparado nun lado do salón).

– Ana, agarda un pouquiño vou a botarlle a herba ós cabalos.

– Eu quero axudarche papá…

– Pois claro, vai collendo ti tamén e así acabamos antes (collemos os coxíns e vámolos tirando para enriba do sofá coma se fora a herba para os cabalos).

Ao rematar seguiron camiñando ata escoitar: “oing, oing…, oing, oing…”. Estaban no cercado dos porcos, pero… buf, que mal cheira… O papá bótalle a comida aos porquiños e continúan camiñando (ímonos desprazando cara outra habitación da casa) e dando pequenos saltos mentres cantan: Tachín, tachán, tachín, tachán, tachín, tachán… ata ver no chan unha morea de verzas (teremos preparado un montón de trapos de cociña nunha habitación. Desde a porta dicímoslle: mira alí, temos que coller unhas verzas para darlle aos coellos. E vamos tirando os trapos para enriba da cama a modo de verzas).

– Mira que contentos están os coelliños que ven dando saltos! Agora so nos faltan as galiñas.

– E se imos ata elas saltando coma os coelliños, papá?

– Vamos. Boing, boing, boing… (volvemos a saltos para o salón)

E salta que te salta chegaron ao galiñeiro. Botáronlle o gran ás pitas mentres as chamaban: pitas, pitas, pitas… (facemos que lle botamos gran). Logo foron ver se había ovos, pero inda era moi cedo, e ademais, as galiñas sen almorzar non dan ovos.

– Pois xa rematamos de dar de comer aos animais Ana. Que che parece se imos a horta a por unha leituga e tomates, para preparar despois o noso xantar.

– Si, vamos papá.

De camiño a horta viron un enorme caracol que se arrastraba pola herba.

– Papi, e se nos movemos nós coma o caracol?

– Corpo a terra! – Dixo o pai. E comezaron arrastrarse coma se foran dous caracois (arrastrámonos ata o outro lado do salón e quedamos sentados).

Mentres Ana e mailo seu pai foron pola leituga e os tomates o caracol xa desaparecera.

– Papá, onde está o caracol?, xa non o vexo.

– Agochouse Ana, aos caracois gústalles máis andar de noite, pola fresca. Pero déitate aquí na herba e mira, mira para arriba, alí naquela nube, ves, parécese a un caracol. E se respiramos coma os caracois?. Así despacio, despacio, despacio (poñemos as mans sobre a barriga e respiramos coma quen ule unha flor e logo sopramos cama se sopráramos a vela da tarta de aniversario).

Estiveron así tranquilos un anaquiño ata que chegou Sultana, toda feliz, a facerlle cóxegas aos dous (facémoslle cóxegas e despois continuamos sentados). Sultana era a súa cadela.

– Sultana, onde te metes?, non te vin en toda a mañá.

– Foi comigo ao veterinario – Contestou a mamá de Ana.

– Ao que?

– Ao veterinario, o doutor dos animais. Para facer unha revisión. Coma cando ti vas ao pediatra. Miráronlle as orellas, os ollos, o nariz e a boca (tocamos as partes segundo as mencionamos). E todo estaba ben. Por iso ven tan contenta.

De repente, escoitase un GGRRR…

– Que foi iso?-Pregunta Ana.

– As miñas tripas, que ten fame.- Di a nai.

– Nós fomos por leituga e tomates. Case mellor nos despedimos das nubes e imos todos a facer o xantar. Chao nubes ata outro día (dicímoslle chao ás nubes).

E colorín colorado, este conto está rematado.

 

No mordas Dudú

Dende a escola infantil de Xinzo de Limia fannos unha proposta dun conto; Non mordas Dudú.

Nome: Non mordas Dudú!

 

 

 

 

 

Idade: 1-3 anos

Obxectivos:

  • Desfrutar coa sensación de escoitar contos e obras literarias.
  • Fomentar o pracer por a lectura
  • Coñecer os diversos persoaxes que participan no conto
  • Coñecer o sentimento de amizade.


Materiais:

  • Conto en formato papel (pero tamén o podemos contar en formato dixital)


Descrición:
Procedemos a lectura do conto; primeiro creamos un ambiente de calma e silencio; podemos ambientar a estancia con unha lámpada que nos aporte luz tenue ou contar o conto ao aire libre, no xardín… é moi importante que a persoa que conte o conto coñeza a historia para que o neno/a desfrute coa escoita do mesmo.


Propostas posteriores ao conto:
Este conto trata como tema principal o sentimento de amizade e os ”mordiscos” ou trabadas que caracterizan unha etapa do desenvolvemento dos nenos e nenas, protagonistas das nosas escolas, a través da lectura do conto invitamos aos nosos cativos a reflexionar sobre como se senten as demais persoas ante un mordisco (no conto observamos como Patapam estaba triste porque Dudú o mordera). A través da lectura do conto, pretendemos que os nenos e nenas desfruten coa lectura, coñezan o sentimento de amizade e reflexionen sobre como se senten as demais persoas ante comportamentos que (nalgunha ocasión) levan a cabo e que produce nas outras persoas un sentimento triste, negativo… Pero sempre debemos ter presente que forma parte dunha etapa do desenvolvemento do neno ou nena.

Laranxas en xelatina

Probástedes algunha vez a xelatina de froitas naturais?… A escola infantil de A Laracha convídavos a facer un postre divertido que aúna os beneficios da froita natural e da xelatina. Unha forma estupenda de que os nenos e as nenas se animen a consumir froita no almorzo, na sobremesa, ou na merenda.

Nome: Laranxas en xelatina

A reteita é sinxela de facer e podedes facela con calquera froita.

Ingredientes:

  • 3 laranxas de zume ben lavadas
  • 1 sobre de xelatina neutra
  • Xerra con auga


1. Lavar as laranxas, cortalas pola mitade ou facendo formas, exprimilas con coidado para que non rompa a casca, reservar o zume (agregar azucre opcionalmente), reservar as mondas das laranxas, limpar ben por dentro.

 

 

 

 


2. Preparar a xelatina seguindo as indicacións do envase, pero sustituíndo a auga polo zume de laranxa e senon tedes suficiente zume, podedes completar as cantidades con auga.

3. Encher as medias laranxas coa xelatina e meter na neveira durante un mínimo de duas horas antes de consumila.

 

 

 

 

E agora a desfrutar en familia, lembrade que a xelatina é boa para fortalecer os ósos..!!

Xogamos co coador

Escola Infantil de Carral achéganos unha proposta para desenvolver coas nenas e nenos empregando menaxe da cociña dun xeito sorprendente

Nome da Actividade: Xogando co coador.

Idade á que vai dirixida: Desde que se manteñen sentados.

Obxectivos:

  • Potenciar a motricidade fina
  • Favorecer a atención e a concentración
  • Traballar a coordinación óculo-manual

Materiais:

  • Coador/ Escurridor
  • Limpapipas ou palliñas.

Desenvolvemento:

A actividade consiste en intentar insertar os limpiapipas ou as palliñas no coador.

As rabechas

Reflexións que nos achegan da Escola Infantil de Poio.

“Sé la calma en la tormenta de tu niño/a. Sé la brisa y la lluvia suave cuando sus emociones arden en fuego. Sé la voz que invita al alivio, no el grito que aumenta el susto y la desesperación”.

Emiliano Ponzi

As rabechas ou perrenchas adoitan acontecer entre os 18 meses e os 4 anos. Son un estado emocional que aparece cando a nena e o neno comezan a ter ideas diferentes ás dos adultos e estas chocan entre si. Aparecen en tódolos cativos e cativas en maior ou menor medida, debido ao seu desenvolvemento: non ten linguaxe suficiente para argumentar o que quere e por que, quere facer máis cousas por si mesmo/a, quere expresar o seu propio pensamento ou cando o adulto espera que faga cousas para as que aínda non está preparado/a.

¿Podemos facer algo para evitalas?

Pódense minimizar, pero sempre haberá momentos de explosión que irán aprendendo a xestionar coa axuda da nosa paciencia e empatía.

Que podemos facer para minimizalas?

  • Rutinas: As rutinas facilitan os cambios de actividade, pero tamén regulan psiquicamente os momentos da comida e o sono. Cando a pequena e pequeno ten fame ou sono é máis propensa a ter unha perrencha.

  • Amor e comprensión: aos adultos non nos resulta doado, as veces, comprender as necesidades das criaturas, tan diferentes ás nosas. Unha/un nena/o que se move e toca todo constantemente, soe poñer nervioso ao adulto, que ten un ritmo vital moi diferente. Cando só miramos con ollos de adulto estamos lonxe das nenas e dos nenos. Esta incomprensión frustra moito ao neno/a, que manifesta o seu malestar en forma de rabechas.

  • Non ceder a rabecha: Se coa rabecha a nena ou neno consegue o que quere, entenderá que precisa explotar para conseguir os seus obxectivos, entón estas irán aumentando en intensidade e frecuencia. A mensaxe verbal e non verbal á hora de xestionar a rabecha debe ser: “Entendo que isto non che guste e que esteas enfadado/a, eu estou aquí, que podemos facer?”

    “ Que o/a neno/a poida ser un máis e achegar, contribuirá a reforzar a súa autoestima e reducirá a sensación de frustración e, polo tanto, as rabechas”

 

¿De que maneira podemos axudar á nena ou neno?

  • Dar espazo e tempo: É momento de acompañala/o, dándolle o espazo e o tempo que precise. Non debemos gritar nin sermonear, cando a crianza se calme trataremos de facela razoar mostrando afecto e serenidade.

  • Valida as súas emocións e empatiza: poñer palabras ao que lle está pasando, axuda a sentirse máis acompañado/a e comprendido/a. Sempre á altura da cativa e cativo, sempre mirándoa aos ollos: “Estás enfadado/a?” “ Eu as veces tamén me sinto así e respiro para relaxarme”. “Respiramos xuntos?”

  • Redirixe, conecta: Podemos cantar unha canción, usar o humor ou a sorpresa. Utiliza toda a creatividade posible.

  • Ofrece un ambiente preparado: Cando a rabecha vai baixando en intensidade, podemos ofrecer á pequena e pequeno a oportunidade de que exprese os seus sentimentos e lles poña nome. Podemos ofrecerlle tamén a oportunidade de saltar correr ou facer outra actividade que lle axude a rebaixar a tensión.

  • Cambia a enerxía: En ambientes de moito ruído e alboroto, as crianzas poden desbordarse emocionalmente con máis facilidade. Podemos invitalo a cambiar de ambiente, ou ir beber un pouco de auga. Observamos e decidimos usando coa nena e neno poucas palabras.

Se nós somos capaces de identificar como nos fan sentir as rabechas dos nosos nenos e nenas, adiantaremos moito para estar máis presentes durante estas e actuar dende a calma, o afecto e a comprensión.

O noso exemplo será toda unha lección para o cativo ou cativa sobre como xestionar as súas propias emocións.

Estrada caseira

Dende a escola de Marín Seixo achegan unha proposta para realizar unha estrada e poder xogar coa coches na casa.

Nome: Estrada caseira

Idade: 2-3 anos

Obxectivos

  • Estimular a creatividade e imaxinación das nenas e nenos
  • Propiciar o xogo simbólico

Materiais

  • Cinta adhesiva branca ou negra, cinta de carroceiro…
  • Xoguetes que teñamos pola casa

Descrición

Pegamos a cinta ao chan, debuxando unha especie de estrada, que poderán usar para xogar cos coches de xoguete. Podemos engadir cousas que teñamos pola casa e facer algun túnel, unha ponte…

 

Gráfico plástica

Dende a escola infantil de Ourense Barrocás achegan un novo xeito de pintar.

Nome: Proposta de actividade: “gráfico plástica”

Idade: 2-3 anos

Obxectivos:

  • Traballar a psicomotricidade fina
  • Estimular os sentidos do tacto, vista e olfato
  • Traballar diferentes texturas

Materiais:

  • Cartón branco
  • Escuma de afeitar
  • Colorante de alimentos
  • Culler
  • Bandexa

Elaboración:

Nunha bandexa engadimos escuma de afeitar, suavizámola, engadimos colorante de alimentos e mesturámola coa culler. Poñemos o cartón por riba e aplastámolo, levantamos o cartón, eliminamos o exceso de escuma e a nosa obra de arte está lista!!

 

 

 

 

 

Para rematar podemos manipular a escuma sobrante ata que cansemos, é moi moi relaxante.



Meter e sacar

A Escola Infantil de Cambre O Temple preséntanos un xogo na que nenas e nenos gozarán da exploración dos obxectos mais descubrirań o desfrute á hora de sacalos e metelos da súa cesta.

Nome da Actividade: Meter e Sacar

Destinatarios: 10 a 12 meses

Obxectivos:

  • Desenvolver habilidades cognitivas
  • Estimular a motricidade fina: a precisión para coller os obxectos

Materiais:

  • Bote
  • Obxectos

Desenvolvemento:

Poñeremos nun recipiente – bote e os obxectos ao carón. Deixaremos que manipule e explore os obxectos presentados o tempo que precise para posteriormente invitar a que sexa o neno quen tente meter ou sacar os obxectos do recipiente. Podemos presentarlle todos os obxectos dentro do recipiente e animalo que mire dentro e que os tente coller e sacar, tamén poden presentarse os obxectos fóra e convidalo a que os meta dentro, así como calquera outra variante. Por último, podemos compartir o xogo nomeando os obxectos que introduce e se fan algún son reproducilo.

Xogamos con teas

A escola infantil de Taboada proponnos unha bateria de xogos para facer con teas, ollade!

Nome: xogamos con teas

Idade: 0-3

Obxectivos:

  • Fomentar a imaxinación é a creatividade a partir de elementos do cotiá.
  • Experimentar distintas situacións espaciais: arriba- abaixo, dentro- fora,…
  • Traballar a motricidade grosa: saltar, correr, agacharse,…
  • Enriquecer a información sensorial: distintas texturas, cores,

Material:

  • Teas de distintos tamaños.
  • Pelotas
  • Almofadas, coxíns,…
  • Pinzas da roupa para suxeitar

Descrición
Esforzámonos en buscar actividades “creativas” e novedosas para os nosos pequenos e pequenas, en mercar xoguetes aos que despois apenas dirixen a súa atención,… cando non hai mellor actividade, xogo, nin xoguete, mais motivador e rico que o que xorde das propias accións cotiás, que abarcan infinitas posibilidades de xogo e aprendizaxe,…
As actividades que propoñemos hoxe teñen como único material unhas teas, unhas pelotas, coxíns e almofadas…, e por suposto, a imaxinación,…
Como primeira parte da actividade, dámoslles aos nenos e nenas o material, para que manipulen libremente, poderán tápanse, deitan as bonecas e peluches,…

Imos a presentarvos, so unha pequena escolma das infinitas posibilidades que nos abren estes materiais,…:
Podemos construír a nosa casiña: simplemente tapando unha mesa, ou facendo unha cabana entre dúas cadeiras (cun pau de vasoira, unha tea grande, unhas pinzas para fixar as teas,… e para o interior, … todo o que os nenos/as vaian ideando)

Xogamos coas sabas: xogo de agocharse (cucú), facemos de fantasmas,… Relacionada co comentado ata o momento, outra actividade que lles encanta: collemos a sabana (ou tea grande) entre dous e abaneámola, facendo que os tapamos e destapamos (posiblemente todos nós recordemos, cando os nosos maiores tentaban dobrar as sabas e metíamonos debaixo, …, mentres eles xogaban a taparnos e destaparnos,…)
Outra variante deste xogo seria a ras do chan, neste caso facemos as ondas do mar,…

Xogo da “silla da raiña”_dobramos a manta, e collémola entre dous adultos, sentamos ao cativo no medio, erguémolo e abaneámolo coa canción popular “a cadeira da raiña” ou “ a barca”…. ao tren,…


Imos de viaxe? _ poñemos unha manta ou sabana no chan, os pequenos séntanse e nos levámolos de paseo, arrastrando a manta, a onde imos hoxe?,… si son varios os pequenos, esperan na parada do autobús,… poden viaxar dun en un, ou de dous en dous,…


Podemos incluír outros elementos:
Unha pelota: collemos a tea ( ou saba) entre dous ou mais, poñemos encima unha pelota ou un globo,… movémola, e temos que intentar que non se caia.
Con almofadas, coxíns facemos un circuíto con pequenos desniveis, con maior ou menor complexidade en función da idade dos nenos e das nenas.
Coas teas pequenas:
Para os bebes: as teas suaves ou gasas empréganse como obxectos transicionais (aportan tranquilidade e agarimo)
Meter unha caixa moitas pequenas teas:os nenos/as gustan de sacalos da caixa (cantas veces temos visto aos nenos/as baleirar as caixas de panos de papel entre grandes sorrisos)
Podemos disfrazarnos: facemos saias, panos de pirata na a cabeza, capas,…
Tecer con retais: para iso necesitamos facernos con algunha estrutura que funcione a modo de tear. Por exemplo, a típica tela que se usa para delimitar.
E agora a disfrutar,… lembrade que non se trata de presentarlles aos cativos unha serie de actividades dirixidas, cerradas,… senón de ter alternativas de xogo, fomentando as interaccións e a súa iniciativa.

Pintamos con Papel de Aluminio

Dende a escola infantil de Meira achegannos unha proposta para pintar.

Nome: Pintamos con Papel de Aluminio

Idade: 2-3 anos

Obxectivos:

  • Estimular a coordinación motora e a psicomotricidade fina de nenos e nenas.
  • Despertar a expresión artística, a súa creatividade e imaxinación.
  • Aumentar as sensación táctiles e facilitar o seu coñecemento de diferentes cores e texturas.

Materiais:

  • Cartolina branca
  • Témperas de cores
  • Papel de aluminio
  • Recipientes (pratos)

Botamos un pouco de pintura nun recipiente ou prato. Co papel de aluminio faremos bolas.

 

 

 

Nunha cartolina branca, pintamos plasmando as bolas de aluminio molladas previamente nas témperas.

Podemos deixar voar a imaxinación e pintar uns bonitos debuxos.

Tamén podemos imprimir siluetas de animais, flores ou obxectos, e pintalos con esta técnica.