Controversias do cueiro

Dende a escola infantil de Vigo Valadares fan unha reflexión sobre o control de esfínteres.

O cueiro, invento amado e odiado a partes iguais. Amado nos primeiros meses de vida onde ninguén dubida das súas virtudes. Odiado cando a presión externa afirma que xa non corresponde o seu uso. Pero, a súa funcionalidade non varia, por iso imos facer unha achega ao que implica o control de esfínteres, nun contexto onde os adultos percibimos que temos máis tempo e corremos o risco de que non coincidan cos tempos madurativos das nenas e nenos.

O traballo de acompañamento arredor deste logro non é puntual, comeza no primeiro ano de vida e ten como base a liberdade de movemento do bebé que fortalece o ton dos músculos pélvicos imprescindibles para acadar o control de esfínteres. O cambio do cueiro neste período, conecta coas sensacións corporais, coa cobertura de necesidades físicas e emocionais, coa toma de conciencia de ser “un” separado e diferente do “outro”. O fundamental é construír un momento agradable que transmita sensacións de pracer con sorrisos que dan permiso, con palabras que adiantan accións para que comprendan o que imos facer cos seus corpos, con caricias que alimentan os afectos, …

Un pouco máis adiante, cando a psicomotricidade adquire maior sostén, chegan os cambios nos que existe unha maior participación. Pode identificar o seu cueiro, axudar a despegar o velcro, botar ao lixo o refugallo… Na escola e na casa, podemos favorecer os cambios de pé; isto permite unha maior cooperación, consciencia do corpo e das accións por parte de cativos e cativas. Deste xeito damos espazo para unha maior autonomía da crianza e fortalecemos a súa autoestima.

Ata aquí non adoita haber incidencias pero, a medida que avanzan os dous anos as présas comezan a facer a súa aparición. Hai moitas razóns esgrimidas polo adulto para xustificar esta présa que xorde do medo: o medo á comparativa con outras nenas e nas ou medo porque se vai achegando o cambio de ciclo, en fin, MEDO! Podemos comprender a postura do adulto pero o protagonista é outro. Se queremos ser xustos debemos devolverlle o papel principal ao neno e á nena, e, respectar as súas necesidades individuais.

Entendendo que cada proceso é diferente, pode ocorrer que, arredor dos dous anos existan sinais que indiquen que o control de esfínteres está en proceso; porque non se pode programar nin calcular. O control de esfínteres é un proceso interno, propio de cada neno e nena! Chega cando as condicións do desenvolvemento cognitivo e físico son axeitadas. Porque a maiores da forza muscular necesaria para reter ou evacuar. A vontade de abrir e pechar os esfínteres corporais depende da maduración neuronal que permite a conexión sináptica e o procesamento do estímulo. Sen esta capacidade en canto a vexiga acade unha certa cantidade de líquido automaticamente será expulsada do corpo, sen máis!, coma un acto reflexo, como un espirro. Por iso de nada serve forzar ou adiantar, porque non é unha decisión do neno ou da nena, é un salto cualitativo no desenvolvemento que os adultos esperamos con maior ou menor ansia.

As reticencias ou negativas por parte dos pequenos e pequenas debe ser tida en conta e respectada pois no control de esfínteres xoga un papel fundamental a parte emocional. Deixar o cueiro implica deixar atrás outras cuestións significativas: o apego a un obxecto que leva anos en contacto co seu corpo, o cambio na relación co adulto de referencia, etc. Para desvincularse do coñecido, do que asegura, o necesitan da suficiente confianza interna. É un reto que os fai maiores e máis independentes e iso require de sentirse “capaz”, de “ser quen” de conquistar terreo o rol do adulto omnipotente. Toda unha vitoria!

Por iso non hai présa, todos chegarán á meta, o importante e que sexa o seu logro, a súa batalla gañada en aspectos físicos e emocionais, en prol da construción da súa propia historia de vida.

2 reflexións sobre “Controversias do cueiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *