Arquivos mensuais: Abril 2020

Xogamos na casa

Adxuntamos a proposta de actividade da Escola Infantil de Santiago Tambre para a creación de xogos e que titulan Xogos na casa.

Unha das características máis marabillosas que posúen as nenas e nenos é a capacidade de sorprenderse ante cousas que un adulto considera simples ou baleiras de contido.
Deixemos que flúa a súa imaxinación e aproveitemos estes días na casa para permitirnos pensar do seu xeito, seguro que se nos pasará moito mellor todo isto!
Convidámosvos a que observedes calquera obxecto antes de desbotalo e tiralo ao lixo, e pode que descubramos novos xoguetes. Non vos preocupedes, se tedes esa parte de infante un pouquiño oxidada, botámosvos unha man con algún exemplo. Velaquí van!

1. Xoguete con noces (1-3 anos)

Obxectivo: As nenas e nenos coa axuda deste xogo traballarán a coordinación ollo-man, o control dos movementos, así como a atención e a concentración.

Material preciso:

  • Unha caixa de zapatos ou calquera outra con tapa
  • Algunhas noces
  • Tesoira

Xeito de realizalo: Na tapa da caixa facemos un burato do tamaño que desexemos segundo a dificultade que queiramos darlle ao xogo igual que a cada nena e neno (a maior o oco, menor dificultade). Á hora de xogar terán que mover para os lados a tapa da caixa e ir coando as noces polo burato, caendo debaixo na outra parte da caixa. Podemos aproveitar para decorar coas nenas e nenos o interior da caixa, colocamos as noces dentro e xa temos o noso xogo preparado!

 

 

 

 


2. Traganoces (1- 2 anos)

Obxectivos:

  • Fomentar a coordinación óculo-manual
  • Desenvolver habilidades psicomotrices
  • Adquirir interese por xoguetes artesáns

Material:

  • 1 caixa ou cesto
  • 1 tubo de papel de cociña
  • noces ou tapiñas
  • cinta de pegar

Xeito de realizalo: Para realizar este xogo só temos que pegar en algunha das paredes da casa un tubo de papel de cociña a unha altura axeitada para que o neno chegue a ensartar as noces e colocar debaixo un cesto que as recolla.

3. Cámara de fotos (1-3)

Obxectivos:
Este tipo de xoguete favorece o xogo presimbólico e, máis tarde o simbólico que é o tipo de xogo no que as nenas e nenos empregan a súa capacidade de representar mentalmente un obxecto e son capaces de xogar con esa idea. É importante para:

  • Favorecer o desenvolvemento cognitivo
  • Contribuír ao desenvolvemento emocional
  • Axudar a coñecer o mundo a través do xogo

Material:

  • Caixas pequenas
  • Tubos de papel de cociña ou hixiénico
  • Tesoiras
  • Cinta de pegar
  • Tapas de botellas, envases ou iogures de beber
  • Silicona quente ou calquera outro pegamento
  • Lazo

Calquera outro material que nos poida servir para decorar

Xeito de realizalo:

Para elaborar este xoguete teremos que marcar nunha caixa o centro e recortar un círculo do tamaño do tubo de papel. Podemos axudarnos do tubo e dun lapis para debuxalo antes de cortar. Faremos o mesmo polo lado oposto da caixa e introducimos o tubo. Con cinta de pegar fixamos o tubo á caixa e pegamos con silicona quente, ou calquera outro tipo de pegamento, a tapa dun envase a modo de botón.
A nosa cámara está lista para disparar fotos pero, se preferimos podemos decorala do xeito que se nos ocorra. Deixemos voar a imaxinación!

* Unha posible variante sería a creación duns fermosos prismáticos decorados entre todos os da casa.

Caixa das cancións

Coas cancións as nenas e os nenos aprenden xogando, teñen un efecto calmante e de benestar, axudan a coordinar e controlar os movementos do corpo e favorecen as relacións xerando momentos entrañables e divertidos. Desde a Escola Infantil de Fonte da Balsa móstrannos un cesto cheo de cancións coas que meniñas e meniños gozan a diario.

Nome: cesto das cancións

Idades: 0-3

Obxectivos:

  • Gozar dunha actividade en familia
  • Achegar desde a escola as cancións de uso común
  • Promover o gusto pola música e as cancións
  • Estimular a linguaxe corporal e verbal

Material:

  • Un cesto ou caixa
  • Símbolos de cada canción ( poden ser obxectos ou imaxes):
    • Piñeiro (conto de piñeiro)
    • Gallinita (a galiña)
    • Pichirilo (o cabalo)
    • Araña (a araña)
    • Xoan pequeño (a casa)
    • Foca marisol (a foca)
    • Lúa (a lúa )
    • Vaca lola (a vaca)
    • Sol (o sol)

Desenvolvemento:

Preparamos os elementos que simbolicen os títulos das cancións, estes os podedes buscar na casa ou facer debuxos dos mesmos. A posteriori, os metemos nun cesto sentándonos ao arredor e imos sacando un obxecto ou imaxe para comezar coa cántiga e a representación da mesma.

 

Instrumentos musicais feitos na casa

Dende a Escola de Vigo Rúa Palencia envíannos unha proposta de actividades musicais  para seguir xogando e aprendendo cos vosos nenos e nenas. A música fomenta a creatividade. É unha maneira de expresarse e provoca nos nenos/as un aumento na capacidade de memoria, atención e concentración. Ao combinarse co baile, estimula o sentido do ritmo, o equilibrio e a expresión corporal

Nome: Batería colgante

Idade:1-2 anos

Obxectivos:

  •  Exercitar a motricidade fina e a coordinación óculo -manual.
  • Estimular a creatividade e tolerancia a frustración. Non é sinxelo para eles acertar para darlle á lata.
  • Experimentar as diferenzas  de sons  emitidos ao percutir nos diferentes obxectos.

Materiais:

1. Percha.

2. Latas de atún, millo, etc.

3. Cordel.

4. Dous paus dos bordes dos calendarios chinos ou lápices grandes.

5. Silicona.

6. Punzón.

Elaboración:

Podemos adornar as latas con cores llamativos. Furamos todas as latas e cacharros que vaiamos utilizar por dous lados. Cada vez que pasamos o cordel por un dos buratos dámoslle un nó para que non se deslice cara arriba e abaixo cando estea colgado. Logo colgámolas a diferente altura na barra da percha en 3 cordeis diferentes.

Descrición:

Colocamos a batería colgante á altura das nenas e nenos para que poidan golpear co pau as latas. Podemos poñer latas de diferentes tamaños para que escoiten as diferentes intensidades do ruído. Incluso algúns recipientes de plástico ou madeira para apreciar as diferencias de sons dos distintos materiais.

 

Nome: Tantarantán

Idade:1-2 anos

Obxectivos:

  • Asimilar os primeiros elementos que conforman a música.

  • Experimentar co son e o silencio.

Materiais:

1. Platos de plástico ou cartón

2. Axóuxeres da decoración de nadal

3. Lazos ou cordel

4. Garabanzos, letellas, etc

5. Silicona

6. Sacabocados ou punzón

Elaboración:

Collemos dous pratos (si son moi finos usamos 4). Facémoslle uns buratos co sacabocados ou punzón. A seguir, selamos con silicona os pratos cun puñado de garavanzos dentro. Finalmente pasamos polos buratos o cordel cos axóuxeres.

Descrición:

Dámoslle o instrumento para que o explore con calma e vemos  o que fai. Cando perda o interese por el podemos cantar algunha canción infantil e seguir o ritmo co instrumento.

 

Nome: Tic toc

Idade: 1-2 anos

Obxectivos:

  • Iniciar na escoita activa.

  • Xesticular e realizar movementos de cancións.

Materiais:

1. Lata

2. Globo ou tapa

3. Cordel

4. Tapóns ou botóns grandes 2

5. Pau ou lápis

6. Puzón

7. Silicona

Elaboración:

Decoramos a lata ao gusto. Cortamos 2 anacos de cordel e nun dos lados pegamos o tapón ou botón. Logo co punzón facemos 3 buratos na lata. Un para o pau e outros dous nos laterais para pasar os cordeis aos que lle daremos un par de nós por dentro da lata antes de pórlle un pouco de silicona. Rematado isto podemos cerrar a lata cun globo, cortándolle un anaco da boca, ou con tapa si tedes.

Outra opción para facer este instrumento é con cartón duro e depresores, aínda que faga menos ruído tamén soa e así aprecian a diferencia entre o son do cartón e a lata.

Biscoito de iogurt

A escola infantil de Forcarei acheganos unha receita de biscoito de iogurt.

Nome: Obradoiro de cociña: Biscoito de Iogur

Idade: 1-2 e 2-3 anos

Obxectivos:

  • Participar na elaboración dos alimentos.
  • Identificar os distintos ingredientes utilizados.
  • Desenvolver a coordinación óculo-manual.
  • Fomentar o traballo en equipo.

Materiais:

  • Bol ou cunca para mezclar os ingredientes.
  • Batedor.
  • Molde para cocer o biscoito no forno.

Ingredientes:

  • 5 Ovos
  • 1 Iogur sabor macedonia (preferentemente)
  • 1/2 vaso de aceite de xirasol (medido polo vaso do iogur)
  • 2 vasos e medio de azucre (medido polo vaso do iogur)
  • 2 vasos e medio de fariña (medida polo vaso do iogur)
  • 1 sobre de Royal

Descrición (Modo de preparación):

Comezamos a elaboración deste biscoito, no que poden colaborar varios membros da familia, lavando e secando ben as mans, colocamos todos os ingredientes nomeados anteriormente enriba da mesa coa axuda do neno/a, aproveitando para ir nomeándoos, vendo as súas características (cores, formas, texturas,…).

 

Collemos un bol ou cunca, no que iremos engadindo todos os ingredientes: os ovos contámolos de un en un, despois o iogur (mellor de macedonia porque lle dá un sabor moi agradable ao biscoito) e o aceite.
Lavamos e secamos ben o vaso baleiro para poder medir e engadir o resto: azucre, fariña e o roial, deixando que o neno ou nena sempre colabore e que aproveite para experimentar con estas texturas.
Unha vez están todos os elementos, batemos todo ben, untamos cun pouquiño de aceite ou manteiga o molde que nos sirva para o forno, vertémola mestura nel e xa estaría listo para cocerse.

Podemos quentar un pouquiño antes o forno a 170º, coa precaución de que o neno/a non se aproxime moito a el, e cocemos durante 25 minutos aproximadamente.
Deixámolo aínda un pouco no forno e logo xa podemos sacalo para que vaia enfriando, así xa temos un rico doce feito en colaboración con el/ela para tomar coa merenda, de postre ou tamén para acompañar o almorzo.
Agardamos que vos guste!!!

A Escola Infantil de Xinzo de Limia envíanos un vídeo de esta receita

Elmer elefante de cores

A escola de Burela Os Castros partindo do conto Elmer fannos dúas propostas para facer en familia. Agardamos que vos gusten.

Non podemos obviar o potencial dos contos como ferramenta para abordar moitísimos aspectos coas crianzas: emocións, valores, diferentes situacións que se poden trasladar á vida…
Nesta ocasión, escollimos o conto de Elmer para traballar a diversidade, xa que nel transmítesenos unha mensaxe clara: que a diferenza é un valor engadido e non un motivo de exclusión, que nos enriquece a todos e que nos axuda a coñecernos e a ser mellores persoas. E é que a personalidade de elmer é tan alegre coma as tonalidades da súa pel, é optimista e posúe a capacidade de ver as cousas boas da vida. Ademais, está sempre disposto a axudar aos demais.
Ademais do dito, con este conto, podemos contribuír ao desenvolvemento xeral das propias crianzas a través de moitas actividades.

Proposta 1.

Nome: Construímos a Elmer

Idade: de 1 a 3 anos

Obxectivos:

  • Desenvolver a psicomotricidade fina.
  • Experimentar a mestura de cores, ademais das cores primarias.
  • Coordinación óculo-manual.
  • Recoñecer e discriminar as distintas cores.

Materiais:

  • Unha botella de plástico que teña asa. Por exemplo: a do deterxente, lixivia…
  • Un pincel.
  • Un pouco de cola branca.
  • Varios papeis de cores de papel seda, cortados en anacos.
  • Un rotulador permanente de cor negro.

Descrición:
Con anterioridade cortaremos a botella pola metade, sen cortar a asa. Debuxamos as patas do elefante e despois cortamos pola liña. Na fronte da botella (onde está a asa) debuxamos o resto do corpo e logo recortamos un anaco para desunir a asa do corpo.

Unha vez cortada a botella en forma de elefante, podemos comezar a darlle cor o noso elmer. Primeiro daremos con axuda dun pincel ou esponxa unha man de cola a toda a botella. Despois iremos pegando os diferentes papeliños de cores. Unha vez que estea todo cuberto deixaremos secar. Para rematar daremos outra man de cola por enriba dos papeis. Cando estea seco debuxamos os ollos ou si temos uns ollos xa feitos, colocámolos.

Proposta 2 .

Nome: As texturas de Elmer
Con esta actividade pretendemos poñer en práctica a educación sensorial, xa que os sentidos son os puntos de contacto coa contorna e a mente. Polo que nos primeiros anos de vida, son de vital importancia accións coma : tocar, degustar, ulir, escoitar e mira.

Idade: 8 meses a 3
Nesta proposta podemos diferenciar dúas actividades: por un lado a construcción de elmer e as súas texturas (crianzas de ano e medio en diante), e por outro, o xogo de experimentar e manipular as sensación ( a partir dos 8 meses).

Obxectivos:

  • Fomentar a aprendizaxe a través da experimentación e o descubrimento.
  • Contribuír á estimulación dos sentidos.
  • Descubrir e diferenciar texturas mediante o tacto
  • Discriminar entre diferentes texturas e materiais mediante os sentidos.

Materiais:
Neste apartado, deixamos á vosa elección os materiais a empregar, cousas que teñamos do cotiá, restos de teas, papeis, etc.
O que sí é importante é dispoñer de unha cartulina, papel de tamaño un pouco considerable, mantel de papel, cartón (caixa), etc, para facer o soporte, a Elmer.

A continuación anexo algunhas imaxes para darvos algunha idea.

 

 

 

 

 

Descrición:

  • Primeiro debemos buscar os materiais, e texturas que imos empregar.
  • Sería interesante, nun primeiro lugar, experimentar e manipular eses recursos
  • Logo debuxamos un elefante sobre un soporte de papel, cartulina, cartón, etc.
  • A continuación, pegamos con cola/pegamento as texturas que xa coñecimos previamente.
  • Deixamos secar. E … listo para comezar a xogar !!

Comentarvos que este proceso sería interesante facelo con tranquilidade, si fose necesario en varios días, e en varias etapas para ir disfrutando de todos e cada un dos pasos.

Túnel de gatexo

A Escola Infantil de Vilamarín nos convida a preparar na casa un túnel de gateo atractivo para os bebés.

Nome: Túnel sensorial

Idade: 6 meses – 2 anos

Obxectivos:

  • Fomentar o gusto por moverse e explorar o contorno.
  • Desenvolver o sistema muscular, a psicomotricidade fina e grosa.
  • Estimular a imaxinación e o xogo creativo.
  • Facilitar e potenciar o gateo.
  • Fomentar o xogo propioceptivo.
  • Favorecer a estimulación táctil e visual.

Materiais:

  • Caixa de cartón
  • Medias
  • Trapos
  • Telas
  • Plástico de cores
  • Coxíns

Descrición:
Abrimos unha caixa de cartón por dous lados e imos colgando no seu interior medias, calcetíns, teas e lazos. Tamén podemos abrir pequenas fiestras nos laterais e deixar algunhas abertas e as outras colocarlle plásticos de cores. Na base do túnel podemos poñer trapos e coxíns con distintas texturas.

Variante:
As posibilidades poden ser múltiples cambiando os materiais de cando en vez para que lle resulte interesante ó neno.

Tulipáns

Desde a escola infantil Nosa Señora do Campo de Ribadeo propoñemos unha actividade da que desfrutaremos moito. Xogaremos coa pintura de dedos e faremos un tulipán.

Obxectivos:

  • Estimular a coordinación motora e a psicomotricidade fina de nenos e nenas.
  • Despertar a expresión artística, a súa creatividade e imaxinación.
  • Aumentar as sensación tácteis e facilitar o seu coñecemento de diferentes cores e texturas.

Idade: nenos/as de 1-2 anos.

Materiais:

  • Cartón ou folios blancos
  • Pinturas de dedos (ver elaboración caseira ao final).
  • Pincel (non é imprescindible).

Proceso: previamente á actividade deixaremos un anaco aos nenos ou nenas que xoguen e desfruten libremente coa pintura de dedos.

  1. Comezaremos a facer os talos, para iso pintaremos o antebrazo do neno con pincel impregnado en pintura verde.

  2. Preme o brazo dúas ou tres veces sobre una folla ou cartón branco.

  3. A continuación faremos as frores do tulipán; para isto mergullamos a man ( sen incluír o polgar) en pintura de dedos e marcamos un pico por encima dos talos mantendo os dedos xuntos.

Pintura de dedos caseira

Ingredientes

  • 3 culleradas sopeiras de sucre
  • ½ culler sopeira de sal
  • ½ taza de fariña de maíz
  • 2 tazas de auga
  • Colorante alimentario (mellor líquido).

Obxectivos: desenvolver a motricidade fina e experimentar texturas e sabores.

Elaboración

  1. Mezclar todolos ingredientes (menos o colorante) nun cazo , remexer ben e quentalos hasta que espese, deixar que arrefríe e botalo colorante.

  2. Esta pintura tarda bastante en secar.

  3. Podedes aproveitar para deixar que as nenas e os nenos experimenten texturas e proben sabores, deixándolles manipular os ingredientes.



Xogo de seriacións

A escola infantil de Camariñas fai unha proposta para construír con material de reciclaxe elementos cos que poder facer un xogo de seriacións. Seriar patróns é unha habilidade que contribúe a desenvolver a capacidade lóxica favorecendo que os cativos vaian comprendendo a organización temporal, contribuíndo a que progresen gradualmente no coñecemento e comprensión da súa contorna.

Nome: Xogamos coas seriacións

Idade: esta proposta vai dirixida a crianzas de 2 a 3 anos

Obxectivos:

  • Potenciar a capacidade de observación e atención visual.
  • Estimular a psicomotricidade fina.
  • Desenvolver o pensamento lóxico.
  • Coñecer as cores.
  • Recoñecer a forma para poder completar a serie.

Materiais:

  • Rulos de papel de cociña (2 mínimo)
  • Folios.
  • Cinta adhesiva ou pegamento.
  • Un anaco de cartón
  • Ceras, temperas, rotuladores etc

Descrición:

Cortar un dos rulos de papel de cociña en catro, facendo así catro tubos máis pequenos, intentando que os catro sexan da mesma medida ou similar.

Facemos un corte vertical no segundo rulo para que, ó pegalo, sexa menos ancho que os catro rolos anteriores e desta maneira poidamos insertalos no mesmo.
Pegaremos este rulo de maneira vertical ó cartón, conseguindo así unha estrutura de T invertida.

 

 

 

 


En cada un dos catro rulos que cortamos, debuxaremos diferentes formas. Por exemplo: corazóns, cadrados, círculos e triángulos. Podedes debuxar as formas que máis vos gusten.
Cortamos un folio en 4 partes, de maneira que nos queden 4 rectángulos, onde debuxaremos as diferentes series coas formas seleccionadas.

 

 

 

 

Toca comezar a xogar. As crianzas terán que facer no rulo vertical a serie debuxada no folio, seguindo a serie correspondente.
Segundo vaian acadando obxectivos, podemos aumentar a dificultade creando series máis difíciles e manter o seu interese.

Masa máxica

Dende a Escola infantil de Xunqueira de Ambía quen compartir esta proposta de xogo para que os nenos e nenas experimenten libremente.

Nome: Masa máxica

Idade: De 0 a 3 anos

Obxetivos:

  • Traballar a psicomotricidade fina
  • Descubrir novas texturas
  • Coñecer distintas sensacións a través do tacto
  • Observar a transformación dos ingredientes nunha masa

Materiais:

  • 1 recipente
  • 1 taza de auga
  • 2 tazas de maicena
  • colorante (opcional)

Descrición:

  • Verter nun recipente a fariña e a auga
  • Remover todo ata mestúralo ben sen grumos

Esta é unha masa máxica coa que os nenos disfrutarán mentras a tocan, apretan, aplastan ,…xa que cambia de estado segundo a forza a que a sometan, polo que en principio collen a bola de masa nas súas mans e o abrilas esta transformase en líquido de maneira máxica.

Outra opción é teñir a agua co colorante antes de engadila a mestura.

Conto “Pote, pote”

 A Escola Infantil de A Laracha  preséntannos este contiño tan alegre e  suxerente!!

 Idade : Para os tres niveis do ciclo 0-3 anos de Educación Infantil, coas adaptacións necesarias para a súa contada.

Contextualización: A Escola Infantil é un universo tan máxico coma o dun conto. Nel xorden experiencias, vivencias e relacións que quedan cosidas de por vida co fío invisible que une ás persoas que nela interaccionan.

Xustificación : O conto “Pote, pote “ é un conto que creamos na nosa escola, parécenos unha proposta moi interesante porque entre outros aspectos serve para poñer en valor o traballo que desenvolven na escola o persoal de cociña e o persoal de servizos xerais, compre resaltar que estas persoas son figuras de indispensable valor educativo xa que gran parte das rutinas diarias e actividades do centro son posibles grazas ao seu traballo e colaboración. No conto aparecen elementos como: o pote, o pulverizador, a vasoira, o trapiño, o almorzo,…, que nos lembran o traballo desenvolto por estas persoas. A través da observación púidose entrever todo o asombro e grande admiración que os nenos e nenas tiñan por elas, e viceversa.

Así mesmo “Pote, pote” tamén conleva unha mensaxe coeducativa e igualitaria xa que nel hai personaxes que rachan coas figuras e estereotipos tradicionalmente pautados.

A estrutura repetiva do texto que se vai encadeando, o ritmo e a rima das palabras fan deste conto un recurso lúdico moi interesante para desenvolver a atención, a memoria, a creatividade; así como a aprendizaxe da linguaxe tanto a nivel de comprensión, como de expresión oral.

Obxectivos :

  • Descubrir as propias emocións e vivencias a través dos diferentes elementos máxicos do conto.

  • Aprender e recoñecer os elementos dos traballos esenciais da escola .

  • Recoñecer e poñer en valor as tarefas rutinarias da mesma como parte esencial do noso benestar.

  • Favorecer a fluidez verbal