Arquivos mensuais: Marzo 2020

Benvida Canal Youtube. A escola na casa

Acompañando e presentando este blog, colgarase un primeiro vídeo realizado polos equipos da escola e o centro de día do Centro Interxeracional de Ourense.

Nestes días de fonda inquedanza todos sabemos que os nosos queridos maiores son os que máis están a sufrir. Por iso, desde o Centro Interxeracional de Ourense, no que se xuntan os dúas etapas vitais tan distantes e tan próximas, queremos darvos a nosa benvida a este blog. Coma unha homenaxe aos avós, eses que o deron todo por nós, polos seus fillos e netos.

En agradecemento a tanto esforzo, sabedoría, xenerosidade, inauguramos esta canle con este vídeo realizado entre o persoal da escola infantil e do centro de día Interxeracional de Ourense, brindando porque chegue o momento de voltar a abrazarnos e a compartir experiencias entre nenos e avó.

 

 

Masa de sal con fariña de millo

Ademais de considerar no noso día a día as distintas rutinas que temos coas nenas e cos nenos, non podemos esquecernos da significatividade que ten o xogo para o seu crecemento e benestar íntegro.

Estas propostas que vos achegamos favorecen a relación de vós como adultos con elas e eles, á vez que son unha oportunidade para o disfrute, a creatividade e a aprendizaxe.

Achegamos unha proposta da escola infantil de Vila de Cruces

Nome: Masa de sal con fariña de millo.

Idade: De 0 a 3 anos (de 0 a 1: manipulación da masa e de 1 a 3: manipulación e realización da mesma).

Obxectivos:

  • Traballar a psicomotricidade grosa e fina.
  • Fomentar as relacións co traballo en equipo.
  • Familiarizarse con ingredientes en diferentes estados (sólidos de diferentes texturas e líquidos).
  • Observar a transformación dos ingredientes nunha masa.
  • Favorecer a atención e a concentración.
  • Axudar á discriminación visual.
  • Poñer en marcha a capacidade de realizar transvases coordinando o ollo e man ó mesmo tempo.

Materiais:

  • 2 tazas de sal fina
  • 1 taza de almidón de millo
  • 1 taza de auga
  • 1 recipiente
  • Moldes, rodillos, figuras…

Descrición:

  1. Preparar os ingredientes e as cantidades.
  2. Coller un recipiente e unha culler de madeira.
  3. Verter a fariña, a auga e a sal nesta orde e remover.
  4. Unha vez que estea integrada vertemos nunha mesa de traballo e amasamos coas mans.
  5. Se a masa se pega moito podemos engadir mais fariña.

 

 

 

 

Se queredes darlle cor á masa podedes engadir unhas gotas de colorante alimentario e volver amasar para que a cor se reparta de maneira uniforme.

Sorpresas no xeo

Trátase dunha idea moi divertida para xogar con nenas e nenos recollida pola escola infantil de Santa María de Oza, onde poderá disfrutar toda a familia desta bateria de sensacións.

Nome: Sorpresa no xeo

Idade: Sobre os 2 anos

Obxectivos:

  • Favorecer a exploración e experimentación de forma natuarl do neno ou nena.
  • Descubrir a sensación do frío que desprende o xeo e o contraste de sensacións coa auga morna.
  • Observar a concentración do neno ou nena, e as súas emocións durante o proceso.

Materiais:

  • Unha cubiteira (serven tamén vasiños pequenos)
  • Figuriñas pequenas (de animais, calquera que entre na cubiteira…)
  • Un recepiente de auga témpeda

Desenvolvemento da actividade:

Previamente, meteremos as figuriñas con auga nas cubiteiras e despois no conxelador. Unha vez estean conxeladas, preparámonos para a actividade. Colocarémonos co neno ou nena nun espazo cómodo para poñer o recipiente con auga morna e explicámoslle o que imos sacer, desmoldando o primeiro xeo e metelo na auga morna.

Observara como o xeo se vai derretindo e… sorpresa! van aparecendo as diferentes figuriñas. Así sucesivamente, os nenos e nenas coas súas mans irán metendo todos os cubiños de xeo e verán como se van derretendo e aparecendo as diferentes sorpresas.

Agardamos que desfrutedes coa actividade.

Area máxica

As experiencias con materiais permiten ás nenas e nenos a través da manipulación e a experimentación coñecer os estados dos materiais e discriminar diferentes texturas, cores, sabores mantendo sempre a seguridade das nenas e dos nenos.

A escola infantil de Boiro Saltiño envía unha proposta que permiten xogar con diferentes materiais que de seguro temos nos nosos fogares.

Nome: Area cinética

 

 

 

 

Idade: A partir de 18 Meses

Obxectivo: Desenvolvemento da motricidade fina e a creatividade

Material:

  • Fariña
  • Aceite corporal
  • Vaso

Descrición: Botamos nun recipiente dúas tazas de fariña e un cuarto de aceite corporal, mezclámolo todo e quédanos unha area para poder modelar. E xa temos a nosa Area máxica!

 

 

 

 

Colaboración familia-escola

 

Aquí vos presentamos unha proposta compartida entre familia e escola que nos achega a escola infantil de Fene para que poidades realizar conxuntamente nestes días coas vosas fillas e fillos. A proposta que nos remiten é a seguinte:

“Hoxe queremos facervos eco da referida a decorar fiestras e balcóns. Arcos da vella, mensaxes optimistas, flores e manualidades varias; para que as meniñas e os meniños se comuniquen a través da arte, se sintan máis preto unhas das outras e devolvan aos maiores, que tamén os contemplan, o sorriso na faciana, tan sequera, por uns intres.

Pois ben, queremos animarvos a esta decoración pendurando cousiñas nas fiestras. Recomendámosvos o uso de elementos de refugallo, xa que numerosos envases poden converterse en fermosos colgantes que abanee o aire.

Cando todo isto remate e poidamos voltar, gustaríanos que cada unha de vós nos achegara o seucolgante para pendurar no enreixado da escola. As nenas e os nenos gozarán facéndoo e suporálles deixar atrás a situación de quedar na casa durante todo este tempo. 

Para os maiores, agardamos que simbolice: 

Por un lado, unha merecida homenaxe a todas as persoas que nos coidaron durante estes días: persoal médico, persoal do sector da alimentación, forzas de seguridade, persoal de mantemento, persoal de transporte e infraestruturas esenciais,…

E por outro, un bálsamo para as feridas invisibles que, sen dúbida, quedarán en moitos corazóns. Moitas grazas e apertas!!