Boas tardes de luns!
Arrancamos a semana cunha pequena recopilación das cousiñas que traballamos en maio, a ver se non nos queda nada atrás!
Imos comezar cunhas fotiños de algo que xa botamos de menos con tanta choiva… As saidas ó xardín e os ALMORZOS Ó AIRE LIBRE que comezamos en maio, e que parece que xa remataron…

O pan con mel que fan as abellas, encántannos, pero un pouco menos nos gustou a FROITA DA PASIÓN que probamos o mes pasado. Ulir, ulía tan ben coma as flores, pero de sabor…

E seguimos probando máis cousas, coma os FABÓNS e CHÍCHAROS da nosa horta. Pero antes tivemos que traballar duro para debullalos!


Polas Letras Galegas decidimos plantar uns CARBALLIÑOS para poñerlles un nome en galego.

E tamén traballamos o mundo dos BOMBEIROS, antes de recibir a súa visita. Contamos historias de bombeiros, vimos contos do parque de bombeiros, cantamos cancións de bombeiros e pintamos con rotus debuxos de…

E continuamos co tema dos bichiños… coidando dunha familia enteira de CARACOIS! Que logo compartimos cos argalleiros da aula 6, porque eles tamén teñen que comezar a asumir responsabilidades.


E non podiamos rematar co mundo dos bichiños sen facer unhas fermosas e coloridas BOLBORETAS… Primeiro pintamos as súas ás moi delicadamente cos nosos dediños, e logo tamén pintamos as pinzas de madeira que facían de eiruga.
Outro día pegámoslle papeliños de cores, pero antes tivemos que facer pequenas boliñas pequeniñas… Complicadísimo!



E finalmente colocamos as bolboretas na entrada da escola, para decorala e para recordarnos o que foi a primavera…
Un biquiño e a difrutar da semana enteira!
Non deixedes que o mal tempo vos corte as ás!
