REUNION XERENTE CONSORCIO MANCOMUNIDADE OURENSE

Xunta e Mancomunidade de Ourense ultiman os trámites para construír unha escola infantil da Galiña Azul en Paderne de Allariz

[21-01-2019] O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez, reuniuse esta mañá con representantes da Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense coa finalidade de ultimar os trámites para a construción dunha escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul no concello ourensán de Paderne de Allariz.

REUNION XERENTE CONSORCIO MANCOMUNIDADE OURENSE

 

No encontro, que tivo lugar na sede do Consorcio, en San Lázaro, en Santiago, xerente e alcaldes pecharon os detalles do convenio de colaboración para a construción do novo centro, que ofertará 41 prazas (3 unidades) e que servirá como recurso para a conciliación das familias, non só do propio concello de Paderne de Allariz, senón tamén doutros concellos da Mancomunidade.

A reunión serviu para establecer a fórmula de cofinanciamento desta actuación, sobre o proxecto construtivo do centro co que xa conta a Mancomunidade, que prevé un investimento total de 535.732 euros, dos que a Xunta, a través do Consorcio, achegará 410.000 euros (cun 80% de financiamento de Fondos Feder da Unión Europea) e, o resto, a Mancomunidade.

Nas próximas semanas o Consorcio remitirá á Mancomunidade o texto do convenio de colaboración definitivo, de tal xeito que unha vez aprobado e asinado por ambas as dúas partes, segundo o calendario previsto por Perfecto Rodríguez e os alcaldes ourensáns, poida procederse á licitación da adxudicación das obras da escola infantil neste primeiro trimestre de 2019, co obxectivo de comezar a súa construción no próximo verán.

O novo centro para nenos e nenas de 0 a 3 anos de idade axustarase ao modelo de cofinanciamento establecido no Acordo Marco asinado pola Consellería de Política Social e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para as escolas infantís e os centros de día xestionados polo Consorcio, posteriormente desenvolvido pola Lei 2/2017, de 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.