Últimas novas
INAUGURACION CURSO EI LUGO FAO

Galicia inicia o curso con 24.081 prazas públicas para nenos de 0 a 3 anos e con 5 novas escolas infantís en Lugo, Santiago, Ourense, A Estrada e Mos

[18-09-2018] O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a comunidade galega inicia o curso con 24.081 prazas públicas para nenos de 0 a 3 anos, case 500 novas prazas máis que o ano anterior, e con cinco novas escolas infantís en Lugo, Santiago, Ourense, A Estrada e Mos.

INAUGURACION CURSO EI LUGO FAO

 

Núñez Feijóo aseverou durante unha visita ás instalacións da nova escola infantil da Fundación Amancio Ortega en Lugo, que a cifra de oferta pública –a maior en número de prazas de escolas infantís da historia da comunidade- sitúa a ratio de cobertura en Galicia nun 41,6%, oito puntos por riba da ratio mínima aconsellada pola Unión Europea; unha cifra similar á provincia de Lugo que conta cunha oferta total de 2.653 prazas públicas.

O titular do Executivo autonómico recordou que a rede pública de escolas infantís é un dos piares nos que se asenta o Programa de apoio á natalidade. Unha iniciativa que se complementa coa posta en marcha doutras medidas como o Bono Concilia, que este curso conta con 3,4 millóns de euros ampliables para axudar ás familias que residan nun concello onde non existen centros sostidos con fondos públicos, así como a aquelas que non obtivesen praza nas escolas infantís de 0 a 3 anos da rede autonómica ou dependentes dos concellos, cumprindo así un ano máis o compromiso de que non haxa lista de espera para entrar nunha escola infantil.

Sobre este punto, salientou, ademais, que as mulleres vítimas de violencia de xénero terán prioridade no acceso a este bono e poderán presentar a solicitude fóra do prazo establecido.

Outras iniciativas

Cómpre destacar outras iniciativas como as casas niño, un servizo destinado aos núcleos rurais de Galicia que debido á súa escaseza de poboación carecen de servizo de atención continuada para os nenos de 0 a 3 anos. Un servizo que xa está a levar a cabo en 46 concellos, 40 pertencentes ás provincias de Lugo e de Ourense.

Así mesmo, referiuse ao Bono Coidado, para o coidado puntual dos menores de 12 anos no domicilio familiar cando circunstancias imprevistas impidan a súa realización ás persoas que normalmente desenvolven esta función; ou as escolas infantís en contornas empresariais, cunha en marcha desde o curso pasado en Narón e outras dúas que abrirán as súas portas no futuro en Mos e A Pobra do Caramiñal.

Feijóo lembrou tamén que o permiso por maternidade para as empregadas públicas aumentou de 20 a 22 semanas; que a Tarxeta Benvida se estendeu ata os tres anos para as familias con rendas baixas; e referiuse á futura posta en marcha dunha nova bonificación nas taxas das escolas infantís do 25% para o segundo fillo e do 50% para o terceiro e sucesivos.

O presidente da Xunta concluíu agradecendo á Fundación Amancio Ortega o seu compromiso cos máis cativos en colaboración coas administracións autonómica e locais. Non en van, grazas a esta nova infraestrutura, que pasará a formar parte da rede A Galiña Azul, a cidade de Lugo conta cunha oferta de 82 prazas públicas máis para nenos de 0 a 3 anos. “En total, estamos a falar de 852 prazas públicas que sitúan a ratio de cobertura desta cidade no 34%, un punto por riba da ratio mínima aconsellada pola Unión Europea”, concluíu.