Últimas novas
VISITA EI MOS FEIJOO

Feijóo apela á implicación conxunta das asociacións empresariais, dos concellos e da Xunta para que conciliar a vida laboral e familiar sexa cada vez máis doado

[13-11-2018] O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe á implicación conxunta das asociacións empresariais, dos concellos e da Xunta para que conciliar a vida laboral e familiar sexa cada vez máis doado, “para seguir traballando xuntos, en definitiva, polo futuro de Galicia”, aseverou.

Durante unha visita á escola infantil A Galiña azul A Veigadaña, Feijóo fixo fincapé na importancia de que as empresas se impliquen tanto para investir en escolas infantís como para dar facilidades e flexibilidade ás nais e pais, e de que os concellos se impliquen para que todo aquel que queira construír unha escola infantil non atope atrancos senón todas as facilidades posibles.

VISITA EI MOS FEIJOO

Nesta liña, asegurou que todos os axentes sociais atoparán sempre na Xunta un aliado cando toque falar de conciliación. Un compromiso que se reflicte, por exemplo, na posta en funcionamento desta nova escola infantil que, cun investimento dun millón de euros, conta cun total de 82 novas prazas públicas.

Logo de precisar que, con esta nova infraestrutura, Mos incrementa nun 75% o número de prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos –pasando de 109 a 191-, cunha ratio de cobertura do 52%, case 20 puntos por riba do óptimo recomendado pola Unión Europea, Feijóo subliñou que o concello dispón xa de tres Galiñas azuis –Coto Torrón, Porteliña e Veigadaña-, ademais dos Bonos Concilia, cos que a Xunta axuda a financiar unha praza nunha escola infantil a quen non dese accedido a unha gardería pública. “E antes de que remate o ano, Mos disporá doutra escola infantil máis neste polígono industrial”, avanzou. Unha obra que, impulsada pola Asociación de Empresarios, contará cunha achega da Xunta de 200.000 euros ao abeiro da liña de axuda para abrir escolas infantís en contornas laborais.

Sobre este punto, o responsable do Executivo autonómico aseverou que a Xunta seguirá impulsando esta liña de axudas, unha iniciativa que xa permitiu impulsar en toda Galicia tres infraestruturas deste tipo en polígonos industriais: unha no do Río do Pozo, en Narón, que xa está funcionando; outra a de Mos, que comezará a funcionar nas vindeiras semanas; e unha terceira no polígono da Tomada, na Pobra do Caramiñal, cuxa apertura está prevista para o vindeiro ano 2019.

Feijóo aseverou que a aposta do Goberno galego no que se refire á conciliación e atención á infancia permite que hoxe a Comunidade conte con máis de 24.000 prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos, o dobre que en 2009, ás que se sumarán en 2019 máis prazas públicas; con 46 casas niño, que dan máis opcións ás familias dos concellos pequenos e ás que pronto se unirán outras 15; con máis fondos para a Tarxeta Benvida e o Bono Concilia; con melloras no Bono Coidado, para permitir que tamén financie o custo dunha ludoteca; e ampliando ata as 24 semanas o permiso de maternidade para as empregadas públicas, unha medida que, ademais de beneficiar a estas familias, pretende servir como referencia para as demais institucións e para o sector privado.

Por último, o presidente da Xunta afirmou tamén que Galicia incidirá na xuntanza convocada pola alta comisionada para o reto demográfico na necesidade de afrontar conxuntamente a mellora da tendencia demográfica, “porque está en xogo o futuro de Galicia, de España e tamén de Europa”. “Iremos a esta xuntanza non como oíntes, senón como a comunidade autónoma que máis recursos destina en materia de demografía, xunto co País Vasco e Madrid. E queremos que eses recursos tamén estean financiados polo Goberno central e pola Unión Europea”, dixo, asegurando que Galicia levará a esta xuntanza propostas de sensibilización para o Goberno central, para as empresas, para os concellos e para o conxunto da sociedade.