CONSORCIO ENTREGA PREMIOS REFUGALLANDO

As escolas infantís da rede “A Galiña Azul” de Sada e Arteixo gañan os dous primeiros premios do certame “Refugallando Cartón” en categoría 0 a 3 anos

[21-06-2017] As escolas infantís de Sada e Arteixo-Pastoriza, pertencentes á rede “A Galiña Azul” da Xunta de Galicia e xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, da Consellería de Política Social, lograron obter o primeiro e o segundo premio, respectivamente, do II Concurso de Iniciativas Medioambientais do Consorcio das Mariñas “Refugallando Cartón”, en categoría 0 a 3 anos.

 

O certame “Refugallando Cartón” está dirixido a nenos de 0 a 6 anos de escolas de educación infantil situadas nos concellos dese Consorcio, co obxectivo segundo as súas bases de “promover hábitos positivos cara á reciclaxe, reutilización e redución do papel e do cartón nos centros escolares, dende a primeira infancia”.

 

Entrega do premio á escola infantil de Sada

Entrega do premio á escola infantil de Sada

 

Os traballos que lograron acadar o primeiro e segundo premio do concurso en categoría 0 a 3 anos foron “Conduce a túa vida reciclando”, no caso da escola infantil de Sada, que recibiu 600 euros en material escolar, e “Non é unha caixa”, no caso do centro de Arteixo-Pastoriza, que obtivo 400 euros, tamén en material escolar.

O xurado destacou do traballo de Sada “a creatividade e orixinalidade do proxecto que consigue interrelacionar a reciclaxe coa educación cidadá e o respecto polo medioambiente”, subliñando no de Arteixo “a variedade de actividades individuais e grupais e a imaxinación nas propostas realizadas, así como o desenvolvemento psicomotriz e emocional do alumnado”.