APERTURA MATRICULA

Aberto o período ordinario de matriculación nas escolas infantís da rede “A Galiña Azul”

[09-03-2018] O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá a escola infantil do Toxo, coincidindo coa apertura do prazo de solicitude de praza para o curso 2018-2019 nas escolas infantís da rede autonómica “A Galiña Azul”, que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) e esta páxina web na súa sección “Anuncios”. Na visita tamén participaron a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez.

APERTURA MATRICULA

 

As familias galegas teñen un prazo que abrangue desde mañá, 10 de marzo, ata o vindeiro día 9 de abril, para solicitar a inscrición dos seus nenos e nenas nas 10.264 prazas de 0 a 3 anos ofertadas para o curso 2018-2019 nas 172 escolas da rede autonómica “A Galiña Azul” -145 escolas xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e as 27 restantes, pola Axencia Galega de Servizos Sociais-.

Esta cifra supón 484 prazas máis que no actual curso, o que equivale a un aumento do 4,7%, que resulta da entrada en funcionamento de cinco novas escolas en Santiago, Lugo, Ourense, A Estrada e Mos, e do regreso á actividade da escola infantil de Santa Susana en Santiago, logo das obras de mellora acometidas nela. Rey Varela apuntou que con estas novas prazas “achegámonos ao obxectivo que nos temos fixado para esta lexislatura de crear 1.000, polo que soamente en dous anos teremos cumprido practicamente o 50% deste compromiso”.

Ademais, o conselleiro apuntou que as 10.264 prazas da “Galiña Azul” compleméntanse coas prazas sustentadas con fondos públicos en escolas, tanto de iniciativa social, como privadas, en centros de titularidade municipal, nas escolas infantís do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e da Universidade, así como as que se corresponden coas axudas do programa Bono Concilia. Así as cousas, no seu conxunto, a Xunta porá a disposición das familias no vindeiro curso escolar 24.081 prazas de 0 a 3 anos, o que continúa situando a ratio de atención por riba do 40%, sete puntos máis que a media aconsellada pola Unión Europea.

APERTURA MATRICULA2

O responsable da área social do Goberno galego aseverou que a conciliación é un dos eixes prioritarios para a Xunta, pois “queremos familias nas que os pais e as nais teñan tempo para os seus fillos, as súas actividades profesionais e tamén para eles mesmos”. Nesta liña, apuntou que apoiar as familias mediante máis axudas e servizos de conciliación como son as escolas infantís “contribúe a crear a contorna social máis favorable para o desenvolvemento das mesmas e é a mellor maneira de afrontar o presente e futuro da nosa terra”.

Neste compromiso coa infancia e as familias, enmarcou medidas que este departamento autonómico desenvolve ao abeiro do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia), como a Tarxeta Benvida, os Bonos Concilia e Coidado, o aumento da rede autonómica de prazas en escolas infantís de 0 a 3 anos e tamén das bonificacións previstas nos prezos públicos establecidos para o segundo e terceiro fillo ou filla, ou o impulso de novos recursos de conciliación en contornas rurais e empresariais.

Por último, Rey Varela apuntou que a mellora da atención educativa nas idades máis temperás implica contar con espazos apropiados que contribúan tanto ao benestar dos nenos e nenas como do persoal docente. Ao respecto, lembrou que a Consellería de Política Social está a levar a cabo desde o ano 2016 un programa de actuacións nas escolas infantís, co obxectivo de que os nenos e nenas teñan as mellores instalacións. No marco deste programa, no centro do Toxo que na xornada de hoxe visitou realizáronse diferentes traballos de adecuación e reformar por valor de 70.000 euros. Esta escola infantil pontevedresa dá servizo aos familiares dun centenar de nenos e nenas entre os 0 e os 3 anos de idade.

A oferta da rede de prazas públicas en escolas infantís da Galiña Azul de cara ao vindeiro curso 2018-2019 increméntase nas catro provincias. Así, a da Coruña contará con 4.265 prazas, a provincia pontevedresa disporá de 3.637, a de Ourense de 1.239 e nos municipios pertencentes á provincia de Lugo póñense a disposición das familias 1.123 prazas.

Concurso de prazas

Por outra banda, o pasado mércores día 7, o Diario Oficial de Galicia (DOG), publicou a convocatoria do concurso público para licitar en diversos concellos de Galicia 520 prazas do primeiro ciclo de educación infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos en escolas infantís de titularidade privada, o que supón 96 prazas máis que na liña de contratación que se puxo en marcha en 2015.

O obxectivo é garantir unha oferta suficiente de prazas nas mesmas condicións que nas escolas públicas naqueles concellos onde a rede pública a día de hoxe non cubre a totalidade das demandas das familias. Deste xeito, complétanse as posibilidades de acceso das familias galegas a unha praza sostida con fondos públicos con independencia do lugar de residencia, facilitando a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.