Últimas novas
VISITA_EI_O_PORRINO

A Xunta supervisa as obras de mellora realizadas este ano na escola infantil da rede a Galiña Azul de O Porriño-Torneiros

[23-11-2018] O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado por técnicos da unidade de Obras do Consorcio, visitou esta mañá nese concello pontevedrés a escola infantil de Torneiros, da rede autonómica A Galiña Azul, que oferta 61 prazas (4 unidades) para nenos de 0 a 3 anos no presente curso 2018-2019.

VISITA_EI_O_PORRINO

Perfecto Rodríguez supervisou as obras de mellora realizadas este mesmo ano nese centro, que supuxeron un investimento de máis de 37.500 euros e que financia a Xunta de Galicia través do Consorcio, logo de que foran executadas polo Concello. Seguindo o modelo de cofinanciamento para este tipo de centros establecido no Acordo Marco asinado entre a Consellería de Política Social e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o municipio asumiu inicialmente o custo da actuación, pero ese importe será descontado das liquidacións anuais que o Concello paga ao Consorcio polo funcionamento da propia escola.

A reforma xa rematada incluíu a reparación das cubertas, o arranxo dun pequeno muro de contención de terras no xardín de xogos, a renovación dos peches metálicos do perímetro do recinto, a reparación das cancelas metálicas interiores do recinto, a reparación da cancela principal de acceso desde o exterior, o arranxo do mobiliario da cociña e a reparación e mellora dos xogos e bambáns no xardín exterior. A decisión de acometer esas importantes melloras na escola infantil de O Porriño-Torneiros foi acordada polo Consorcio e o Concello, tendo en conta tamén as necesidades trasladadas polos pais e nais na reunión coa ANPA do centro que Perfecto Rodríguez mantivo no pasado mes de abril.

VISITA O PORRINO2

Ademais da escola infantil de Torneiros, a Xunta conta con outro centro da rede A Galiña Azul no concello de O Porriño, a escola de Doantes, que ofertou para este curso 2018-2019, 61 prazas (4 unidades). A Xunta oferta 200 prazas sostidas con fondos públicos no Porriño, tendo en conta estas dúas escolas, as 16 prazas concertadas na Escola Infantil Navuxil e os 62 Bonos Concilia concedidos ás familias deste municipio. Deste xeito, disponse dunha ratio de cobertura do 33%, na liña do recomendado pola Unión Europea.