VISITA CONSELLEIRA EI SANTA SUSANA2 (22 OUTUBRO 2018)

A Xunta reabre a escola infantil Santa Susana en Santiago tras investir máis dun millón de euros na súa reforma integral

[22-10-2018] A conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a escola infantil Santa Susana, que a semana pasada retomou a actividade unha vez completada unha ambiciosa remodelación na que se investiron 1,1 millóns de euros. A titular do departamento autonómico destacou que coas obras realizadas no centro “hoxe as familias e os seus fillos e fillas teñen á súa disposición un mellor servizo, completamente renovado, máis funcional e cun moderno equipamento”.

VISITA CONSELLEIRA EI SANTA SUSANA (22 OUTUBRO 2018)

Ademais, Fabiola García manifestou que esta intervención responde a dous obxectivos prioritarios para a Xunta de Galicia como son “facilitar aos pais e nais máis apoios para que poidan conciliar ao tempo que os seus fillos e fillas aprenden e se desenvolven cos mellores recursos e nas mellores instalacións”. De feito, a Xunta duplicou nos últimos nove anos o número de prazas en escolas infantís de 0 a 3 anos anos ata acadar preto das 24.400 no presente curso e unha ratio de atención superior ao 41%, 7 puntos por riba da mínima aconsellada pola Unión Europea. “Podemos dicir que hoxe as familias galegas teñen máis oportunidades para conciliar que nunca”, apuntou a conselleira.

Así mesmo, a conselleira reiterou que o Goberno galego “estará sempre ao carón dos pais e nais axudándolles e poñéndolles a disposición cada vez máis recursos, medios e servizos que garanten o benestar dos seus fillos e fillas e, en consecuencia, a súa tranquilidade e confianza”. Nesta liña, destacou o esforzo da Xunta en políticas de conciliación e apoio ás familias coa posta en marcha de novas medidas como a Tarxeta Benvida, os bonos Coidado e Concilia, as Casas Niño no rural ou as escolas infantís en polígonos industriais.

Os traballos executados tiveron en conta que a escola infantil Santa Susana ocupa un edificio singular de principios do século pasado e, como tal, con protección patrimonial. Esta circunstancia levou aparellada un proceso moi esixente e complexo previo ás obras co gallo de garantir tanto a conservación como a posta en valor dos valores históricos, culturais e arquitectónicos dun inmoble que ademais está emprazado nunha contorna singular como é a Alameda santiaguesa.

As tarefas levadas a cabo no centro incluíron, basicamente, a renovación de peches e elementos interiores, a renovación de sanitarios, mobiliario e das antigas instalacións de fontanaría e saneamento. Tamén se actuou sobre a cuberta, os cerramentos exteriores e as carpintarías exterior e interior, para finalmente completar os acabados e revestimentos. Así mesmo, adquiriuse novo material didáctico e de xogo.

A escola infantil Santa Susana retomou a súa actividade con 36 nenos e nenas matriculados en con vacantes en todas as franxas de idade, polo que nestes momentos todas aquelas familias nas que se produza un nacemento ou que non obtivesen praza nalgún centro poden solicitar unha.

Unha Galicia máis social

Por outra banda, a conselleira adiantou a que os orzamentos de 2019 da Consellería de Política Social cumpren co compromiso de avanzar cara “unha Galicia máis social”, superando os 713 millóns de euros —practicamente un 5% máis con respecto ás contas do presente exercicio—. Este incremento tradúcese, sobre todo, nun reforzamento das áreas de conciliación, familia, infancia e maiores.

No caso concreto da cidade de Santiago, Fabiola García destacou dúas actuacións, como son a nova residencia de maiores que se emprazará no barrio de Fontiñas e terá capacidade para 120 persoas, así como a continuidade das obras de mellora da residencia Porta do Camiño.