EI-CD ARTEIXO

A Xunta porá á disposición das familias galegas 22.500 prazas públicas de escolas infantís no próximo curso

[22/05/2017] O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que as familias galegas contarán no vindeiro curso con 22.500 prazas públicas de escolas infantís, co compromiso -reiterou-, de lista de agarda cero. Durante unha visita ao centro interxeracional da Fundación Amancio Ortega en Arteixo (FAO), Feijóo lembrou ademais que a Xunta seguirá poñendo á disposición dos fogares galegos o Bono Concilia para asegurar unha praza concertada ás familias que non logren acceder a unha nunha escola pública.

EI-CD ARTEIXO

 

O titular do Goberno galego referiuse ao centro interxeracional de Arteixo como exemplo da importancia do traballo conxunto entre o sector público e o privado, na aposta polo benestar da sociedade. E, nesta liña, salientou que as 82 prazas da escola infantil, as 40 do centro de día e as 64 da residencia, contribuirán a facer dese concello un lugar mellor para vivir e para conciliar.

O centro, que comezará a funcionar no último cuadrimestre deste ano, súmase ás escolas infantís que, en colaboración coa Fundación Amancio Ortega (FAO), xa se puxeron en marcha en Ferrol, Melide, Cambre e A Coruña. Ao que hai que engadir os proxectos que xa están en distintas fases de desenvolvemento, como o centro interxeracional de Ourense e as escolas infantís para Santiago, Lugo e Vigo.

Feijóo concluíu incidindo na traxectoria da FAO, que contribúe a que Galicia sexa hoxe máis solidaria, con 20.660 prazas máis que en 2009 de centros de día, de residencias para maiores, para persoas con discapacidade, ou de escolas infantís.