HOMENAXE ARQUITECTOS EI MOS2 (5 ABRIL 2019)

A Xunta participa na conmemoración do premio de arquitectura concedido aos profesionais que deseñaron a escola infantil de Mos-A Veigadaña

[05-04-2019] O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez, asistiu esta tarde á homenaxe aos profesionais responsables do deseño da escola infantil de Mos-A Veigadaña. O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) concedeulles a súa distinción na categoría de Equipamentos polo deseño deste centro, que forma parte da rede autonómica da Galiña Azul.
HOMENAXE ARQUITECTOS EI MOS2 (5 ABRIL 2019)
O acto, organizado polo Concello de Mos, contou coa presencia da alcaldesa, Nidia Arévalo, dos propios homenaxeados, Juan Ignacio Prieto López, Faustino Patiño Cambeiro e a mosense Estefanía Grandal Leirós. Tamén asistiron membros da comunidade educativa da escola infantil e representantes do tecido asociativo do municipio.
Perfecto Rodríguez mostrouse moi satisfeito polo galardón obtido polos deseñadores da escola infantil de A Veigadaña e lembrou que os arquitectos da escola de A Baiuca, na Estrada, igualmente integrada na rede A Galiña Azul, tamén foron finalistas nesta mesma edición dos premios COAG. Estes recoñecementos demostran a aposta da Xunta pola calidade dos recursos e equipamentos que están a disposición das galegas e galegos, neste caso para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral ás familias de Mos e dos concellos da súa área de influencia.

A escola infantil de A Veigadaña, que oferta 82 prazas e 6 unidades, caracterízase por ter unha planta circular e unha fachada exterior de chapa metálica ondulada e grecada, que unicamente permite a visión desde o interior, preservando a intimidade nas súas dependencias. Conta cunha ampla sala de usos múltiples, aulas con aseos individualizados, sala de profesores, patio exterior parcialmente cuberto, almacén e cociña.