ESCOLA INFANTIL AS NEVES

A Xunta licita as obras para o traslado e reforma da escola infantil da rede a Galiña Azul nas Neves

[16-02-2019] A Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, publica hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia e no perfil do contratante do Consorcio a licitación das obras para o traslado e reforma da escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul no concello pontevedrés das Neves, que actualmente comparte edificio co centro de saúde e co centro de día da localidade.

ESCOLA INFANTIL AS NEVES

 

As empresas interesadas en acometer o traslado e reforma da escola infantil de As Neves poderán presentar ofertas ata o próximo 13 de marzo e, posteriormente, o prazo de execución será de seis meses. Cando estea rematada a rehabilitación do edificio, que era a antiga vivenda do conserxe, e a escola sexa trasladada a el desde o inmoble actual, permitirá consolidar e garantir o futuro das 20 prazas que oferta o centro das Neves, ao tempo que se mellora de xeito notable a calidade na prestación do servizo.

O investimento total previsto para a realización desas obras, en virtude do convenio de colaboración asinado entre a Consellería e o Concello en xuño do pasado ano, é de 300.000 euros. Deles, o Consorcio, que xestiona a escola, desembolsará 225.000 euros (cunha achega do 80% de Fondos Feder da Unión Europea), mentres que o montante restante, 75.000 euros, corresponderalle ao Concello das Neves.

O novo edificio para a escola das Neves suporá unha notable mellora na prestación do servizo, que en todo momento pretende sobre todo facilitar a conciliación laboral e familiar dos veciños do concello e da súa área de influencia.