REUNION PERFECTO-ALCALDE CEDEIRA2

A Xunta estuda co Concello de Cedeira a posible ampliación da escola infantil da “Galiña Azul”

[09-06-2017] O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez Muíños, mantivo esta mediodía unha xuntanza co alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, acompañado pola concelleira de Urbanismo, Cultura e Deportes, para tratar sobre a posible ampliación da escola infantil da rede autonómica “A Galiña Azul” nesa localidade.

No encontro desta mañá, que sucede ao que mantiveran no pasado mes de xaneiro en Ferrol o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o rexedor cedeirense, Perfecto Rodríguez avanzoulle que a administración autonómica está estudando esa posibilidade, pero tendo en conta que no ano 2015 xa existía un acordo en torno ao proxecto elaborado polo Concello de Cedeira para a ampliación.

REUNION PERFECTO-ALCALDE CEDEIRA2

O xerente do Consorcio cre que a partir dese proxecto, e debido á opción de acceder agora a fondos comunitarios (Fondos Feder), poden introducirse algunhas melloras técnicas (na cociña do centro, na sala de profesores, na sala de usos múltiples…), que son importantes xa que se trata dun centro bastante antigo, que fora subrogado polo Consorcio no ano 2009.

Rodríguez comunicoulle ao alcalde que aínda non se pode concretar a día de hoxe ese investimento, “precisamente porque aínda non coñecemos con que fondos comunitarios contaremos para o orzamento do ano 2018″. En calquera caso, se finalmente é posible a actuación, o Concello deberá co-financiala de acordo co convenio de colaboración que para tal fin se asinará no seu momento.

Nos últimos meses, técnicos do Concello e do Consorcio xa estiveron a traballar na introdución das posibles melloras técnicas sobre o proxecto inicial de ampliación e, na xuntanza de hoxe, o xerente do ente de Política Social propúxolle ao rexedor cedeirense que redacte a partir deste momento o proxecto básico e de execución para a ampliación do centro (incluíndo esas modificacións técnicas), paso previo á preparación e formalización do convenio de colaboración. Xerente e alcalde prevén levar a cabo un novo encontro despois do verán para poder concretar no seu caso os detalles da ampliación do centro.

Deste xeito, o Goberno galego amosa a súa sensibilidade cos problemas de conciliación que puidera ter xerado a elevada demanda de prazas para nenos de 0 a 3 anos que nos últimos anos se rexistrou na escola infantil da rede “A Galiña Azul” en Cedeira.