CONSELLEIRO-ALCALDESA MOS

A Xunta duplicará a oferta pública de prazas de 0 a 3 anos en Mos grazas á construción da nova escola infantil

[05-06-2017] O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, continúa coa súa quenda de encontros cos representantes locais dos municipios galegos cunha nova xuntanza de traballo coa alcaldesa de Mos (Pontevedra), Nidia María Arévalo Gómez. Este encontro enmárcase na liña de diálogo da Consellería de Política Social coas demais administracións públicas de Galicia para xuntar esforzos no ámbito social e optimizar os recursos autonómicos e locais para mellorar a calidade de vida da totalidade da poboación.

A reunión, que tivo lugar no despacho do conselleiro, en San Caetano, os mandatarios galegos abordaron asuntos de índole social que afectan ao concello de Mos e afondaron na cooperación entre ambas institucións, co obxectivo de incrementar o benestar dos veciños e veciñas da localidade.

 

 

CONSELLEIRO-ALCALDESA MOS

Alcaldesa e conselleiro debateron sobre a construción da nova escola infantil de Mos-Veigadaña, que contará cun investimento superior ao millón de euros, dos que a Xunta de Galicia achegará 800.000 euros e, o concello, 200.000. A súa posta en servizo está prevista para o curso 2018-2019 e permitirá a creación de 82 prazas, o que suporá a duplicación da actual oferta pública de prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos nesa localidade. Deste xeito, Mos superará a ratio de cobertura recomendada pola Unión Europea, situándose no 44%. Na actualidade, Mos conta con dúas escolas infantís de cero a tres anos pertencentes á rede Galiña Azul e que ofertan 41 prazas cada unha.

Así mesmo, lembraron o incremento de 396 horas mensuais no Servizo de Axuda no Fogar, grazas ao cal, os veciños e veciñas da localidade contan con 41.388 horas ao ano.

Durante o encontro, Rey Varela fixo fincapé na importancia da colaboración entre administracións para avanzar no benestar de todos os galegos e tendeu a man a seguir colaborando co concello de Mos para acadar ese obxectivo. Deste xeito, o conselleiro comprometeuse a estudar posibles futuras vías de colaboración para mellorar as infraestruturas sociais para maiores no concello, así como a intensificar os servizos en materia de alzheimer para os veciños e veciñas de Mos.