INAUGURACION CURSO EI MONTEPORREIRO (5 SETEMBRO 2017)

A Xunta de Galicia inicia un novo curso nas súas escolas infantís de 0 a 3 anos con máis de 8.000 nenos e nenas admitidos

[05-09-2017] As escolas infantís de 0 a 3 anos da rede pública “A Galiña Azul”, da Consellería de Política Social, inician na xornada de hoxe un novo curso escolar cun total de 8.023 nenos e nenas admitidos. No seu conxunto, Galicia pon a disposición das familias 22.439 prazas sostidas con fondos públicos entre as que pertencen a centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a Axencia Galega de Servizos Sociais, as que dependen de centros de iniciativa social, as incluídas na rede de escolas municipais, as concertadas, as que se ofertan a través do Bono Concilia, as das casas niño e as que xestionan entidades como o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e as universidades.

INAUGURACION CURSO EI MONTEPORREIRO (5 SETEMBRO 2017)

 

A distribución por provincias da lista de nenos admitidos na rede de escolas “A Galiña Azul” é a seguinte: 3393 menores na da Coruña, 2889 na de Pontevedra, 885 na de Lugo e 855 na de Ourense. No que atinxe á lista de agarda, o inicio do curso rexistra 1.178 solicitudes que se poden acoller ao programa do Bono Concilia e recibir unha axuda, que oscila entre os 45 e os 250 euros mensuais en función da renda da unidade familiar, para contribuír ao pago da praza na escola infantil que elixan e que non conte con financiamento por parte da Administración.

Así mesmo, cómpre salientar que na Comunidade se reservan 482 prazas para emerxencias e que o número de vacantes ascende a 1044, a maioría das cales se corresponden con prazas non cubertas do grupo de idade de 0 a 1.

As 22.439 prazas que conforman a rede de escolas infantís en Galicia con investimento público supoñen unha taxa de cobertura do 38%, catro puntos por riba da media aconsellada pola Unión Europea. Ao respecto das novidades deste novo curso escolar, salientar a apertura dos centros da Galiña Azul en Arteixo-Río Tambre e a de Burela-Os Castros.

Outras melloras son que nos períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa está contemplada a apertura dunha escola infantil por localidade independentemente da demanda que exista. Ademais desta medida, que afecta aos equipamentos que xestiona a Axencia Galega de Servizos Sociais, por primeira vez e neste caso tanto nas escolas xestionadas pola Axencia como nas dependentes do Consorcio, ábrese a posibilidade de solicitar un traslado de centro dentro dun mesmo concello por motivos de cambio de domicilio ou lugar de traballo e fóra dos prazos ordinarios.

Precisamente, e coincidindo coa apertura do curso escolar, a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, visitou esta mañá en Ourense a escola infantil Antela. Na visita a visita a este centro, pertencente á Consellería de Política Social e no están matriculados máis dun centenar de nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, tamén participou a delegada territorial da Xunta Marisol Díaz Mouteira. Pola súa banda, o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, acompañado do delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, saudaba aos nenos e nenas da Escola Infantil Monteporreiro.