ESCOLAS INFANTIS

A Xunta de Galicia atenderá todas as solicitudes de praza en escolas infantís de 0 a 3 anos para o próximo curso escolar

[15/05/2017] O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reiterou hoxe que a Xunta de Galicia atenderá todas as solicitudes de praza en escolas infantís de 0 a 3 anos, ao igual que se fixo no presente curso. Así o dixo tras visitar no municipio vigués as instalacións da escola “La gota de leche”, unha das que maior demanda rexistraron para o próximo período escolar 2017-2018.

Rey Varela explicou que a listaxe de admitidos e de agarda -que se pode consultar no portal de Política Social, nas seccións “Anuncios” da páxina web do Consorcio e desta web- ten carácter provisional e que será considerablemente menor cando se formalicen as matrículas, xa que nesta relación están incluídas as familias que marcaron na súa solicitude varias opcións, como outros centros da “Galiña Azul” dependentes do Consorcio ou da Axencia Galega de Servizos Sociais, escolas infantís municipais ou de iniciativa social.

De todos os xeitos, o conselleiro indicou que as familias que finalmente queden en lista de agarda adxudicaráselles ben unha praza concertada ou se lles axudará ao pago da praza nunha escola infantil non financiada pola administración a través do Bono Concilia, axuda directa que oscila entre os 45 e os 250 euros mensuais en función da renda. No que atinxe a este último programa, lembrou que a nova convocatoria conta cun orzamento de 3,4 millóns de euros e presenta importantes novidades co obxectivo de beneficiar a un maior número de familias.
ESCOLAS INFANTIS

Así, entre outras melloras, habilitase a posibilidade de conceder o Bono Concilia a nenos con necesidades específicas de apoio educativo que superen a idade máxima regulamentaria, amplíanse os supostos de admisión ás solicitudes fóra d prazo e ábrese a todas as familias nas que se produza un nacemento, acollemento ou adopción con posterioridade ao prazo de presentación das solicitudes. Ademais, por primeira vez, contemplase o cambio de concello, de residencia ou de traballo da unidade familiar; e se mantén a posibilidade de que opten ao Bono Concilia aquelas familias nas que as dúas persoas proxenitoras traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas e que con dereito a praza pública esta non lles resolva as súas demandas de horario.

A rede de escolas infantís da “Galiña Azul” rexistrou un total de 11.473 familias solicitantes de praza para o vindeiro curso escolar, senso o número provisional de admitidas 7702 e a lista de agarda, tamén provisional, de 3489. Ademais, hai 282 familias pendentes de completar a documentación.

A oferta total de prazas en escolas infantís de 0 a 3 anos en Galicia ascende a case 22.500. Esta cifra sitúa a ratio de cobertura no 38%, catro puntos por riba da aconsellada pola Unión Europea. Nestas preto de 22.500 prazas inclúense tanto as dos centros da “Galiña Azul” como as dos concellos, as de iniciativa social, as casas niño ou as que se habilitan para o persoal funcionario dos Ministerios de Defensa e Facenda, e do Sergas.