Sinatura do convenio para a construción dunha nova escola infantil en Lugo

A Xunta asina coa Fundación Amancio Ortega e o Concello de Lugo un acordo para a construción dunha nova escola infantil

[21/04/2017] O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o director xeral da Fundación Amancio Ortega (FAO), Óscar Ortega Chávez, asinaron esta mañá -en presencia do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez-na sede da FAO un convenio de colaboración que permitirá a construción dunha nova escola infantil no municipio lucense. A Fundación Amancio Ortega investirá 1,5 millóns de euros no financiamento da construción e equipamento deste futuro centro que xerará 82 novas prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, as cales estarán distribuídas en seis unidades –dúas aulas para cada franxa de idade-.

Sinatura do convenio para a construción dunha nova escola infantil en Lugo

Sinatura do convenio para a construción dunha nova escola infantil en Lugo

A escola infantil edificarase nunha parcela de propiedade municipal de 3800 metros cadrados que dá a unha rúa de nova apertura paralela á Avenida Paula Fabio Máximo e que o Concello de Lugo cede ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para levar a cabo este proxecto. Unha vez finalizadas as obras de construción, o Consorcio e o Concello lugués serán os responsables da posta en marcha do centro e da súa integración na rede pública de escolas infantís de Galicia.

Segundo se recolle no acordo de colaboración asinado hoxe, o prazo máximo para o inicio das obras, unha vez posto o terreo a disposición da FAO, será de seis meses. A posta en funcionamento da escola está prevista para o curso escolar 2018-19.