VISITA EI VILA DE CRUCES (1 FEBREIRO 2019)

A Xunta abre unha nova unidade na escola infantil da rede autonómica Galiña Azul no concello de Vila de Cruces

[01-02-2019]

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez Muíños, acompañado polo alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero Varela, visitou esta mañá e compartiu coas nenas e nenos a xornada na escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul nese concello, na que a Xunta de Galicia vén de abrir unha nova unidade, co que pasará de 3 a 4.

VISITA EI VILA DE CRUCES2 (1 FEBREIRO 2019)

 

A escola infantil de Vila de Cruces, que oferta un máximo de 61 prazas, viña experimentando un incremento de usuarios nos últimos tres cursos, nos que rexistrou arredor dos 40 matriculados. A apertura da nova unidade permite polo tanto que neste curso 2018-2019 se satisfaga esa demanda crecente e que o centro acade por primeira vez na súa historia os 50 alumnos matriculados. Esta cifra inclúe xa aos que se incorporarán neste mes de febreiro, logo do procedemento extraordinario de matrícula que se abre todos os anos nas escolas da rede.

A día de hoxe, a escola infantil da Galiña Azul en Vila de Cruces é o único recurso de conciliación nese concello, tanto público como privado, para pais e nais de pequenos de 0 a 3 anos. Este concello pontevedrés supera na actualidade o 80% de taxa de cobertura de atención educativa á primeira infancia. O centro de Vila de Cruces, ten un carácter supramunicipal, polo que tamén presta servizo a familias doutros concellos da súa área de influencia que non contan con recursos de conciliación.
Máis de 340 novos alumnos na rede

A Xunta vén de abrir unha nova unidade noutras oito escolas infantís da rede autonómica A Galiña Azul nos concellos de Cerdedo-Cotobade, A Laracha, Mondoñedo, Narón, Ourense (Centro Interxeracional), A Merca, A Estrada e Oza-Cesuras. Esta medida supón a incorporación ao conxunto da rede, a partir deste mes de febreiro, de máis de 340 novas nenas e nenos, como consecuencia do último período extraordinario de matrícula.

Cómpre lembrar que a Administración autonómica puxo en funcionamento no inicio do curso 2018-2019 cinco novas escolas infantís (Mos-A Veigadaña, A Estrada, Santiago-Castiñeiriño, Lugo e Ourense-Centro Interxeracional), que supuxeron o incremento en 402 prazas a oferta da rede galega A Galiña Azul, de tal xeito que esta pasou de 9.811 no curso 2017-2018 ás 10.289 do curso actual.