Últimas novas
VIOLENCIA DE XENERO

A rede de escolas infantís da Galiña Azul súmase á campaña da Xunta polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero

[24-11-2018] As escolas infantís para nenos de 0 a 3 anos da rede autonómica A Galiña Azul sumáronse durante esta semana á campaña institucional da Xunta de Galicia co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, que se conmemora mañá, domingo 25 de novembro.

VIOLENCIA DE XENERO

Nenos e nenas, profesionais e familias das escolas da Galiña Azul participaron en diversas actividades baixo o lema da campaña, que este ano é: “Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta. Sen ningún xénero de dúbidas. Non”. A actividade principal que desenvolveron neses centros consistiu na conformación da verba “non” por parte dos pequenos, dos profesionais e dos familiares, portando nas súas mans carteis de cor morado, que simboliza a loita das mulleres polos seus dereitos. Dese xeito, os propios nenos e as persoas implicadas no coidado deles, quixeron expresar o seu claro rexeitamento a esa lacra que padece á nosa sociedade e a defensa, como única vía posible para unha convivencia harmónica, do respecto mutuo entre homes e mulleres.

PERFECTO VIOLENCIA DE XENERO

Perfecto Rodríguez, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, organismo que xestiona 145 das 171 escolas infantís da rede A Galiña Azul, tamén participou nalgunha das actividades cos pequenos, nas súas visitas do venres, 23 de novembro, aos centros de O Porriño-Torneiros e Salvaterra de Miño.

A campaña institucional da Xunta de Galicia, organizada pola Secretaría Xeral da Igualdade, rematará na xornada de mañá coa sexta edición da andaina “Camiño ao respecto”, na que os participantes percorrerán desde as 10,00 da mañá a distancia entre o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. Á finalización desa marcha, en torno ás 12,30 da mediodía, está prevista a lectura dun manifesto contra a violencia de xénero.