Xornada UDC 7 novembro_foto 1

A rede “A Galiña Azul” participa na xornada “Educación Infantil, equidade e igualdade de oportunidades” na Facultade de Ciencias da Educación da Coruña

[07-11-2017] O equipo educativo da rede autonómica de escolas infantís “A Galiña Azul” xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar participou o pasado 7 de novembro na xornada “Educación infantil,  equidade e igualdade de oportunidades”, que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, organizada polo seu Departamento de Pedagoxía e Didáctica.

O encontro ía dirixido ao alumnado do segundo curso do Grao de Educación Infantil e nela participaron profesionais do primeiro e do segundo ciclo desta etapa educativa. Na xornada tratáronse cuestións como o marco lexislativo, as intencións e prácticas educativas que consideran e promoven unha educación nesas primeiras idades que aposte pola equidade e igualdade de oportunidades para todos os nenos.

Xornada UDC 7 novembro_foto 1

Os membros do equipo educativo de “A Galiña Azul” destacaron, dende o punto de vista do proxecto educativo destas escolas infantís, a importancia de levar a cabo planificacións e actuacións pensadas-centradas nos nenos, pero en estreita colaboración coas familias e cos distintos axentes do contorno.

Esa perspectiva inclúe ter en conta unha organización de espazos, materiais e tempos que fomenten a actividade dos cativos, respectando as súas características propias, necesidades, intereses e ritmos individuais e dando resposta á súa diversidade. Os profesionais da escola deben promover  un clima onde o adulto acompañe e permita a individualidade, faga unha escoita activa do que se precisa en cada momento e dinamice un mundo de relacións e comunicacións que fomenten unha apredizaxe continua cos outros.

Ademais dos diferentes materiais audiovisuais e presentacións, na xornada houbo tamén momentos para o diálogo conxunto e mailo intercambio e reflexións sobre as prácticas educativas enfocadas á construción de escolas e centros educativos da infancia nos que se viva a inclusión, a xustiza e a igualdade de oportunidades.

Coa participación nesta actividade da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, o equipo educativo continúa desenvolvendo unha das liñas de acción do seu traballo: difundir e dar a coñecer cales son os piares básicos e as maneiras de facer do proxecto educativo da rede “A Galiña Azul”.

Xornada UDC 7 novembro_foto 2