XOGANDO COA NEVE NO PATIO

A importancia do exterior – BLOG ESCOLA INFANTIL SOBRADO

Primeiros de Febreiro na escola de Sobrado

Anotamos nos documentos de centro que potenciaríamos na nosa escola o xogo no exterior tódolos días do ano, sen importar a climatoloxía, posto que sabemos que xogar ao aire libre é tan importante como durmir.

 

comedor exterior en xaneiro

Un descanso na sombra no exterior

Que as nenas e nenos xoguen no exterior ofrécelle moitos beneficios.

É un dos principais espazos para que as nenas e os nenos se desenvolvan física e socialmente. Xogar no exterior da a posibilidade de explorar e moverse, accións básicas para aprender sobre o mundo que as rodea. Ademais, estar en contacto coa natureza fortalece o sistema de comportamento, xa que fomenta a creatividade, a adaptación ás diferentes situacións, seguridade, o interese e a motivación, sensibilidade, habilidades comunicativas e socioafectivas. Tamén fai que se fortaleza o sistema inmunolóxico, xa que cando están en espazos cerrados e con pouca ventilación é un caldo estupendo para a propagación de virus.

Descubrindo a neve

Explorando co xeo

Como o exterior é tan importante para o benestar e o desenvolvemento das nenas e dos nenos, éun dos principios metodolóxicos da escola de Sobrado.

 

Desprazandose cara a neve

Aprendendo a camiñar sobre a neve

O espazo exterior planifícase do mesmo xeito que os demais espazos da escola, dando igual, polo tanto, a climatoloxía, que chova, que faga vento, que neve, que faga sol, que sexa inverno, outono, primavera ou verán, aínda que, adquire mais protagonismo cando vai bo tempo, xa que ademais do xogo, a maior parte das actividades do cotiá son feitas no exterior, como o descanso, o tentempé ou ben o xantar, e, o coidado e mantemento da horta da escola.

A meteoroloxía regálanos situacións inesquecibles e con moitísimas posibilidades, así que cun mínimo complemento xa temos propostas divertidas e diferenciadas, tan só hai que esperar a acción e o interese que provocarán nas crianzas.

Como en calquera outra acción que se leve a cabo na escola contamos coa decisión dos nenos e nenas para saír, ou quedar no interior, polo que se planifican estratexias organizativas flexibles, e lévanse a cabo unha presentación dos espazos que provoquen o máximo interese e que sexan ricos en experiencias de xogo, variados e que atendan á diversidade de intereses e idades.

Algunhas familias ou mesmo profesionais cuestionan o xogo no exterior. Consideran que é propicio á suciedade, á inseguridade, e ás enfermidades, obviando os beneficios que aportan. Dende a escola intentamos facerlles entender, e argumentamos coas estratexias que se levan a cabo: poñer roupa e calzado axeitado para o exterior, unha rápida, organizada e individualizada hixiene das nenas e nenos, e outras …

Mudándonos despois de vir do exterior

Saír ao exterior é un gran esforzo para os profesionais. Requírese unha boa organización entre o equipo educativo. É mais doado quedarse dentro da escola xa que así os nenos e nenas apenas se ensucian, non é necesario mudalos por completo, tampouco é preciso andar vestíndoos e desvestíndoos, ou andar planificando zonas para iso, tampouco co calzado, e menos estar pensando nas propostas lúdicas do exterior, tendo xa bastante que organizar no interior, pero,… deixaríamos ás nosas nenas e nenos sen eses beneficios? Na escola de Sobrado apostamos decididamente polo desfrute da Natureza durante calquera época do ano.

Achegamos unha nova de interese, e esperemos que vos gusteLos pediatras ‘recetan’ naturaleza y juegos al aire libre para mejorar la salud”:

http://www.elmundo.es/ciencia-y-salud/salud/2017/12/03/5a2156c7ca4741e4288b45a7.html

Moito exterior e moita saúde.

Ata a próxima!!!!