AXENDA ESCOLAR

A axenda escolar – Blog escola infantil Tui

[09/04/2017] A axenda escolar é unha ferramenta de comunicación e como tal o seu principal obxectivo é que familia e escola podan informarse mutuamente dos aspectos básicos dos nenos.

É por iso que a axenda non debe considerarse unha ferramenta exclusiva do profesorado, unha das súas finalidades é actuar como nexo de unión entre os tres protagonistas educativos: alumando, familias e docentes.

Por unha banda, a axenda é un instrumento para que as familias podan estar ao día dos coidados básicos, ou incidencias no tempo que os seus fillos permanecen na escola, e por outra, serve tamén para informar ao profesorado de cuestións relativas ás necesidades das súas fillas ou fillos.

A axenda non é a única ferramenta dispoñible para que as familias se manteñan informadas: para cuestións relacionadas coa organización do centro empregamos circulares e recentemente a aplicación Tokapp School, sobre a proposta pedagóxica da escola o blogue e a páxina de facebook, en relación coas actividades da aula os taboleiros de aula e por último informacións máis personalizadas trasladadas directamente polo educador.

Sabemos que a preferida entre todas elas é a axenda, e que en moitas ocasións a información que conten non é suficiente, que se agradecería máis detallada. Pero é difícil equilibrar os tempos de atención ao grupo de nenas e nenos cun traballo que require de certa concetración como é a redacción da axenda, sen perder a dinámica da aula. Con esta cuestión tamén nos enfrentamos coa entrada escalonada de nenas e nenos na aula xa que é moi difícil manter a atención a un conto, construcción ou proposta de xogo calquera e recibir de a pouco ao resto de compañeiros. Bregar coas dificultades sempre enriquece, polo que seguiremos traballando para sacar o maior rendimento posible ás axendas escolares, sobre todo porque observamos a medida que se van facendo maiores a cantidade de accións significativas que desenvolven con elas, e que teñen que ver coa construción da súa identidade:

  • Cando as personalizan as suas familias, o que facilita a súa identificación.

  • Cando as traen ao chegar e as colocan no seu casillero ou na gabeta da súa aula.

  • Cando as van buscar ao seu casilleiro para que o educador poda escribir nelas.

  • Cando observan ao adulto escribir nelas e preguntan pola información que nelas está escrita. Incluso preguntan que pon! Tamén nos pasa no comedor cando anotamos na comanda como están comendo.

  • Cando van por elas á hora de marchar.

  • Cando ao marchar do centro observan que os seus pais len a axenda, sentan no chan a ler tamén. Ás veces len eles a axenda! Será ésta unha das primeiras manifestacións de aproximación á lectura e á escritura?

Clarísimamente parécenos unha estupenda ferramenta de comunicación coas familias, pola que seguimos apostando, e facendo esforzos para mellorar o seu uso, aínda que outras canles de comunicación facilitannos moito o traballo de información e complementan, ao noso parecer, o uso máis personalizado da axenda escolar.

AXENDA ESCOLAR