Arquivos mensuais: Setembro 2009

A PRIMEIRA FESTA DO ANO XA TEN DATA.

 

 Iniciado o curso, e coas bagoas fuxindo da Escola, queremos facer a primeira festa. Gústanos festexar os cambios de estación e A FESTA DAS FOLLAS DE OUTONO é xa toda unha tradición na escola. Necesitamos que aproveitedes un ratiño da fin de semana para coller coas vosas crianzas unhas poucas, crepitantes e livianas, folliñas de outono.  A festa será o luns 21 de setembro. GRAZAS pola colaboración.  

 

 

 

 

CARTA ÁS FAMILIAS

Queridas familias!

 

 Iniciado o curso e o período de adaptación moitos sentimentos afloran ao deixar ás vosas crianzas na escola. 

 

A través da  vivencia de experiencias positivas de separación as vosas crianzas van superando pouco a pouco a ansiedade que lles produce a vosa marcha quedando reducida ao natural sentimento de tristeza que provoca o alonxamento dun ser querido. A tristura pola separación nin se pode nin se debe evitar; é un sentimento indicativo da saúde mental e afectiva. O que temos que evitar e paliar, na medida do posíbel, é a ansiedade, a inseguridade ou a anguria.

 

Como dixemos cada crianza ten os seus tempos e faise preciso respectalos. NON DESESPEREDES!  chegará o momento no que a confianza fará que a vosa crianza quede tranquila na escola. Separarse é necesario para medrar e sentirse seguro/a da capacidade de vivir e sentirse ben sen a presenza dos pais.

 

Non é aconsellábel aproveitar un momento de distracción da crianza para desaparecer, xa que sería iso, unha desaparición e non unha separación polo que xeraría na crianza mais inseguridade e desconfianza cara aos pais.

 

Porque a separación é dificil, convén que a despedida sexa CORTA, INTENSA, RÁPIDA E SEREA. As dúbidas na marcha non fan mais que prolongar o sufrimento creando na crianza a falsa expectativa de que ao final non marchará a nai ou o pai.

 

Non dubidedes  en comentar as vosas dúbidas e inquedanzas o/as educador/as ou en dirección ENTRE TODAS E TODOS PODEMOS MELLORAR A ADAPTACIÓN !

 

Agradecervos, finalmente a colaboración neste proceso e ÁNIMO que dentro duns meses a alegría das crianzas na escola fará que esquezades estes malos ratos iniciais.

 

 

 

Unha Aperta.