Arquivos mensuais: Setembro 2009

FEITIZO NA FESTA DE OUTONO

   Chegou o outono e na Escola gústanos dar a benvida ás estacións cunha pequena festa que nos una a natureza no seu devir de cambios. Caen buliciosas as crepitantes folliñas de outono para ledicia das crianzas. Caen e adormecen durante o inverno para bulir de novo na primavera metamorfoseadas en flores e herba.

  

   Cores ocres e dourados, marróns e agranatados , delicados laranxas en;  noces, castañas, belotas, cabazas, uvas e cogomelos.

 

   Ensinar ás crianzas a coñecer, respectar e gozar da natureza é unha boa semente para o futuro coidado do planeta que estará nas súas mans.

 

   A traveso das fotos comprobaredes coma unha sinxela festa de follas de outono, que as crianzas apañaron  coas súas  familias,  fai a ledicia de grandes e pequenos.

 

 

Música por cortesía de MAMÁ CABRA 

  

 

LEMBRANDO A XOÁN GARCÍA

Xoán García é o avó de Mateo, un pequeno da aula dos trens que está iniciando o seu derradeiro curso na Escola. No lonxano  curso 07-08, cando Mateo estaba na aula dos bebés,  Xoán se achegou ao centro para contarnos un conto co galo do 23 de abril “Día Mundial do libro e dos dereitos de autor.”

Aquel conto que o seu avó escribira  iluminou a cariña de crianzas e de adultos. Hoxe, pasado o tempo, queremos que as novas familias que formades parte da Comunidade Educativa da Escola Infantil Fene disfrutedes, tamén, da beleza deste conto:

Lede con  atención e repetide todo o subliñado.

 

RATIÑO

Lonxe, moi lonxe,moi lonxe,
Cerca, moi cerca moi cerca,


Había un longo buraco
No que vivía RATIÑO.
 

RATIÑO con oito irmáns
E os seus queridos papás,
a familia Rataplás,
saían tomar o Sol
Polas tardes, un pouquiño.
 

RATIÑO non tiña pelo,
Pois era un rato noviño
e o sol quentáballe a pel
e poñíao mouriño.
 

Protexido cunha verza
Da horta do tío Farruco
Marabillado quedou
Cando oíu cantar ao cuco.
 

Cu-cú, cu-cú, cu-cú
“Entre marzo e abril,
sae o cuco do cubil”,
dixo súa nai Ratalinda.
 

Ao cuco – cuco – cunqueiro,
Cantareiro e saltarín.
Ao cuco – cuco – cunqueiro,
Voador e peregrín:
Cucando, saltando

Voando, eu o vín.

Cando o sol ía marchando
tras os  montes de Ferrol,
dixo papá “Ratovello “:
Ala!, ratiños todos,
Que xa vai ser noite pecha,
Recollede os xoguetes.
Imos á casa.

E, un a un,
Foi chamando neles.
Ratiño……….Si papaiño.
Raticida……..Agora.
Ratibrón…….Aquí estou.
Ratchula…….Si.
Ratulón………Xa vou.
Rataforte…...Vai.
Ratulador……Son eu o do rabo de color
                      Ratoxoguetón…Oh!, pai…agarda un pouquiño que aínda hai unha pinga de día.

 

Veña metédevos dentro que anoitece, e de noite, todos os gatos son pardos e non os vemos, e eles a nós si, con eses ollos como luces que brilan e queiman.

Familia Rataplás, todas e todos dentro, dexeron os papás ao mesmo tempo. 

Ducharse, cear, ver un pouquiño os Lunnis e a durmir, que mañá é día de escola.

 


Vale mamá. Vale papá…Biquiños…múa,múa.múa.
 

XOÁN GARCÍA
En Perlío Fene, a 23 de Abril

 

CESTO DOS TESOUROS

O CESTO DOS TESOUROS

 

Unha señora chamada Elinor Goldschmied, alá polos  lexanos anos 80, deseñou este xogo que, coma veredes,  da resposta ao interese das nosas crianzas polas características dos obxectos (forma, cor, peso, cheiro,…)

 

Un cesto estábel,  obxectos de orixe natural ou feitos con produtos naturais (noces, piñas, cabazas cortizas, pinzas da roupa, argolas de madeira, culleróns de metal, coiro, caucho, espellos, novelo de la, rolo de papel, plumas,…) as nosas crianzas máis pequenas  e todo listo para sumerxirse no fantástico universo da percepción sensorial. 

 

Texturas, formas, temperatura e peso para o tacto da pel máis suave do mundo.

Para os ollos mais feiticeiros e descubridores  brillos, novas cores e  luminosidade.

Cheiros e novos aromas  para os pequenos narices.

E para esas orellas avidas de sons, música e vida obxectos para axitar, golpear, raspar, rasgar,…

 

 

XOGO HEURÍSTICO: 1, 2 , 3 COMEZAMOS!

 

  O xogo heurístico xa está instalado na escola. As primeiras experiencias tiveron lugar na aula de 1-2 anos e, en breve, iniciarase, con todo o seu potencial, nas aulas dos trens e  dos foguetes espaciais.

 

  O xogo heurístico é unha actividade de xogo, onde as crianzas interactúan con diferentes tipos de materiais. É unha continuación do cesto dos tesouros que xa fixeron as crianzas o curso pasado.

 

  Este xogo está relacionado coa aprendizaxe constructivista no que a crianza é a protagonista das súas aprendizaxes (investiga, descobre,..) partindo do que coñece.

 

  Favorécese a aprendizaxe por descubrimento, o coñecemento da realidade, a autoestima e respecta o ritmo e as necesidades de cada nena/o.

 

  O mesmo que no cesto dos tesouros, o xogo heurístico tamén desenrola capacidades cognitivas (comprender, relacionar, coñecer…), perceptivas (visión, oído, tacto, gusto, olor), corporais (motricidade grosa, fina), éticas (respectar, colaborar…),  afectivas (disfrutar, valorar, querer…), sociais (colaborar, compartir…).

 

  As crianzas descobren a través dos sentidos as características dos obxectos  que manipulan, adquirindo así novas aprendizaxes.

 

GRAZAS familias pola vosa achega de materiais á escola.