Arquivo da categoría: VIDEOTECA

Canal youtube_o mundo en cueiros

Nesta ocasión queremos compartir con todos vós o documental “El mundo en pañales”, no que se analiza o comportamento dos bebés dende o momento do parto ata os tres anos de idade,

A serie documental consta de seis capítulos que nos axudan a ver o mundo dende os ollos dos bebés. A continuación tedes o primeiro capítulo do documental pero se estades interesados podedes disfrutar do filme a través do noso canal youtube


A REFLEXIÓN EDUCATIVA A TRAVÉS DO VÍDEO

O vídeo é un recurso que pode resultar moi útil no noso día a día xa que:

  • Ofrécenos a posibilidade de captar e reproducir situacións tanto visuais como auditivas do ambiente, o que permite documentar a experiencia cotiá das crianzas, os seus procesos de desenvolvemento así como observar e autoavaliar o proceso educativo que estamos a desenvolver para poder melloralo.
  • Permite rexistrar fielmente a realidade a través de informacións visuais e sonoras, dándonos a posibilidade de efectuar unha análise completa, dende diversos focos de atención e perspectivas en diferentes momentos e circunstancias.
  • A reprodución de este material posibilita analizar e axustar as propostas ás potencialidades e intereses das crianzas, facer un seguimento dos procesos de aprendizaxe e reflexionar tanto individualmente como colectivamente co resto do equipo e coas familias.
  • Este tipo de documentación da a coñecer ás familias e a comunidade o entorno educativo que oferta a escola resaltando as potencialidades e o protagonismo das nenas e dos nenos nos seus propios aprendizaxes e vivencias cotiás, significativas e positivas.

Nesta entrada queremos poñer no voso coñecemento un novo recurso da rede o canal youtube do equipo educativo, ao que podedes acceder dende a plataforma de youtube (www.youtube.com) sitio web onde podemos compartir e visualizar vídeos de diferentes temáticas. Gracias a este canal poderemos seguir traballando en Rede, xa que nos permite compartir con todos vós, vídeos que nos axudaran a avanzar na mellora educativa no primeiro ciclo de Educación Infantil.

COMO PODE SER A ESCOLA DO MAÑÁ?

O pasado mes de febreiro tivo lugar no Auditorio do Parque das Ciencias de Granada, unha conferencia do psicopedagogo Francesco Tonucci, referente mundial na atención educativa á primeira infancia,  co suxerinte título:

¿Cómo puede ser la escuela para el mañana?”

Na súa intervención fai un percorrido pola escola que foi e a súa evolución ao longo deste últimos anos, centrando o discurso na importancia de facer da escola do mañá unha escola para todase todos non unha escola para uns poucos como acontecía noutros tempos.

Pero na súa análise detecta que a escola actual non é inclusiva nin é para todas e todos,  porque  segue primando e valorando unhas determinadas capacidades en detrimento doutras, desaproveitándose as verdadeiras potencialidades e posibilidades que cada nena e neno ten e que  son fundamentais para sentirse realmente aceptado, valorado e motivado.

Un dos camiños a seguir na procura  dunha escola para todas e todos é a potenciación da mesma  como referente culturalrico e estimulante . Neste sentido é fundamental  coidar moito o deseño dos diferentes espazos e ambientes da escola,  ambientes que sexan amables , pracenteiros e  verdadeiramente  significativos, unha escola  que ofreza a posibilidade de tomar contacto coa música de calidade, cos libros , a literatura , as artes …, en definitiva  unha escola rica en estímulos.

Outro aspecto fundamental que a escola actual  e a escola do mañá ten que ter presente é a apertura de cara ás pequenas e pequenos, ten que serunha escola , onde as e os profesionais tomen conciencia de que o primeiro momento educativo é a escoita.

Que a escola recoñeza a unha crianza capaz, para iso é preciso ofrecer un abano amplo de linguaxes, e confiar na excelencia de cada quen, todas e todos temos a posibilidade de ser bos en algo,é un desafío para a escola, nais, pais e profesionais permitir que nenas e nenos desenvolvan ao máximo as súas potencialidades.

A proposta que Francesco Tonucci fai de cara a realmente construír unha escola inclusiva e de calidade para todos é a partir da mellora na formación dos distintos profesionais , esta é unha chave fundamental para que haxa realmente un cambio , por moito que muden as leis educativas, se as e os profesionais non están formados para atender e formar na diversidade , non se conseguirá realmente unha boa escola.

Isto é un pequeno resumo desta interesante conferencia que vos convidamos a ver e escoitar atentamente para que poidades sacar as vosas propias conclusións, e desexamos que entre todas e todos nós sexamos quen de construír esta escola do mañá.

“Educación Infantil, seis años claves para una vida”

Convidámosvos a ver e escoitar este video “Educación Infantil, seis años claves para una vida”, onde expertos na primeira infancia analizan e dan as chaves dunha escola infantil de calidade:

Escola infantil, que identifican cunha escola creada e pensada para acoller toda a vida das nenas e dos nenos. Onde se teñen en conta as singularidades de cada un e cada unha dos pequenos e pequenas, e que se deseña na súa organización, ritmos e contidos pensando nas necesidades das crianzas, deixando que a infancia actúe coa súa natural  lentitude e dando o maior número de oportunidades para o  seu desenvolvemento integral.

Unha escola transparente, onde as familias poidan participar e colaborar cos e coas profesionais, e onde os adultos acompañan permitindo as crianzas equivocarse, descubrir, investigar e evolucionar ao seu ritmo e por se mesmos.

Se queredes ver e escoitar o vídeo completo premede neste enlace