Arquivo da categoría: Sen categorizar

VISITA Á ESCOLA INFANTIL DE TUI DE CRISTINA ELORZA E LUISA ABAD, OUTRA CONCEPCIÓN DO AMBIENTE NA ESCOLA INFANTIL

O martes 13 de xuño de 2017 visitou a escola infantil de Tui, Cristina Elorza, que actualmente traballa en Bilbao no equipo para a avaliación e a investigación educativa (ISEI) cunha ampla experiencia na educación infantil e primaria. Tamén traballou en asesoramento, formación do profesorado e tarefas relacionadas co desenvolvemento curricular. Habitualmente publica artigos en diferentes revistas educativas e participa activamente en MRP Adarra; tamén pertence ao Consello de Dirección da revista Aula de Infantil e, é codirectora da colección Biblioteca de Infantil. Acompaña a visita  María Luísa Abad, docente que traballaba en orientación educativa na Consellería de Educación e con experiencia na educación infantil. Un dos seus títulos, moi coñecido nas escolas infantís xestionadas polo Consorcio é o Manual para coeducar na escola infantil, formando tamén parte da formación de profesionais realizada no 2008 nun curso “Para Helena un tren e para Marcos unha boneca. A igualdade de xénero na escola infantil”

Esta visita tivo como finalidade o coñecemento da realidade da escola infantil de Tui, sobre todo en relación ao funcionamento dos espazos. Este centro destaca por ter unha concepción do espazo ampla, onde todos se poden empregar e teñen potencial educativo. Esta forma de traballar ten repercusión nas escolas infantís xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e noutros ámbitos educativos de carácter nacional, pódese ver no seu blogue ou en publicacións na revista Aula Infantil, xa que Cristina Llinares, directora da escola infantil, forma parte do consello asesor de Graó. Algúns documentos de centro publicados son:

  • Outros espazos na escola infantil.

  • Abrir as portas da aula. Espazos de xogo alternativos

  • Repensar o patio da escola como espazo educativo.

  • O espazo exterior na escola infantil: un reto educativo.

  • A entrada á escola infantil, un lugar de acollida.

  • O xardín dos sons.

Cristina Llinares fixo un percorrido polas instalacións do centro educativo con Cristina Elorza e Luísa Abad, contando como se concibe cada lugar, para que se emprega e a conexión que existe entre todos na dinámica diaria da escola; vendo in situ o funcionamento dos espazos, xa que a vida da escola estaba en pleno movemento: nenos e nenas interactuando, familias participando e equipo educativo da escola acompañando as accións.

IMG-20170613-WA0018

Neste percorrido Cristina Llinares falou de cada un dos espazos do centro para poder trasladar a concepción e as dinámicas de uso dos mesmos:

- a entrada exterior ao centro, destacando o horto da escola, onde cativos e cativas, familias e equipo coidan, participan e gozan dunha experiencia compartida co cultivo de diversas hortalizas ou prantas aromáticas; un panel de imaxes onde se captan todos os momentos significativos acontecidos durante o curso escolar nos grupos de nenos e nenas de 2-3 anos, deixando unha pegada de historias de desenvolvemento compartido.

IMG-20170613-WA0015

- A entrada da escola, lugar de acollida, de mostra e recollida de materiais, paneis de información, documentación, … que vai mudando e incorporando elementos que son importantes no día a día da escola.

- A biblioteca, local que resultaba insuficiente como sala de persoal, transformouse nun pequeno obradoiro, ao que poden acceder pequenos grupos de nenos para gozar cos libros.

- O corredor con paneis informativos e de documentación, materiais de observación e experimentación, colgadores e lugar para o calzado, para o exercicio da autonomía en vestirse e desvestirse, calzarse e descalzarse.

- As aulas, onde cada unha ten equipamento e material pensado para os nenos /as de cada idade, sendo o lugar de referencia de cada grupo de cativos e das súas educadoras, pero tamén serven como espazos compartidos durante algún tempo por nenos medianos e maiores.

- A sala multiusos, utilízase sobre todo como comedor e como sala de motricidade. O seu funcionamento óptimo require dun plan moi pensado e coidado de utilización que todos respecten.

- A cociña e lavandaría. Mesmo estas dependencias cumpren unha función educativa xa que todos os días o persoal de servizos xerais deixa axudar aos nenos e nenas que, por quendas, poñen as mesas do comedor ou colaboran na xestión do lavado da roupa.

- O espazo exterior, fundamental na proposta educativa do centro e lugar privilexiado para o movemento dos grandes grupos de músculos (motricidade grosa), correr, andar en bici, experimentación con materiais que mollan ou manchan, … A choiva ou o frío no son un impedimento para que os nenos e nenas saian ao exterior, a non ser que estea un tempo realmente tormentoso. Isto resólveno para os cativos maiores poñéndose a súas botas de auga e roupa de abrigo, tomando o tempo preciso, sen présas, gozando do proceso e apostando pola autonomía nas accións dos nenos. Conta con diversidade de materiais cotiás que se preparan cada día.

A reflexión compartida con Cristina Llinares na que ademais de Cristina Elorza e Luisa Abad, participaron Lois Ferradás, profesor do departamento de didáctica e organización escolar da Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaborador dende o inicio do proxecto educativo da Rede de escolas do Consorcio, sendo gran coñecedor da realidade das escolas e, tamén tres persoas do equipo de atención educativa (Teresa Saco Coya, José Pablo Franco López e Herminia Piñón), versou sobre esta concepción dos espazos na escola infantil de Tui, que non deixan de ser similares a outros das escolas infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Este uso dos espazos fai que o máis salientable deste centro é o ambiente. Nel respírase unha atmosfera calma, chea de luz que cheira a fresco, cunha sensación cálida e acolledora que transmite emoción e ilusión en cada recuncho. Este ambiente é así porque está pensado e mimado nos detalles polo equipo da escola. Neste sentido os valores fundamentais que suxeitan o proxecto educativo da escola son: o traballo compartido; o esforzo continuo na busca da mellora; o diálogo constante e a cooperación; o respecto das diferenzas e a atención á diversidade; a visión das potencialidades persoais; o coidado, implicación e adicación en cada acción que se desenvolve,etc.

Mostra desta concepción é o panel de imaxes dos nenos e nenas do grupo de idade de 2-3 anos que está na entrada da escola

1 2

 

 

 

 

 

 

Todo sempre enmarcado nunha concepción de comunidade educativa, onde todos os axentes, especialmente as familias, están presentes e son importantes colaboradoras na labor de axuda no desenvolvemento e benestar das nenas e nenos. A escola está emprazada nun entorno inmellorable preto do centro cívico, do instituto e do centro da vila de Tui, o que permite que entorno entre na escola e a escola estea no medio social, cultural e educativo. Cristina Llinares comenta un dos proxecto “Contadas” que se leva a cabo co instituto de ensinanza secundaria, no cal as mozas e mozos veñen á escola contar contos aos cativos e cativas con moito éxito pola participación e implicación para ambas partes.

Cristina Llinares resalta que o que primeiramente propiciou este uso dos espazos foi a falta de espazo suficiente, de aí concebir todos os lugares con potencial e uso educativo, de cara a atender e poder dar resposta á diversidade de necesidades e ritmos de nenas e nenos. Por iso na escola infantil de Tui, todos os espazos empréganse e teñen unha utilidade que vén determinada por unha proposta educativa, tanto os exteriores (entrada ao centro, horto ou patio) coma os interiores (entrada, biblioteca, corredores, sala multiusos, cociña, lavandaría,…). Todo o equipo aporta para que cada espazo sexa importante e teña contido; exemplos disto son: o coidado pola orde e a estética, dando protagonismo á escoita e ao silencio, con posibilidade e liberdade de escolla por parte das cativas e cativos, cun papel por parte do persoal educativo centrado nas relacións e interaccións que se producen entre adulto e neno e que revisten de calidade os espazos, este tipo de acción vese na presenza da educadora máis alá da física, está plenamente na acción dos pequenos e pequenas, atendendo todo o que acontece.

Os catro piares do traballo que poden resumir o traballo educativo desta escola son:

  • Un proxecto de escola sinxelo, claro, explícito e ben documentado que pón o acento na acollida e no respecto a cada neno e a cada nena.

  • Este proxecto formúlase, mantense e dinamízase por un equipo ben coordinado e guiado por unha dirección moi consciente do seu papel de guía do proxecto da escola.

  • Un estilo de traballo en equipo, con responsabilidades claras, baseado no diálogo, sempre en progreso, … que inclúe a todo o persoal da escola.

  • Unha apertura ás familias e a outros axentes da comunidade, fundamentado no diálogo, o intercambio de información, onde se pide e  se ofrece colaboración.

    Para finalizar, faise fincapé no proceso de identificar e dar a coñecer as que consideramos boas prácticas na educación dos nenos e nenas máis pequenos, como é o caso da escola infantil de Tui, coa intención ou o desexo de inspirar prácticas semellantes en outros contextos educativos.

IMG-20170613-WA0007

Escola infantil de Tui 13 de xuño de 2017. Grazas a todo o equipo da escola!!

                                         

 

 

 

XOGAR AO AIRE LIBRE

Xogar ao aire libre é moi importante para favorecer o desenvolvemento positivo dos nenos e nenas. Non obstante, nas escolas infantís minusvaloramos con moita frecuencia este tempo de xogo nos espazos exteriores. Pensamos que as actividades por así decilo “serias” e “importantes” son as que se desenvolven dentro das aulas, e consideramos o xogo no exterior como tempo de “recreo” ou un pequeno descanso para as educadoras/es.

Atopamos con facilidade razóns para non saír cos nenos/as ao patio ou ao xardín, cando noutros países cunhas condicións metereolóxicas moito máis adversas que as nosas, os pequenos/as saen a xogar ao exterior diariamente e teñen moito máis contacto coa natureza.

Porén cando os espazos exteriores das escolas están ben pensados e deseñados e os/as profesionais que nelas traballamos nos facemos conscientes da importancia que teñen para os pequenos/as, o xogo ofrece oportunidades ilimitadas de experimentación, de aprendizaxes de gran riqueza que non se poden substituír en espazos pechados.

EI Baiona

EI Baiona

A actividade ao aire convértese neste sentido nun gran laboratorio de aprendizaxes e coñecementos porque nos permite entrar en contacto cunha gran variedade de estímulos e sensacións: o paso das estacións que cambia a paisaxe e a nosa forma de vestir, os cambios de tempo e a temperatura que se poden dar nun mesmo día, o vento que move as follas das árbores e nos acaricia as meixelas, a posición do sol que cambia durante o día, as sombras.., as nubes que atenúan a luz do sol…,o sol que seca a herba mollada…,a auga da chuvia que forma as charcas…, o roce das plantas, o canto dos paxaros, o ruído dun avión, o olor da herba ou das flores…etc.

EI Meira

EI Meira

Os espazos exteriores constitúen ademáis un hábitat privilexiado do xogo libre, que nos permite gozar da liberdade de movementos, do pracer de correr pequenos riscos en espazos máis amplos, máis irregulares e con novos retos, así como xogar e experimentar con elementos como a area, a terra, ás follas, a auga…,dun xeito diferente e moito máis enriquecedor que no interior.

IMG_4838

O xogo ao aire libre favorece tamén a socialización e o traballo en equipo xa que se exercitan habilidades tan importantes como negociar, compartir, cooperar…, manterse xunto aos outros nenos e nenas ou buscar a soidade, compartir xogos ou quedarse tranquilamente observando, alonxarse do adulto ou reunirse con él, etc.

EI Meira

EI Meira

Repensar a organización e os materiais que temos nos espazos exteriores das nosas escolas, así como as dinámicas de xogo que propoñemos, resulta sumamente importante, sendo necesario proxectar espazos exteriores cuidados que contemplen diferentes zonas de xogo, con elementos variados, que faciliten e enriquezan as actividades dos pequenos/as: pavimentos diferentes para poder circular, desniveis, area que se poda humedecer, auga para regar, arbustos diferentes, flores para cuidar ou pequenos hortos, árbores que cambian segúndo as estacións, elementos para o xogo motor que permitan trepar, subir, deslizarse, saltar, pasar por debaixo, metererse dentro, etc; con xoguetes e materiais que estimulen o xogo, non só caldeiros e pás, senon moldes, botes, caixas, rodas, pelotas, triciclos…etc. Cuidando sempre a estética e garantizando a seguridade.

IMG_4856

EI Muros

EI Baiona

EI Baiona

Máis información no libro:

Ritscher, P.(2006). El jardín de los secretos . Barcelona. España. Octaedro

Enderezos web de interese:

http://www.tierraenlasmanos.com/

https://elnousafareig.org/

RELADEI, unha revista científica de educación infantil. Último número.

RELADEI (Revista Latinoamericana de Educación Innfantil), é unha revista científica en formato electrónico que se publica cuadrimestralmente, e é coordinada desde Santiago de Compostela e editada polo Instituto Latinoamericano de Estudios sobre a Infancia (ILADEI) http://iladei.net/.

Nesta ligazón http://redaberta.usc.es/reladei/index.php/reladei accédese publicamente a ela, coas opcións de lectura en castelán, inglés, portugués e italiano.

Presenta unha selección de contidos moi valiosos asinados por autores recoñecidos no mundo da educación infantil internacional.

Nesta ocasión o último número é un monográfico sobre “Espacios e tempos na Educación Infantil”, coordinado por Lina Iglesias e Quinto Borghi, con reflexións moi interesantes de María Antonia Riera Jaume, Clara Eslava Cabanellas, cunha presentación de experiencias de Ángeles Abelleira Bardanca e recensións de Javier Abad Molina entre outros.

Recomendamos a súa lectura.