Arquivo da categoría: O TRABALLO EN REDE

CONSTRUÍNDO A IDENTIDADE

“A construción da identidade é unha necesidade afectiva (sentimento), cognitiva (conciencia de se mesmo e do outro como persoas diferentes) e activa (conciencia de facer e dicir). É unha necesidade tan vital e imperativa que se non se satisfai, non é posible a saúde mental.”

Vicenç Arnaiz

Na presente entrada recompilamos unha serie de propostas que se están a desenvolver no conxunto da Rede, como colección de recursos para axudar a forxar a identidade a través das palabras, das historias, dos obxectos, dos relatos,.. na que é imprescindible, unha vez máis a colaboración, implicación e colaboración das familias. Non debemos esquecer que a toma de conciencia da nosa individualidade está estreitamente ligada ao sentimento de pertenza a unha comunidade, neste caso a escola.

escola-infantil-de-o-valadouro“Así vou crecendo”

Libro que se elabora en colaboración coas familias no que recolle a evolución da nena e do neno ao longo dos seus tres primeiros anos tanto na escola coma no ámbito familiar. É un recurso moi interesante como documento de avaliación do desenvolvemento global da crianza e pode axudar na transición ao segundo ciclo.

“A bolsa afectiva”.

Bolsa coas pertenzas das nenas e dos nenos. Coa colaboración e participación das familias, elabórase un coxín transparente (bolsas grandes de conxelado que teñen peche, onde as familias introducen obxectos que se identifican coa crianza (un pano, un chupete, unha foto da familia, un peluche…). Este coxín está ao alcance da nena ou do neno, o que lle permite usalo cando precisa dalgún dos obxectos que o conforma.


escola-infantil-a-fonsagrada1“Construímos as nosas caixas”

Construción de caixas individualizadas coas familias para realizar xogos psicomotrices, actividades de asemblea. A realización da actividade pode desenvolverse na casa ou nalgún obradoiro destinado para tal fin.

“O libro viaxeiro “cats

Esta actividade consiste en construír entre todos un libro onde, coa colaboración e participación das familias, se potencia coñecer á crianza dentro do seu ámbito familiar, con anotacións que a familia fai das súas preferencias, comidas preferidas, xoguetes, lugares onde xogar, animais de casa, … constitúe un emocionado reportaxe de contextos de moito contido emocional.


escola-infantil-de-poio“As miñas cousas teñen o seu lugar na escola”

Identificación do cepillo de dentes, da cunca de beber, da caixa para gardar a roupa, colocar os babeiros. Son actividades cotiás onde se favorece que as nenas e os nenos teñan un lugar onde deixar e recoller as súas pertenzas. Enriquece a proposta que son lugares (sitios, caixas, bolsas…) que previo ao uso que se lles dá (que pequenas e pequenos deixen ou recollan alí as súas cousas), elabóranse en colaboración e participación das nenas e os nenos e en moitos dos casos coas súas familias.

“A miña foto na asemblea”escola-infantil-a-bola1

A asemblea é un encontro co grupo de crianzas da aula onde se favorece a comunicación e a escoita activa das nenas e os nenos, no corro dáse un momento para que a través das súas propias fotografías identifiquen a súa imaxe.
Estas deben ser en formato grande para que facilite a identificación da nena ou neno e das súas compañeiras e compañeiros.

“As nosas caixas-espello”.

Son caixas pequenas onde se poden atopar as fotos das nenas e dos nenos e da súa familia en diferentes lados da caixa, no fondo desta un espello pegado onde a nena e o neno pode ver a súa imaxe reflectida.


escola-infantil-de-xinzoEspazos propios
.

En case todas as aulas, podemos encontrar un lugar onde se visualiza e dá en valor as producións das nenas e os nenos. Ben a través de creacións propias (murais, manualidades..) ou ben a través de fotografías que mostran actividades menos duradeiras (construcións, talleres, sesións de psicomotricidade…).

“O noso libro de aula”

A documentación fotográfica forma parte do noso día a día, o obxectivo é sempre ter ferramentas de avaliación e de autoavaliación, no camiño, estas materias fotográficos forman parte de espazos dentro da aula, nos corredores ou espazos das familias e noutras ocasións, forman parte dun libro que axuda ao equipo educativo a proxectar ás familias o traballo diario coas súas fillas e os seus fillos. Adoitan formar parte da biblioteca de aula, xunto outros libros viaxeiros relacionado coas vivencias persoais das nenas e os nenos.


escola-infantil-de-gondomar1“Espazo para compartir coas familias”
.

Recanto na aula no que se colocan as fotos da nena e o neno e as súas familias á súa altura onde poden manipulalas, compartilas, interaccionar cos demais… As familias adoitan traer fotos das persoas máis achegadas á crianza (avós, irmáns, tía,..), o que axuda á nena e ao neno a identificarse no seo da súa familia.


“Que estamos facendo? A miña imaxe en pantalla”

Esta actividade consiste en gravar as nenas e os nenos na súa actividade cotiá (xogando, comendo, falando, na asemblea, escoitando un conto, cando chegan coa súa nai ou o seu pai…) e logo velos todos xuntos ou por grupos a través do proxector.
Permite que nenas e nenos se recoñezan a se mesmo e aos seus compañeiros e tamén favorece a identidade dentro do grupo-aula.


cats (1)“O protagonista da semana”

Nesta proposta a nena e o neno ao longo da semana é o protagonista de actividades variadas que xiran en torno á súa persoa: colocar as fotos das súas compañeiras e compañeiros, ser o primeiro no tren, recibir a visita da súa familia na escola, (pode ser a nai, pai, ou ambos os dous, un avó ou irmán) que contan ao resto da clase cousas da nena ou neno protagonista,…



escola-infantil-de-baiona-3“A caixa dos tesouros”

A caixa é decorada pola crianza e a súa familia, e entre eles deciden cales son os ” tesouros” que se poden atopar dentro cando abrimos a caixa (un anel, un espello, unha caixa de música, unha moeda do avó, un pano da irmá,..). Os obxectos son presentados e compartidos co resto de compañeiras e compañeiros da aula. Enriquece a actividade que a propia familia da crianza comparta ese momento de presentación dos seus tesouros na aula.

Estas actividades son unha pequena mostra do traballo desenvolvido ao redor da construción da identidade da crianza, o nexo de unión a todas elas parte dun ambiente cálido e amable, a seguridade afectiva, o respecto polos ritmos de cada pequena e pequeno, e por suposto, a confianza no sentir e no facer de cada nena e neno.

XUNTANZA SOBRE EDUCACIÓN INFANTIL EN OSLO ORGANIZADA POLA OCDE

49317514book-cover-150O pasado día 23 e 24 de xaneiro tivo lugar en Noruega unha reunión de alto nivel sobre a Educación Infantil, baixo o título “Comezando forte: complementando políticas para asegurar a calidade da Educación Infantil”, organizada pola OCDE (Organización para a cooperación e o desenvolvemento económico), institución que ofrece un foro onde os gobernos poden traballar conxuntamente para compartir experiencias e atopar solucións para os problemas comúns.

A esta reunión, en representación de España, foron convidas, diferentes persoas implicadas na calidade da educación como: Maite Larrañaga, xerente do Consorcio Haurreskolak, Elvira Sánchez Igual, Responsable de comunicación da Asociación Mundial de Educadores Infantís (AMEI-WAECE), Alejandro Fernández-Checa, Asesor de Educación do Concello de Valencia e Ana Albert, Concelleira de Educación do Concello de Valencia e en representación da Rede de Escolas Infantís de Galicia , Roberto Rodríguez Martínez, Xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.

A temática da xuntanza centrábase en cuestións relativas á calidade da Educación Infantil así como ás políticas necesarias para a mellora neste ámbito:

  • Establecer obxectivos de calidade.
  • Deseñar e implantar currículos e normas.
  • Mellorar as condicións de traballo, cualificacións e formación.
  • Involucrar á familias e comunidades.
  • Avanzar na investigación e experimentación.

Esta oportunidade de encontro axuda a xerar criterios comúns para seguir traballando en políticas centradas na mellora da calidade de Educación Infantil, sobre todo no ámbito do 0-3, onde as e os profesionais seguimos traballando para desvincular a atención educativa á primeira infancia da garda e custodia das máis pequenas e pequenos.

Esta nova, é un recoñecemento a todas e todos os profesionais que co voso traballo diario facedes posible unha educación de calidade para as nenas e nenos do ciclo 0-3 da Rede de Escolas Infantís de Galicia, a través da innovación, formación e avaliación permanente na vosa labor directa coas crianzas, familias e outras e outros profesionais. Sabendo que todo isto é posible grazas a grandes doses de esforzo e ilusións compartidas nun obxectivo común: o recoñecemento da importancia da educación nestes primeiros anos de vida.

PROXECTO EDUCATIVO MARCO

¿Qué entendemos por proxecto educativo?

O proxecto_educativo_marco corresponde ao 2º nivel de concreción curricular, é dicir, é a adaptación do currículo ao contexto do centro no que se produce a intervención educativa.

Poderiamos definilo como: unha proposta integral que, contextualizada nunha realidade concreta e definindo as propias metas de identidade, permite levar a cabo, de forma coherente e eficaz, os procesos educativos do centro (Ruíz, Ruíz, JM).

Este instrumento de traballo deberá ser motivo dunha reflexión constante e aberto sempre á mellora e ao perfeccionamento (Antúnez, s.1993). Debe conter unha proposta global e colectiva de actuación a longo prazo, en cuxa elaboración participan todos os membros da comunidade escolar, que permite dirixir de modo coherente o proceso educativo nun centro ( Bernal Agudo, JL 2006).

Trátase dun instrumento breve e manexable, de fácil aceso e consulta, flexible e progresivo, susceptible de modificación e mellora mediante os procesos continuos e sistemáticos de avaliación.

Dende o Equipo de Atención Educativa estamos a traballar neste documento para actualizalo e achegalo máis a realizade das nosas escolas, incluíndo dentro do mesmo a proposta pedagóxica que nace da práctica diaria e a reflexión conxunta.

DOCUMENTOS COLABORATIVOS

” Impulsar as redes entre profesores e entre centros, pasa por crear un clima en que todos comprenden que experimentar non está prohibido, que se asume o risco do erro, que se poden facer as cousas mellor ou peor, pero para o que non hai escusa posible é para non facelas. Impulsar as redes interprofesionais, interinstitucionais e comunitarias pasa por recoñecer aos actores, hoxe secundarios (familias, asociacións,…), e por esixir proxectos e resultados, en lugar de apego aos procedementos, aos protagonistas primarios, aos efectos destes centros, aos profesores e ás direccións dos centros”. MFEnguita (2007) “Redes para la innovación educativa”. Cuadernos de Pedagogía. Nº374

Nas nosas escolas, unha das propostas para impulsar este traballo en rede é a participación, colaboración e implicación das direccións (como representantes dos equipos educativos das escolas) na reflexión conxunta sobre as boas prácticas educativas. Na actualidade, contamos na rede con varios documentos colaborativos froito das xuntanzas de direccións onde se analizan, póñese en común e avalíase o traballo educativo que se desenvolve nas escolas.

Podedes atopar os documentos mencionados nos enlaces que aparecen a continuación:

O PERÍODO DE ADAPTACIÓN

Este documento é a síntese das achegas realizadas por cada escola na 1ª xuntanza de dirección do curso 2008/09, onde se inicia unha dinámica de recollida de información e aportacións que permite ter en conta todos os puntos de vista e crear entre todos/as os implicados/as neste proxecto a idea de escola que queremos construir e transmitir.

doc_colaborativo_01_periodo-de-adaptacion1

O NADAL

Este documento é a síntese das achegas realizadas por cada escola na 2ª xuntanza de dirección do curso 2008/09, onde se continúa unha dinámica de recollida de información e achegas que permite ter en conta todos os puntos de vista e compartir as nosas formas de facer escola.

doccolaborativo_02_o-nadal

OS INFORMES ÁS FAMILIAS

Este documento é a síntese das achegas realizadas por cada escola na 3a xuntanza de dirección do curso 2008/09, onde se continúa unha dinámica de recollida de información e achegas que permite ter en conta todos os puntos de vista e compartir as nosas formas de facer escola.

doc-colaborativo_03_informe_familia

COMUNICACIÓN, PARTICIPACIÓN E RELACIÓN COAS FAMILIAS

Este documento é a síntese das achegas e conclusións realizadas polo conxunto das escolas da rede nas xuntanzas de direccións que se desenvolveron no mes de Abril de 2011 en torno á temática das relacións familia-escola.

doccolaborativo_04_comunicacionparticipacion-e-relacion-familias